Actualidade

Ex., 17-07-2026
Ex., 17-07-2026
Venres, 03 de abril de 2026
O novo Nomenclátor de Galicia modifica en Ames os topónimos de unha parroquia, de dúas advocacións e de nove lugares, e incorpora cinco nomes de lugar

O Consello da Xunta aprobou o novo Nomenclátor Galicia que en Ames implica a modificación dos topónimos de unha parroquia, de dúas advocacións e de nove lugares, ademais da incorporación de  cinco nomes de lugar.

Venres, 27 de marzo de 2026
Ábrese o prazo de inscrición para participar na actividade “Arrolar e bailar”, do programa Apego

O programa Apego continúa coa súa programación de actividades do primeiro semestre de 2026. Nesta ocasión, organízase para o vindeiro venres, 10 de abril, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, o obradoiro “Arrolar e bailar”, impartido pola Fundación Legar. O prazo de inscrición está aberto desde hoxe, 27 de marzo, ata o vindeiro xoves 9 de abril. Para participar é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto.

Luns, 23 de marzo de 2026
O Concello de Ames presenta unha nova edición do Certame Literario

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, presentou esta mañá a XXIII edición do Certame Literario de Ames, no que todas as persoas que o desexen poden presentar os seus textos inéditos de temática libre escritos en lingua galega. O prazo de presentación está aberto ata o vindeiro día 30 de abril. Pódese consultar o resumo das bases do certame na seguinte ligazón e descargar a ficha de participación nesta outra ligazón. Así mesmo, pódese consultar o folleto con toda a información desta edición do Certame Literario na seguinte ligazón.

Luns, 23 de marzo de 2026
Arredor de 60 alumnos/as de catro centros educativos de Ames participan no certame do Enreguéifate

O Enreguéifate volve confirmar a súa boa acollida nesta nova edición do seu certame de regueifas en vídeo, que pechou a convocatoria cun total de 84 vídeos inscritos entre as dúas categorías do concurso (escolar e xeral). A diversidade das propostas recibidas pon de manifesto a capacidade dos xéneros de improvisación oral en galego para adaptarse, medrar e conectar coas novas xeracións. No concello de Ames participaron arredor de 60 alumnos/as, xunto co seu profesorado, dos CEIP A Maía, Agro do Muíño e Barouta, e do IES do Milladoiro. A novena edición do certame foi impulsada polos concellos de Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo. Os vídeos premiados poden verse na web do certame ou na canle de Youtube.

Venres, 06 de marzo de 2026
O equipo do IES do Milladoiro clasifícase para a final do Club de Debate Alingua 2026

O Campus Tecnolóxico Cortizo, en Padrón, acolleu este xoves 5 de marzo a cuarta xornada de clasificación da fase de zona do Club de Debate Alingua 2026. En dita xornada participaron 7 equipos entre os que se atopaban tres equipos de Ames, dous do IES de Ames de Bertamiráns e un do IES do Milladoiro, que competiron contra tres equipos do IES de Cacheiras e un do CPI dos Dices de Rois. O IES do Milladoiro conseguiu a primeira posición cun total de 323 puntos, polo que se clasifica para a fase final que se celebrará no mes de abril.

Xoves, 05 de marzo de 2026
Aberto o prazo de inscrición para o espectáculo “Garavanciña”, de Migallas Teatro, incluído no programa Apego

O programa Apego continúa coa súa programación de actividades do primeiro semestre de 2026. Nesta ocasión, organízase para o vindeiro venres, 13 de marzo, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, o espectáculo “Garavanciña”, de Migallas Teatro. O prazo de inscrición está aberto desde hoxe, 5 de marzo, ata o vindeiro xoves 12. Para participar é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto.

Mércores, 04 de marzo de 2026
Tres equipos do concello de Ames participan na fase previa do Club de Debate Alingua 2026

Este pasado luns, 2 de marzo, comezaron as fases previas do Club de Debate Alingua 2026. Un total de 37 equipos, formados por alumnado de educación secundaria e bacharelato e procedentes de centros educativos de 13 concellos, están competindo ata o 6 de marzo por un lugar na gran final do Club de Debate Alingua. Do concello de Ames participan os dous IES, representados por un equipo do Milladoiro e dous de Bertamiráns. Os tres equipos de Ames compiten este xoves, 5 de marzo, na fase de zona que se celebra no Campus Tecnolóxico Cortizo, en Padrón. 

Martes, 03 de marzo de 2026
Derradeiros días para participar no certame do Enreguéifate

Tras unha edición de récord, na que foron impartidos máis de cen obradoiros escolares de improvisación oral, o proxecto Enreguéifate convida agora á poboación escolar e á cidadanía de toda Galicia a participar no seu certame de regueifas en vídeo, cuxo prazo de inscrición pecha este mesmo venres 6 de marzo. O certame e mailo proxecto son impulsados polos servizos de normalización lingüística de Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo e teñen como obxectivo espertar a curiosidade pola improvisación oral en galego, sobre todo entre a mocidade, contribuíndo no proceso á boa saúde da regueifa, unha parte do noso patrimonio oral que experimentou nos últimos anos un grande crecemento en popularidade.

Martes, 24 de febreiro de 2026
Ames celebra o Día de Rosalía de Castro cunha gala protagonizada por alumnado dos centros educativos e pola cantautora Sheila Patricia

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu onte, 23 de febreiro, unha gran festa rosaliana, o evento central das actividades organizadas polo Concello para conmemorar o mes da autora. A Gala Rosalía, que contou cunha gran participación da veciñanza e do alumnado dos centros educativos de Ames, puxo en valor a figura da escritora e a súa vinculación co concello. Canda a veciñanza de Ames, na gala participaron o alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, a concelleira de Educación, Beatriz Martínez, e concelleiros/as do goberno municipal e dos grupos municipais do Partido Popular e do BNG. O acto pechouse cun concerto da cantautora Sheila Patricia. Pódese acceder á galería completa de imaxes na seguinte ligazón.

Luns, 23 de febreiro de 2026
A excursión literaria “Viaxando con Rosalía” rexistra un novo éxito de participación con 50 persoas

No marco do Día de Rosalía de Castro, o Concello de Ames, mediante o departamento de Normalización Lingüística, organizou o pasado sábado, 21 de febreiro, a xa habitual excursión literaria “Viaxando con Rosalía”, unha ruta polas localizacións de referencia da vida e obra de Rosalía de Castro. O itinerario, no que participaron cincuenta persoas, foi conducido pola experta rosaliana María López Sández, e rematou na Casa-Museo da escritora, en Padrón. A programación completa das actividades do Día de Rosalía pódense consultar na seguinte ligazón.