Actualidade

O Concello de Ames abre o prazo para solicitar permiso para a realización de cacharelas na noite de San Xoán (23 de xuño de 2024). No caso dos espazos públicos, o prazo comprende do 5 ao 17 de xuño, ás 13:30 horas; mentres que para os espazos privados será do 5 ao 21 de xuño, tamén ás 13:30 horas. As normas faranse extensivas á celebración de cacharelas/sardiñadas durante todo o mes de xuño. As solicitudes deberán presentarse preferentemente por rexistro telemático, a través da Sede electrónica do Concello de Ames. Tamén poderá facerse de maneira presencial nas Oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello.

O pasado sábado 1 de xuño tivo lugar unha nova camiñada teatralizada polas Fragas do Tambre. A actividade, na que participaron 47 persoas, desenvolveuse en horario de mañá e estivo amenizada polo grupo teatral Os Quinquilláns. O percorrido de 4 quilómetros arrancou na aldea de Oca e discorreu pola capela do Corpiño e por preto do río Tambre, rematando no Pazo de Lens. Ao remate servíronse uns petiscos saudables.

“NON é culpable” é o motivo escollido pola Concellaría de Xestión do Medio Rural amesá para unha nova campaña de sensibilización, que chega ante as numerosas queixas recibidas sobre as molestias causadas polos excrementos de cans. O abandono de excrementos na rúa e nas zonas verdes supón un risco para a saúde pública, provoca contaminación visual, olfactiva e acuática, e dificulta as tarefas de limpeza municipais. A campaña difundirase por redes sociais, colocaranse carteis en zonas de lecer e parques, e colaborarase coa Policía Local para que reforce a vixilancia neste eido, podendo aplicar sancións dos 500 aos 10.000 euros.

O campo da festa de Bugallido acolleu este sábado, 11 de maio, a segunda edición da Feira do Pan e do Cereal, para poñer en valor un produto esencial na gastronomía, na tradición e na cultura galega, a través de exposicións, charlas, obradoiros e degustacións. A través desta feira búscase animar ás persoas do rural a recuperar o cultivo das terras agrarias con cereais autóctonos como o trigo, centeo ou a cebada; cultivos que noutros momentos quedaron relegados e que agora teñen unha grande oportunidade de triunfar da man da recuperación e valoración do pan tradicional. As charlas e os obradoiros foron de balde e con entrada libre ata completar aforo. Houbo unha gran afluencia de público durante toda a xornada. Os obradoiros e mesas redondas tamén rexistraron unha boa participación. Pódese acceder á galería da feira premendo nesta ligazón.

O campo da festa de Bugallido acollerá este sábado, 11 de maio, a II Feira do Pan e do Cereal, coa que se quere poñer en valor un produto esencial na gastronomía, na tradición e na cultura galegas. Esta feira busca animar ás persoas do rural a recuperar o cultivo das terras agrarias con cereais autóctonos como o trigo, centeo ou a cebada; cultivos que noutros momentos quedaron relegados e que agora teñen unha grande oportunidade de triunfar da man da recuperación e valoración do pan tradicional. O evento, que busca ser un referente dentro do seu sector, foi presentado esta mañá na Casa do Concello. Premendo nesta ligazón podes acceder á listaxe de establecementos participantes na II Feira do Pan e do Cereal.

O Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, acolleu esta fin de semana a primeira edición do Mercado de Maio, unha iniciativa organizada pola asociación Menais co obxectivo de promover un modo de vida máis respectuoso coa comunidade e o medio natural. Desenvolveuse os días 4 e 5 de maio, e contou con música en directo, un mercado e diversas actividades e obradoiros para toda a familia.

Un ano máis, o Concello de Ames presenta a súa programación municipal de campamentos para este verán. A través desta programa ofértanse 500 prazas repartidas entre 13 campamentos con estadía nocturna, que se desenvolverán en distintas datas entre o 23 de xuño e o 2 de setembro. Ademais, organizaranse dúas quendas para participar no campamento urbano da Aula da Natureza, entre o 1 e o 26 de xullo. O prazo de solicitude de praza estará aberto ata o 24 de abril. Farase enviando a ficha de solicitude a través do rexistro telemático da Sede electrónica do Concello, ou presencialmente nos rexistros de calquera administración pública adherida á plataforma de intercambio rexistral (SIR). Consulta as bases ao completo premendo nesta ligazón.

A praza do Concello, en Bertamiráns, acolleu esta mañá a presentación dunha nova camiñada teatralizada, a cargo dos Quinquilláns, que se vai a realizar o vindeiro sábado, 13 de abril, polas Fragas do Tambre. Esta actividade, que se desenvolverá en horario de mañá, de 10.00 a 14.30 horas, arranca na aldea de Oca e discorre pola capela do Corpiño e preto do río Tambre, rematando no Pazo de Lens. O percorrido ten unha distancia de 4 quilómetros e ao remate serviranse uns petiscos saudables. Para participar é preciso inscribirse ata o 12 de abril. Para iso hai que enviar o impreso de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. Ofértanse un total de 40 prazas. Haberá servizo de autobús. Para máis información pódese chamar aos números de teléfono: 660 00 46 65, 609 92 36 16 ou 649 45 02 64. Recoméndase levar roupa cómoda e auga. Nos vindeiros meses está previsto facer dúas camiñadas máis por esta mesma ruta.

O Concello de Ames, a través da Concellaría Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, pon en marcha dende o 8 de abril, unha campaña para tratar de mitigar a expansión da especia invasora da avespa velutina. Dese xeito, comenzarase co reparto do material para o trampeo da avespa velutina no municipio. O persoal do departamento de Medio Ambiente será o encargado de ceder 100 unidades de líquido atrainte de raíñas. Ao mesmo tempo, achéganse unhas instrucións básicas sobre a colocación das trampas e a utilización do líquido atrainte. Dende o Concello farase un seguimento e avisarase, unha vez finalizado o período de trampeo, sobre a conveniencia de retirar as trampas para non danar outras especies. Cómpre lembrar que cando se atopa un niño de avespa velutina hai que chamar ao 012.

A Aula da Natureza organiza este sábado, 6 de abril, un obradoiro de construción de refuxios para morcegos. Esta actividade está dirixida a rapaces e rapazas de entre 8 e 14 anos, e realizarase en horario de 11:00 a 14:00 horas na Carballeira dos Trasgos, en Paramuíño. Para inscribirse é preciso enviar a ficha de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. Ofértanse un total de 35 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición. En caso de choiva, o obradoiro farase nas instalacións da Aula da Natureza, no lugar de Quintáns (Ameixenda).
- ‹ anterior
- 10 de 29
- seguinte ›




