Actualidade

Ex., 30-08-2026
Ex., 30-08-2026
Sábado, 27 de xullo de 2024
O persoal da Brigada Aprol acondiciona a biomasa vexetal dos camiños de Agron e Piñeiro e de catro fincas de titularidade municipal

Dende o pasado 3 de maio o Concello de Ames conta cunha capataz forestal e un peón que forman a nova brigada Aprol Rural. Trátase dun grupo de traballo que realiza traballos de acondicionamento de biomasa naquelas parcelas e camiños de propiedade municipal que o precisan. Transcorridos preto de tres meses de traballo, realizaron o acondicionamento da biomasa vexetal dos camiños de Agron e Piñeiro e de 4 fincas de titularidade municipal. Durante a súa contratación ocuparanse da xestión da biomasa de camiños forestais nas parroquias de Agrón, Ameixenda, Ortoño, Piñeiro e Tapia e farán preto de 4.500 notificacións de incumprimento de xestión de biomasa nas faixas secundarias de xestión de biomasa. Ademais, o Concello conta con tres peóns forestais, contratados dende abril a través do programa PEL da Deputación da Coruña, que entre outras tarefas colaboran na identificación de fincas forestais que incumpren a normativa de prevención de incendios forestais.

Mércores, 17 de xullo de 2024
490 rapaces e rapazas de Ames participan nos campamentos de verán organizados polo Concello

O Concello de Ames ofrece unha ampla programación municipal de campamentos para este verán. A través deste programa ofertáronse 500 prazas repartidas entre 13 campamentos con estadía nocturna, que se desenvolven en distintas datas entre o 23 de xuño e o 2 de setembro. Ademais, organizáronse dúas quendas para participar no campamento urbano da Aula da Natureza, entre o 1 e o 26 de xullo. Este ano cubríronse o 98% das prazas ofertadas, con 490 usuarios/as inscritos/as das 500 prazas existentes.

Sábado, 13 de xullo de 2024
O Concello de Ames avanza na creación de comunidades enerxéticas

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, está traballando na creación de comunidades enerxéticas. Para elo este martes, 16 de xullo, ás 20.00 horas, haberá unha charla informativa no local social de Trasmonte, para informar á veciñanza da posibilidade de crear comunidades enerxéticas. No pasado mes de maio xa se fixo unha primeira xuntanza informativa neste mesmo centro social. Esta segunda xuntanza foi solicitada por varias persoas interesadas para coñecer como formar a primeira comunidade enerxética do concello de Ames.

Venres, 12 de xullo de 2024
O plan de prevención de incendios forestais de Ames servirá como modelo para outros países da Unión Europea

O Concello de Ames vén de recibir unha boa nova. O plan de prevención de incendios forestais mediante a plantación de frondosas caducifolias, que se puxo en marcha no ano 2017, foi validado polo Interreg Europe como unha Boa Práctica e isto significa que servirá de modelo para mostrarlle a outros países o que se está facendo no noso concello. O plan xa está publicado en Interreg Europe Policy Learning Platform como unha Boa Práctica. O plan de medidas preventivas mediante a repoboación con frondosas caducifolias do Concello de Ames nace coa finalidade de poñer en mans dos veciños, unha vez cumprida a lei, unha ferramenta que lles permita repoboar a súas fincas colaborando ao tempo coa prevención de incendios e evitando a diminución drástica da superficie arborada do concello e a conseguinte perdida de diversidade. Actualmente, estase executando a sétima fase de dito plan no ámbito 34 de Cruxeiras, que afecta a 350 parcelas. A superficie destas parcelas ascende a 66,07 hectáreas, das cales 28,44 hectáreas son superficie de xestión.

Mércores, 10 de xullo de 2024
Preséntase o dispositivo municipal de actuacións ante incendios forestais para 2024

O Concello de Ames presentou esta mañá o plan municipal de incendios forestais de 2024, que inclúe as actuación en materia de prevención de incendios e mailo dispositivo municipal de actuacións ante lumes forestais para o período estival deste ano. A finalidade deste dispositivo municipal dentro do Plan de Incendios na temporada de alo risco, que vai do 1 de xullo ao 30 de setembro, é a organización dos distintos medios persoais e materiais cos que conta o Concello para actuar dun xeito rápido e eficaz fronte a posibles incendios forestais que poidan desenvolverse no concello. O obxectivo é que ante un incendio forestal cada grupo de intervención saiba cal é a súa labor evitando ou minimizando os imprevistos e facilitando a colaboración do Concello co director/a de extinción. Premendo nesta ligazón podes descargar o plan municipal de incendios forestais de 2024.

Martes, 09 de xullo de 2024
Inscríbete e participa na Noite de Estrelas

Dentro da programación estival municipal, a Aula da Natureza organiza Noite de Estrelas, unha xornada para gozar da astronomía dende o alto de san Marcos. A actividade, dirixida a todos os públicos, desenvolverase o sábado 13 de xullo entre as 21:00 horas e as 00:00. As prazas son limitadas, polo que para participar é necesario inscrición previa. Podedes anotarvos mandando un correo a auladanatureza@concellodeames.gal.

Mércores, 26 de xuño de 2024
Participa na camiñada teatralizada polas Fragas do Tambre deste domingo 30 de xuño

As Concellarías de Xestión do Medio Natural e Turismo organizan para este domingo unha nova camiñada teatralizada, a cargo dos Quinquilláns, que se vai a realizar o vindeiro domingo, 30 de xuño, polas Fragas do Tambre. Esta actividade, que se desenvolverá en horario de mañá, de 10.00 a 14.30 horas, arranca na aldea de Oca e discorre pola capela do Corpiño e preto do río Tambre, rematando no Pazo de Lens. O percorrido ten unha distancia de 4 quilómetros e ao remate serviranse uns petiscos saudables. Para participar é preciso inscribirse antes das 14.00 horas deste venres 28 de xuño. Para iso hai que enviar o impreso de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. Ofértanse un total de 40 prazas. Haberá servizo de autobús. Para máis información pódese chamar aos números de teléfono: 660 00 46 65, 609 92 36 16 ou 649 45 02 64. Recoméndase levar roupa cómoda e auga.

Martes, 18 de xuño de 2024
A Aula da Natureza organiza unha saída para recoller as herbas de San Xoan

A Aula da Natureza organiza o vindeiro domingo 23 de xuño unha saída para recoller as herbas de San Xoán e elaborar o cacho, unha tradición pagá con séculos de antigüidade, de celebración do solsticio de verán e protección contra as criaturas da noite. Esa actividade terá lugar nas instalacións da Aula da Natureza, no lugar de Quintáns (Ameixenda), en horario de 11:00 a 13:00 horas. É recomendable levar unha cestiña para a recollida das herbas. Non hai límite de prazas, pero é necesario inscribirse antes do 21 de xuño, enviando a ficha de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.

Luns, 17 de xuño de 2024
Comezan os traballos de limpeza subsidiaria en parcelas incluídas na rede de faixas secundarias para protexer ás persoas e bens de posibles lumes forestais

A semana pasada comezaron os traballos de limpeza subsidiaria no lugar de Costoia, pertencente á parroquia de Biduído, onde se están limpando tres parcelas que suman unha hectárea de superficie. Ademais, está previsto que se realicen traballos de xestión da masa forestal no monte do Galiñeiro, no lugar de Maguxe, pertencente á parroquia de Ortoño. Neste caso vanse limpar 20 parcelas, que suman unha superficie de 2,5 hectáreas. Estes traballos enmárcanse dentro do convenio de colaboración, que asina anualmente o Concello coa Xunta, Fegamp e Seaga, para a xestión da biomasa forestal da rede de faixas secundarias que veñen establecidas na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Mércores, 05 de xuño de 2024
Abre o prazo para solicitar permiso para realizar cacharelas na noite de San Xoán 2024

O Concello de Ames abre o prazo para solicitar permiso para a realización de cacharelas na noite de San Xoán (23 de xuño de 2024). No caso dos espazos públicos, o prazo comprende do 5 ao 17 de xuño, ás 13:30 horas; mentres que para os espazos privados será do 5 ao 21 de xuño, tamén ás 13:30 horas. As normas faranse extensivas á celebración de cacharelas/sardiñadas durante todo o mes de xuño. As solicitudes deberán presentarse preferentemente por rexistro telemático, a través da Sede electrónica do Concello de Ames. Tamén poderá facerse de maneira presencial nas Oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello.