Actualidade

Ex., 28-08-2026
Ex., 28-08-2026
Sábado, 31 de agosto de 2024
Carmen Porto, Blas García, Román Rodríguez e Manuel Vila

A Xunta aprobará este luns no Consello a licitación da obra de construción do novo colexio CEIP do Milladoiro, por case 9,8M€. Anunciouno esta mañá o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, nunha visita á parcela onde se edificará o centro, xunto co alcalde de Ames, Blas García. A previsión é poder iniciar as obras no primeiro semestre de 2025, co obxectivo de que o centro estea operativo no curso 2026/27.

Xoves, 18 de xullo de 2024
Imaxe de arquivo do servizo de comedor escolar

Pasadas as tres semanas que se deron de prazo para presentar posibles achegas, onte mércores 17 de xullo realizouse unha xuntanza de traballo da comunidade educativa que compón o Consello Escolar Municipal de Ames. En dita xuntanza traballouse na modificación da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación dos servizos complementarios educativos e de conciliación do Concello de Ames.

Venres, 12 de xullo de 2024
Arredor de 400 nenos e nenas participan na Escola de Verán durante a primeira quincena de xullo

O pasado 1 de xullo daba comezo unha nova edición da Escola de Verán, que se está a desenvolver no CEIP da Maía, no CEP de Ventín e na EEI do Milladoiro. Durante a primeira quincena de xullo, un total de 386 nenos e nenas están a participar neste programa de conciliación, unha iniciativa que pretende ofrecer unha alternativa de ocio e tempo libre aos nenos e nenas. A programación durante a primeira quincena de xullo xira arredor da cultura celta e a súa influencia nas nosas tradicións.  

Sábado, 06 de xullo de 2024
Imaxe de arquivo dos campamentos de verán

O Concello de Ames oferta para este verán un amplo abano de programas e actividades para os nenos/as e mozos/as co obxectivo de que se manteñan entretidos e se divirtan durante a época estival na que non hai actividade académica. Con estes programas preténdese axudar ás familias amesás a compatibilizar a vida laboral e a familiar. Dentro dos programas lúdicos realízanse o Xuño Lúdico, a Escola de Verán e mailo Setembro Lúdico, nos que hai inscritos 1.278 usuarios/as. Non se contabilizan os usuarios/as do Setembro Lúdico debido a que na actualidade está aberto o prazo de inscrición para este programa. Nos campamentos municipais de verán hai inscritos 490 nenos/as e mozos/as. Cubríronse o 98% das 500 prazas ofertadas. Ademais, este ano, como novidade, púxose en marcha o programa de conciliación dirixido á mocidade con diversidade no que hai 12 usuarios/as. En total, contabilízanse 1.780 usuarios/as nestes programas, a falta da participación no Setembro Lúdico.

Luns, 01 de xullo de 2024
Aberto o prazo de inscrición do programa de conciliación Setembro Lúdico 2024

Desde hoxe e ata o 15 de xullo está aberto o prazo para inscribirse no servizo de conciliación “Setembro Lúdico”, que este anos se desenvolverá os días 2, 3, 4, 5, 6, 9 e 10 de setembro. O programa ten un horario de 7:30 a 16:00 horas, e inclúe os servizos de comedores e Bos Días. Poderán participar aquelas familias empadroadas no concello de Ames con crianzas escolarizadas no segundo ciclo de educación infantil e primaria (non poderán participar os nenos/as que vaian cursar 4º de infantil no curso 2024/2025 nin os nenos/as que para o curso 2024/2025 vaian a cursar a ESO). As persoas interesadas deben entregar a documentación necesaria na Sede electrónica do Concello de Ames, ou ben nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames (O Milladoiro e Bertamiráns). Pódese obter o impreso de inscrición premendo nesta ligazón.

Venres, 28 de xuño de 2024
Imaxe do comedor do CEIP Agro do Muíño

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu o pasado martes , 25 de xuño, unha nova xuntanza do Consello Escolar Municipal de Ames, onde o Goberno presentou unha proposta sobre a modificación da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación dos servizos complementarios educativos e de conciliación así como do borrador para a modificación do Regulamento da Rede municipal de comedores escolares, Bos Días Cole e Tardes Divertidas. Dita proposta recolle engadir novos tramos ás cotas de comedor, incrementalas en comedor, lúdicos e Escola de verán entre o 10,5%-11% e non modificar os programas Bos Días e Tardes Divertidas durante o curso 2024-2025. Nos seguintes cursos modificarase a ordenanza para todos os servizos de conciliación conforme ao IPC.

Xoves, 27 de xuño de 2024
Preto de 200 nenas e nenos amesáns participan no programa de conciliación Xuño Lúdico

Coa chegada das vacacións de verán, a Concellaría de Educación de Ames puxo en marcha o programa de conciliación Xuño Lúdico, no que está a participar rapazada do segundo ciclo de infantil e de educación primaria entre o 24 e o 28 de xuño. En total, o Xuño Lúdico acolle a 196 nenas e nenos, que están repartidos do seguinte xeito: 116 no CEIP da Maía, de Bertamiráns;  e 80 no CEP de Ventín. A iniciativa ofrece un amplo abano de actividades educativas e culturais pensadas para todos os rapaces e rapazas daquelas familias que precisen conciliar a súa vida familiar e laboral unha vez rematado o curso escolar. Nesta edición do programa, os cativos e cativas aprenden sobre o deporte e a igualdade para traballar aspectos como os beneficios que aportan o deporte ou a necesidade de poñer as gafas violetas en todos os aspectos da vida cotiá.

Venres, 21 de xuño de 2024
O IES do Milladoiro celebra o seu décimo aniversario coa gala “Polo Milladoiro que queremos”

O IES do Milladoiro, en colaboración coa ANPA do IES do Milladoiro e co Concello de Ames, organizou unha serie de actos para hoxe, venres 21 de xuño, co obxectivo de celebrar seu o décimo aniversario. Deste xeito, ás 10.00 horas inaugurouse na Casa da Cultura do Milladoiro a exposición “Ao son da Oralidade, da pedra á palabra”. Esta exposición é froito dun traballo de investigación colaborativo do alumnado do IES Milladoiro co do IES Marco do Camballón, e foi gañadora do premio Antonio Fraguas do Museo do Pobo Galego. A maiores, no marco da celebración do décimo aniversario, no auditorio da Casa da Cultura celebrouse unha gala na que participaron alumnos/as e profesores/as de diversos niveis. Foi unha gala chea de emoción, arte e creatividade, na que se fixo un  percorrido por estes dez anos de ensino público.

Xoves, 20 de xuño de 2024
Xunta e Concello de Ames avanzan na planificación do novo colexio do Milladoiro, cuxa obra está previsto licitar en xullo

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidade e FP, Román Rodríguez, e o alcalde de Ames, Blas García, mantiveron esta mañá unha reunión de traballo en San Caetano para abordar a planificación da construción do novo CEIP do Milladoiro. No encontro tamén participaron a concelleira de Educación, Carmen Porto, e o secretario xeral técnico da Consellería, Manuel Vila.

Xoves, 20 de xuño de 2024
Os usuarios/as da Rede municipal de comedores escolares rematan o curso xantando hamburguesa con patacas fritidas

As nenas e nenos usuarias da Rede municipal de comedores escolares xantaron hoxe hamburguesa con patacas fritas, un menú elixido previamente nas elección feitas días atrás. Nesta ocasión, por terceiro ano consecutivo, impúxose a hamburguesa. O primeiro prato, puré de verduras, foi escollido pola nutricionista municipal. A sobremesa, que tamén a elixiu o alumnado, foi o xeado artesán de vainilla. Este foi o décimo noveno ano no que se celebraron estas peculiares eleccións nos comedores escolares.