Pestanas principais

O Concello de Ames únese ao movemento #NoMoreMatildas con motivo do Día da Muller e da Nena na Ciencia

Mércores, 10 de febreiro de 2021

Con motivo da conmemoración este xoves, 11 de febreiro, do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, o Concello de Ames, a través da Concellaría de Igualdade, quere poñer en valor o movemento #NoMoreMatildas, que nace da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas para denunciar as consecuencias do Efecto Matilda, que non é outro que o de non recoñecer os logros das mulleres científicas cuxo traballo se atribuía na maioría das veces aos seus colegas masculinos ou mesmo aos seus maridos, e que conta co respaldo do Parlamento Europeo.

Esta iniciativa quere recuperar a figura de científicas referentes, levándoas aos libros de texto para darlle a visibilidade que merecen e que o seu traballo serva para inspirar a nenas e mozas nas súas aspiracións e vocacións profesionais. Deste xeito, a concelleira de Igualdade, Luísa Feijóo, explica que “o obxectivo desta campaña é poñer o foco na falta de referentes femininos na ciencia e na persistencia, aínda hoxe en día, de estereotipos como o de que ás nenas e as mulleres se lle dan peor as ciencias e a tecnoloxía que aos nenos e homes”.

Lise Meitner, Marie Lavoisier, Rosalind Franklin, e por pouco Marie Curie, son as 'Matildas' máis recoñecidas da historia. Científicas ás que lles arrebatou a fama e os éxitos dos seus descubrimentos para darllos ao home que tiveran ao seu carón, xa fose o seu marido ou o seu compañeiro de laboratorio. A primeira muller en denunciar esta práctica foi a activista norteamericana, Matilda Joslyn Gage, no século XIX, e de aí o nome deste movemento.

Segundo a UNESCO as mulleres supoñen o 28% do alumnado en carreiras científicas no mundo. En España preocupa que a presenza das mozas nas aulas para cursar carreiras STEM non se incrementa como se agardaba, senón que se está a reducir nos últimos anos, aínda que no concello de Ames, e concretamente no instituto situado en Bertamiráns, dáse a particularidade que nunha das aulas de bacharelato de ciencias o alumnado é practicamente todo feminino.

Luísa Feijóo, engade que “aínda temos un gran traballo por diante, temos que seguir concienciando á sociedade, ao profesorado, ás familias para que non poñan en dúbida as capacidades das nosas nenas nos eidos científicos e tecnolóxicos. Tamén temos que seguir traballando para eliminar eses estereotipos que aínda se seguen transmitindo dun xeito inconsciente”.

Animamos a todas as nosas 'Matildas', nenas, mozas, profesionais, mulleres de ciencias a que visibilicen o seu apoio ao movemento subindo fotos ás redes cos hastag #NonMaisMatildas e etiquetando ao Concello de Ames (@ConcelloAmes en Twitter; @Concello de Ames en Facebook; e @concellodeames en Instagram).

Que houbese pasado se Einstein houbese sido muller?
#NoMoreMatildas é unha campaña da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas que busca denunciar as consecuencias do Efecto Matilda. Unha idea de Gettingbetter coa colaboración de Dospassos que busca recuperar referentes científicos para inspirar e fomentar a vocación científica en nenas e adolescentes. Dentro desta campaña realizouse un vídeo que podes ver premendo nesta ligazón, onde se reflexiona que houbese pasado se Einstein houbese sido muller en lugar de home? E se plantexan preguntas como se o seu xenio científico houbera chegado tan lonxe?; ou se sería tan universalmente coñecida?

Vídeo amesá sobre o Día da Muller e da Nena na Ciencia
Ademais, cómpre lembrar que dende as Concellerías de Promoción Económica e de Igualdade do Concello de Ames, realizouse unha peza audiovisual para dar visibilidade á muller na ciencia e a innovación, mostrando distintas iniciativas que, dende o eido privado e público, se están a desenvolver por mulleres e nenas de Ames.

Deste xeito, farase pública a labor que, tanto rapazas como adultas, realizan no sector da ciencia. O vídeo farase eco do traballo que fan nenas como Laura Montaña e Rosana Fernández do IES Ames; Clara González e Antía Somoza, xunto coa súa profesora Mónica Parente, no IES do Milladoiro; Martina Rey Pérez, Aixa Tarrio Mato, Enma Martinez Carrillo e Adriana Trenco Varela, alumnas do CEIP de Barouta. Neste traballo audiovisual tamén aparecen Sara Zendón e Elena Ventoso, do CEP Plurilingüe de Ventín; Aldara Domínguez e Candela Penedo do CEIP A Maía, e Zoe Glasscock e Julia Abelleira do CEIP Agro do Muíño.

En canto ás mulleres que se adican á ciencia e á innovación en Ames, o vídeo mostra empresas innovadoras con sede no concello de Ames. Deste xeito, participan Paula Rey, xerente de Aseguramento de Calidade e Asuntos Regulatorios da empresa Conic Vascular España; Paz Dapena, xefa de proxectos da empresa Bahía Software; e Berta Caro, directora de corporativo da empresa Tecalis Innovacións. Ademais, participan no proxecto Victoria Otero Espinar, unha investigadora matemática, que dispón dunha experiencia en investigación de 32 anos e cunha experiencia como docente de 34 anos, e Magdalena Seco, médico e xefa de servizo do centro de saúde do Milladoiro.

Movemento NoMoreMatildas.