O Festival Internacional de Cinema Infantil “Cinema Miúdo”, que se celebrará do 12 ao 15 de novembro en Ames, anuncia dous obradoiros vinculados á temática desta novena edición: o poder da ciencia. As actividades terán lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns e combinarán experimentación e creatividade. O sábado 14, terá lugar o primeiro obradoiro, A ciencia detrás do cine: luces, imaxes e reaccións sorprendentes, dirixido a nenos e nenas de 6 a 12 anos; e o domingo 15, Xogando coa cianotipia, unha proposta aberta a todos os públicos. As entradas xa están á venta na Billeteira electrónica.
Os obradoiros son gratuítos, pero requiren inscrición. O prazo está aberto a partir de hoxe, 2 de novembro, a través do correo electrónico actividades@cinemamiudo.gal. As prazas son limitadas e é necesario indicar na mensaxe o nome e a idade das persoas participantes. Máis información en cinemamiudo.gal/obradoiros.
A ciencia detrás do cine: luces, imaxes e reaccións sorprendentes
O primeiro obradoiro será o sábado 14, de 10:30 a 12:30 h, na Casa da cultura de Bertamiráns. As Curuxas conducirán este obradoiro para 20 participantes de entre 6 e 12 anos. Desde a pregunta, “Que teñen en común a ciencia e o cine?”. A actividade permitirá descubrir como a luz, a percepción visual e a química interveñen na creación de imaxes en movemento e efectos sorprendentes.
A rapazada construirá taumátropos, fenaquistiscopios e unha cámara escura para coñecer algúns dos principios que están detrás das orixes do cinema. Ademais, converterase en pequenos científicos e científicas preparando mesturas que cambian de cor, creando neve artificial e provocando a erupción dun volcán.
Xogando coa cianotipia
O domingo 15 de 10:30 a 12:30 h, terá lugar na Casa da cultura de Bertamiráns o segundo obradoiro da fin de semana está dedicado á cianotipia, unha técnica de impresión fotográfica baseada na acción da luz. A proposta permitirá achegarse a esta técnica fotográfica desde a práctica e a experimentación, descubrindo as posibilidades creativas da luz.
Como novidade desta edición, a actividade está aberta a todos os públicos: os nenos e nenas poden participar acompañados das súas familias, os adultos poden asistir pola súa conta e os menores de seis anos deberán acudir acompañados dunha persoa adulta.
Cinema Miúdo, unha cita co cinema desde a infancia
O Festival Internacional de Cinema Infantil Cinema Miúdo é unha cita anual coa que o Concello de Ames achega o cinema á infancia e ao público familiar. A través dunha selección de curtametraxes procedentes de diferentes países, o certame ofrece unha xanela a outras culturas, linguaxes e formas de contar historias, ao tempo que promove a educación audiovisual e o pensamento crítico.
Os nenos e nenas participan como xurado, votando as súas películas favoritas a través dun aplausómetro e toman parte en obradoiros e actividades que os achegan á creación cinematográfica. Na pasada edición, o festival reuniu a máis de 2.000 asistentes.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Cinema Miúdo organiza dos talleres de ciencia y cine para los más pequeños en Ames"





