- Tematica
A karateka do Milladoiro, Olivia Parga García, vén de proclamarse campioa galega de kumite -47 kg no Campionato galego de karate celebrado a primeira fin de semana de outubro no pavillón municipal de Esteiro, en Ferrol. Deste xeito, a deportista amesá consegue o quinto campionato galego de karate nas diferentes categorías polas que foi pasando.
A primeira fin de semana de outubro disputouse na cidade de Ferrol o Campionato galego de karate. Olivia Parga quedou exenta da primeira rolda ao ser cabeza de serie. Cando entrou en competición disputou dous grandes combates contras as karatecas da Escola Deportiva Shihan de Lugo, ás cales venceu por 7-2 na segunda rolda e por 5-1 na final.
É o quinto campionato galego que gaña Olivia Parga nas diferentes categorías polas que foi pasando. Con este resultado proclámase campioa galega de kumite en -47 kg e consegue o acceso para a preselección do Campionato de España, que se celebrará en Valencia no mes de novembro, e no que ten moita ilusión e esperanzas de facer un bo papel.







