- Tematica
O pasado sábado, 3 de outubro, pechou o punto de atención ao peregrino e de información turística do Milladoiro. Dende o 3 de agosto ata o 3 de outubro atendéronse un total de 6.430 persoas. Deste xeito, produciuse un forte incremento na atención de usuarios/as en dito punto informativo respecto ao pasado verán de 2025, pasando de 572 a 6.430 persoas. Isto representa un aumento de 11 veces máis usuarios/as atendidos. Este incremento foi debido a nova localización da caseta do punto de información turística, preto da Casa da Cultura do Milladoiro e en pleno trazado do Camiño Portugués, que facilitou a atención dos usuarios. Un 46% das persoas usuarias eran de procedencia española, seguidas das que chegaron dende Italia, Portugal e Alemaña.
Este servizo préstase por cuarto ano consecutivo e xorde da colaboración do Concello de Ames coa Asociación de Amigos do Camiño Portugués en Ames e Teo. A novidade deste ano, e o motivo polo que se incrementou de xeito tan notorio o número de persoas que solicitaron este servizo, atende ao cambio na situación da caseta do punto de información turística, que este ano se atopa ao carón da Casa da Cultura do Milladoiro, ao pé do Camiño Portugués. O perfil medio do/a usuario/a atendido/a foi unha muller adulta, española e peregrina.
O alcalde de Ames e concelleiro de Turismo, Blas García; a técnica municipal de Turismo, Sonia Moure; e a xerente do Albergue do Milladoiro e ecónoma da Asociación de Amigos do Camiño Portugués en Ames e Teo, Eugenia González, visitaron a semana pasada o punto de atención ao peregrino e de información turística que estivo operativo dende o pasado 3 de agosto no Milladoiro. Tamén estiveron presentes o presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués en Ames e Teo; Enrique Repiso Pacheco; e un dos mozos que atenderon dito punto informativo, Antonio Llecha.
O alcalde e concelleiro de Turismo, Blas García, “valorou moi positivamente o novo cambio de localización, ao estar no propio Camiño incrementouse notablemente as visitas dos peregrinas e peregrinos. Acabamos estes dous meses de atención con máis de 6.000 visitantes. Na súa maior parte, os peregrinos eran de orixe española, case nun 50%, pero tamén tivemos moitos visitantes portugueses e italianos. Imos a seguir traballando, agora o que buscamos é, de cara ao vindeiro Xacobeo 2027, abrir a caseta durante máis meses ao ano, xa que creo que os datos dos camiñantes que pasan por aquí e finalmente chegan a Santiago son interesantes”.
O presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués en Ames e Teo; Enrique Repiso Pacheco afirmou que a actividade do punto de información turística este ano foi “un rotundo éxito”. “Os números indican que a atención se multiplicou por 11 en comparación aos anos anteriores, fundamentalmente polo esforzo do Concello de reubicar a caseta, que anteriormente estaba preto da área de autocaravanas. Antes non estaba visible dende o Camiño, e agora neste novo punto está a pé de Camiño, polo que pasan moitas máis persoas que están interesadas en ver que actividades turísticas ofrece o Concello de Ames”.
Ademais, Enrique Repiso sinalou que as cifras son moi favorables, “atendéronse 122 persoas de media ao día, o que responde a que foron atendidas 1 de cada 10 persoas que realizan o Camiño Portugués, cando antes se atendían 1 de cada 100. Iso é digno de orgullo, e para o ano, tendo en conta as horas de maior afluencia, regularemos os horarios para poder chegar aínda a máis peregrinos. O Camiño creceu moito nos últimos anos, e desde o Concello e dende a Asociación de Amigos do Camiño Portugués temos que darlle un mellor servizo e enfocarnos aínda máis para que a etapa por Ames sexa favorable”.
Unha das persoas encargada de prestar os servizos de atención turística durante estes meses de verán foi Antonio Llecha, que valorou de xeito moi positivo a súa experiencia e o día a día na caseta. “Este mes tivemos moita xente, sobre todo de España, na súa maioría de Andalucía. Entre os países de procedencia máis comúns están Portugal, Francia, Italia ou Alemaña. Normalmente os visitantes demandan información sobre o concello, así como cousas de interese que facer en Compostela”, explicou.
O obxectivo deste servizo é acoller, prestar atención e facilitar información ás/aos peregrinas/os e ás persoas usuarias do albergue e da área de autocaravanas, así como difundir entre os residentes, visitantes e turistas os servizos e recursos culturais, patrimoniais e turísticos de Ames. Este punto de información turística estivo atendido por Antonio Llecha e Daniel Lorenzo.
Usuarios atendidos no punto de información
Dende o pasado 3 de agosto ata o 3 de outubro atendéronse un total de 6.430 persoas. Deste xeito, incrementouse en 5.858 os usuarios/as de dito punto informativo respecto de 2025, o que representa un aumento de máis do 1000%. Deste xeito, atendeuse a unha media de 122 persoas por día, o que equivale a unhas 10 persoas máis por día aberto que en 2025. Os usuarios/as atendidos por ano foron os seguintes: 255 en 2023; 606 en 2024; e 572 en 2025.
Os horarios estiveron divididos en dous puntos. De 10.00 a 14.00 horas, e de 16.00 a 18.00 horas, sendo nas primeiras horas de atención nas que se recibiron máis demandas diarias. Por este motivo, o Concello baralla mudar os horarios de cara aos próximos anos e potenciar a atención nesas horas da mañá. Os días de maior afluencia da semana foron os sábados e os domingos.
Perfís dos usuarios/as
As procedencias dos usuarios/as foi moi variada. O 46% foron españois, o 10% de Italia, o 6% procedían de Portugal, o 5% de Alemaña, un 2% de Reino Unido, outro 12% do resto da Unión Europea, un 10% máis de América, un 4% de Asía, e un 3% de outros lugares do mundo. O perfil medio do/a usuario/a atendido/a foi unha muller adulta, española e peregrina.
Un 61% das usuarias foron mulleres, e un 83% de idade adulta. Estas, a maiores de selar a credencial, solicitaban na súa maioría información sobre o concello, demandaban mapas e folletos e tamén información sobre taxis e autobuses, fronte a unha minoría que preguntaron sobre sitios de interese en Santiago, a eclipse solar e sobre outra información xeral.
Colaboración con ASCAMPOR
Este punto de información estivo atendido por Daniel Lorenzo e Antonio Llecha, dous rapaces que participan no programa "Iniciativas sociais no Camiño" da Asociación de Amigos do Camiño Portugués en Ames e Teo, entidade coa que o Concello de Ames chegou a un acordo para poñer en marcha este punto de información turística e atención ao peregrino.
Esta iniciativa nace froito da colaboración do Concello de Ames coa Asociación de Amigos do Camiño Portugués en Ames e Teo. ASCAMPOR é unha asociación privada sen ánimo de lucro que fixa os seus obxectivos na divulgación da peregrinación a Santiago de Compostela e o Camiño de Santiago. Da colaboración da Asociación coa parroquia de San José do Milladoiro na atención aos peregrinos naceu o proxecto social Albergue Milladoiro que o próximo ano 2027 cumpre o seu décimo aniversario.
Esta asociación ten como obxectivos a promoción do Camiño de Santiago e toda a súa contorna como elemento dinamizador dunha acción social, vinculada ás necesidades concretas do territorio; e maila acollida do peregrino. Tendo en conta estes obxectivos desenvolven un proxecto de inclusión social e primeiro emprego, a través do cal puxeron en marcha en 2017 o albergue do Milladoiro e en 2023 o punto de atención ao peregrino e de información turística, en colaboración co Concello de Ames.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "La oficina turística de Ames bate récords: de 572 consultas a 6.430"
El Correo Gallego: "El punto de información turística de Milladoiro multiplica por once su afluencia al reubicarse en el Camino Luso"
Diario de Santiago: "O punto de información turística do Milladoiro atendeu durante o verán a preto de 6.500 persoas"









