- Tematica
Continúa a programación de outono do Ames Cultural, coa presentación do libro Fran Pérez-Narf Canto Sentido o vindeiro xoves, 15 de outubro, na Casa da Cultura de Bertamiráns. O acto será a partir das 20.00 horas, e contará coa participación do autor, Xelís de Toro, e a artista Uxía. Dita programación conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, e da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
A obra que se presenta recupera a memoria e o legado dun dos músicos máis singulares e queridos da cultura galega contemporánea, Fran Pérez-Narf, dez anos despois do seu pasamento. Así, esta historia trenza as diversas facetas que o protagonista desempeñaba en vida: a música, o teatro, a escrita, as viaxes, e, de maneira moi sinalada, os encontros e colaboracións que moldearon esta obra chea de carácter.
Lonxe de ofrecer unha biografía convencional, o libro propón un retrato coral, poliédrico e necesariamente incompleto, a través dunha suma de lembranzas, documentos, músicas, fotografías e palabras que permiten achegarse á complexidade humana e creativa de Fran Pérez.
Máis alá da escrita
O volume inclúe materiais de especial valor documental, como a totalidade das súas letras, máis dun cento de fotografías e un diario da súa irmá María, que acompaña as emocións e preparativos dos días previos á súa última actuación. Tamén un CD cunha antoloxía de gravacións, moitas inéditas, da súa traxectoria.
Canto sentido ofrece un retrato coral e vívido de Fran Pérez, Narf, construído por moitas das persoas que o coñeceron, o acompañaron e compartiron con el músicas, escenarios e vida: Xelís de Toro, Marga Tojo, Carlos Santiago, Quico Cadaval, Alfonso Espiño, Antonio Pérez, Pepe Sendón, Ramón Bermejo, Marcos Teira, Javier Abraldes, Fran Pérez, Prue Waller, Curtis Lugay, Jim Sanders, Uxía, Cremildo Bahule, Catarina Estrela, Montse Dopico, Cheny Wa Gune, Sónia Sultuane, María Pérez, Zé Rui Martins e Antonio Vázquez.
Fran Pérez, Narf. Canto sentido quere ser un espazo de encontro entre a memoria e a creación, entre o arquivo e a emoción, habitábel para quen compartiu a vida con Fran e para quen se achega agora á súa obra. Un libro-disco que recupera materiais, reúne afectos e contribúe a transmitir o legado dun artista fundamental.







