Pestanas principais

O Concello de Ames apoia a XEA e reitera a necesidade de incluír ao municipio no programa MercaNaVila ou crear unha iniciativa de características similares

Martes, 06 de outubro de 2026

A Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) vén de enviarlle un escrito á Deputación da Coruña expresando o malestar e preocupación pola configuración da campaña Merca na Vila, promovida pola entidade provincial, especialmente polo criterio establecido para determinar os concellos beneficiarios. A campaña conta cun investimento de arredor de 5 millóns de euros destinados aos concellos de menos de 20.000 habitantes, deixando fóra unicamente 11 concellos, entre os que se atopa Ames. O Concello de Ames apoia a XEA e reitera a necesidade de incluír ao municipio no programa MercaNaVila ou crear unha iniciativa de características similares.

Esta reivindicación de XEA conta co respaldo do Concello de Ames. O Pleno do Concello de Ames, na sesión ordinaria celebrada o 29 de decembro de 2025, acordou por unanimidade esixir á Deputación da Coruña a modificación inmediata dos criterios do programa MercaNaVila, reclamar a creación dunha liña específica de axudas destinada aos concellos medianos e solicitar a inclusión de Ames en futuras edicións da iniciativa.

Neste sentido, o alcalde de Ames, Blas García, remitiu o pasado mes de xuño unha carta á Deputación da Coruña na que solicitaba que se tivesen en conta os acordos adoptados polo Pleno municipal, así como que a institución provincial evitase promover situacións que poidan xerar competencia entre os distintos municipios. Na mesma comunicación, o rexedor reclamaba que, no caso de non ser posible a inclusión de Ames no programa, se habilitase o crédito necesario para desenvolver no municipio unha campaña de características similares.

Esta petición foi reiterada agora polo Concello de Ames tras a nova solicitude de revisión da campaña formulada por Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA). Desde o Concello amesán agárdase que esta nova petición sexa atendida e que a Deputación reconsidere os criterios do programa, tendo en conta o posible impacto que determinadas iniciativas poden ter sobre o comercio local dos concellos que quedan fóra da convocatoria.

Desde XEA valoran positivamente que o Concello e empresarios compartan a preocupación polo posible impacto desta convocatoria nos comercios dos municipios excluídos e coincidan na necesidade de buscar alternativas que permitan apoiar tamén estes establecementos.

Tramos de investimento segundo a poboación
Ademais, desde XEA explican: “non estamos en contra de apoiar especialmente os concellos de menor poboación. Consideramos necesario impulsar o comercio local e entendemos que este tipo de iniciativas poden ser moi beneficiosas. Porén, entendemos que o criterio exclusivamente poboacional exclúe a numerosos pequenos comercios que afrontan exactamente as mesmas dificultades, independentemente do número de habitantes do concello no que estean situados. Ademais, o comercio non entende de límites administrativos. Os consumidores desprázanse entre concellos e unha campaña deste volume pode atraer consumo cara aos municipios beneficiarios en detrimento dos comercios dos concellos excluídos”.

Engaden “consideramos que sería posible establecer diferentes tramos de investimento segundo a poboación, priorizando os concellos máis pequenos pero permitindo tamén a participación dos restantes. Máis aínda tendo en conta que na edición anterior non se chegou a executar a totalidade dos fondos previstos, a pesar da ampliación do prazo”.

XEA trasladou a súa preocupación á Deputación
Por outra banda, desde XEA din que mantiveron unha reunión coa Deputación da Coruña, na que lle trasladaron directamente a desconformidade coa configuración da campaña. Como alternativa, desde a Deputación propuxeron a posibilidade de establecer unha subvención específica para as asociacións dos concellos excluídos. En XEA agradecen a disposición, pero consideran que non é unha solución equivalente á participación en Merca na Vila. 

“Unha subvención ás asociacións non garante que todos os comercios do concello poidan beneficiarse, xa que poderían quedar fóra os establecementos que non estean asociados. Ademais, segundo se nos trasladou, a axuda cubriría aproximadamente o 80% do investimento, polo que as asociacións terían que asumir inicialmente o 20% restante. Por iso, desde XEA entendemos que o apoio ao comercio debe chegar directamente ao maior número posible de establecementos, independentemente de que pertenzan ou non a unha asociación”.

Unha petición de revisión
Por último, desde XEA solicítanlle á Deputación da Coruña que reconsidere o deseño de Merca na Vila e busque unha fórmula que permita manter unha maior intensidade de apoio aos concellos pequenos, pero que tamén dea cabida aos comercios dos municipios que superan os 20.000 habitantes. “Non pedimos máis para uns nin menos para outros. Pedimos que o apoio ao comercio local chegue ao conxunto do comercio local da provincia, independentemente do tamaño do concello ou da asociación á que pertenza cada establecemento”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Frente común de la patronal XEA, PP y Concello de Ames para ser incluidos en el programa Merca na Vila"

La Voz de Galicia: "Ames cuestiona el límite de población del plan MercaNaVila que deje fuera a su comercio"

O Concello de Ames apoia a XEA e reitera a necesidade de incluír ao municipio no programa MercaNaVila ou crear unha iniciativa de características similares