Pestanas principais

O Club de Debate Alingua abre a inscrición da edición 2026-2027

Domingo, 04 de outubro de 2026

A iniciativa, promovida pola Asociación de Entidades pola Lingua Galega (Alingua), para a promoción do uso oral do galego, consolídase como unha das grandes referencias da dinamización lingüística no calendario escolar. O período de inscricións estará aberto ata o 20 de novembro de 2026. En xaneiro celebraranse as sesións formativas co alumnado inscrito, as fases previas terán lugar a finais de febreiro e a gran final será no mes de abril de 2027. Cómpre lembrar que o equipo do IES do Milladoiro foi o campión do Club de Debate Alingua 2025-2026. Os anfitrións conseguiron o título na final celebrada no pasado mes de abril no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns.

Na procura do alumnado de secundaria e bacharelato máis hábil coas palabras comeza de xeito oficial a edición 2026-2027 do Club de Debate Alingua. O certame, que busca fomentar a oratoria, o pensamento crítico e o uso do galego entre a mocidade, manterá aberto o período de inscricións ata o 20 de novembro. A iniciativa diríxese ao alumnado de 3º e 4º de ESO e 1º de bacharelato, ou cursos equivalentes dos ciclos formativos. Os equipos estarán formados por grupos de entre 4 e 10 membros e contarán cun docente que se encarga de adestrar, asesorar e representar o equipo.

O Club de Debate Alingua mobilizou durante o pasado curso preto de medio milleiro de persoas, entre alumnado e docentes, deica o mes de abril, cando o IES do Milladoiro resultou vencedor na igualadísima final celebrada no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, quedando en segundo lugar o IES Terra de Xallas de Santa Comba e no terceiro chanzo do podio os Filipenses de Vilagarcía de Arousa. 

O Club de Debate Alingua é unha iniciativa altamente valorada polo alumnado participante, que a miúdo solicita repetir asistencia a un evento que vai máis aló dos propios momentos competitivos. E é que desde a súa creación, este Club de Debate ofrece espazos e tempo para dinámicas de interacción onde os mozos e mozas dos diversos centros educativos poden mesturarse e compartir actividades guiadas polo monitorado. Deste xeito, o formato abre oportunidades para empatizar cos rivais, compartir experiencias e acadar novas amizades, alén de activar a lingua galega nos espazos de convivencia, obxectivo fundamental do proxecto. 

Na súa longa traxectoria, o Club de Debate Alingua demostrou ser unha ferramenta de éxito non só para a promoción do uso da lingua galega, senón tamén en prol do espírito crítico, a tolerancia ante a diversidade de pensamentos e o traballo en equipo, consolidándose como unha das referencias de éxito no calendario escolar no eido da dinamización lingüística. 

O Club de Debate Alingua abre a inscrición da edición 2026-2027

Multimedia

  • O Club de Debate Alingua abre a inscrición da edición 2026-2027