Pestanas principais

Apróbase o expediente de licitación para a mellora enérxetica e adaptación do local social de Piñeiro por 131.769 euros

Domingo, 27 de setembro de 2026

A Xunta de Goberno Local, celebrada o pasado xoves 17 de setembro, aprobou o expediente de licitación das obras de mellora enerxética e adaptación do local social de Piñeiro. O orzamento base de licitación deste proxecto ascende a 131.769,19 euros (IVE incluído). Este proxecto emárcase no Plan Conecta Ames, que está cofinanciado pola Unión Europea, a través de fondos europeos FEDER dentro do programa Plurirrexional de España 2021-2027 e da Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (PAI-EDIL).

O Plan Conecta Ames recolle catro grandes proxectos, todos eles son proxectos transformadores, cun enfoque de converxencia entre a área de intervención e o resto do municipio. Ademais, son proxectos realistas, maduros e que se poden realizar no prazo previsto. Por último, son integradores, participados e divulgados. No caso do Concello de Ames todas estas premisas cúmprense ao ser proxectos xa incluídos na Axenda Urbana 2030 e que seguen unha estratexia xeral. 

O alcalde de Ames, Blas García, explica "que a través do Plan Conecta Ames vanse investir preto de 11 millóns de euros, un investimento moi importante que vai a servir para cambiar o noso concello e ter un concepto distinto do Ames que coñecemos agora mesmo. Nesta ocasión dito investimento vaise a repartir en proxectos para os núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos núcleos do rural. Un dos proxectos é para achegar os servizos de atención á veciñanza ao rural. Para iso vanse a mellorar os locais sociais. Comezamos coa adaptación do local social de Piñeiro, que se vai a reformar e no que se van executar melloras enerxéticas".

Mellora da oferta de servizos no rural
O cuarto proxecto do Plan Conecta Ames recolle a creación e adaptación das dotacións para mellorar a oferta de servizos no rural e favorecer a centralidade dos núcleos. Trátase de facer unha reforma para a adaptación de usos ás necesidades da poboación nova e maior e da rehabilitación enerxética dos locais sociais das parroquias de Piñeiro, Biduído, Ames e Trasmonte.

Tamén se contempla a creación de puntos de atención municipal (equipamento dixital e dotación de 5G) e un programa de alfabetización dixital das comunidades; e a posta en marcha dun plan de dinamización dos núcleos, a través da programación de apoio social, loita contra a soidade e fornecemento cultural da man das asociacións municipais, nun marco de fomento da autoxestión. 

Cómpre lembrar que o Plan Conecta Ames conta cun orzamento total de gasto de 10.912.878 euros. De dito importe o Concello de Ames vai sufragar 6.547.727 euros (60%), a través de fondos europeos FEDER da Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL), mentres que o 40% restante, que ascende a 4.365.151 euros, terá que ser achegado a través de financiamento propio, autonómico ou provincial. 

Adaptación do local social de Piñeiro
A actuación proxectada ten por obxecto a mellora enerxética, funcional e de accesibilidade do local social de Piñeiro, mediante a execución dunha serie de intervencións encamiñadas a adecuar o edificio ás necesidades actuais de uso e ás esixencias normativas vixentes. 

No interior do edificio vaise reorganizar a zona de servizos situada no extremo este da edificación. Para iso procederase á demolición dos aseos existentes e á execución dunha nova distribución que permitirá dispoñer dun aseo accesible adaptado para persoas con mobilidade reducida e dun cuarto de limpeza independente. O resto da superficie útil do edificio manterá a súa configuración diáfana actual destinada a actividades sociais, culturais e comunitarias. 

Ademais, mellorarase a envolvente térmica do edificio mediante a execución dun sistema de illamento térmico exterior en fachadas, a substitución das carpinterías exteriores por outras de maiores prestacións enerxéticas e a mellora do illamento da cuberta. As instalacións existentes serán renovadas mediante a implantación dun sistema de climatización mediante bomba de calor de alta eficiencia enerxética, a renovación da iluminación interior mediante tecnoloxía LED e a adecuación das instalacións auxiliares afectadas polas obras. 

No exterior procederase á demolición do alpendre existente, actualmente en desuso e con escasa funcionalidade para as necesidades do edificio. Co fin de mellorar as condicións de accesibilidade, executarase unha nova rampla de acceso adaptada e realizarase a adecuación do terreo circundante mediante recheos e nivelacións que permitan eliminar desniveis e garantir a continuidade dos percorridos accesibles. 

Así mesmo, construirase unha nova pérgola exterior na zona próxima ao acceso ao edificio, formada por estrutura metálica e destinada a albergar unha instalación fotovoltaica para autoconsumo. A actuación completarase coa colocación de varandas de protección naquelas zonas onde resulte necesario garantir as condicións de seguridade de utilización. Finalmente, incorporaranse medidas de accesibilidade cognitiva mediante sinalización, pictogramas e elementos de orientación que faciliten a comprensión e utilización das instalacións por parte de todas as persoas usuarias.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Comienza la mejora y adaptación de locales sociales para confort de los vecinos de Ames con el de Piñeiro"

Apróbase o expediente de licitación para a mellora enérxetica e adaptación do local social de Pilñeiro por 131.769 euros

Multimedia

  • Apróbase o expediente de licitación para a mellora enérxetica e adaptación do local social de Pilñeiro por 131.769 euros
  • Apróbase o expediente de licitación para a mellora enérxetica e adaptación do local social de Pilñeiro por 131.769 euros