Pestanas principais

Ames aposta pola mobilidade para todas as persoas na VIII Semana Europea da Mobilidade

Luns, 21 de setembro de 2026

O Concello de Ames vai celebrar por oitavo ano consecutivo a Semana Europea da Mobilidade, que neste 2026 se desenvolverá no municipio os días 25 ao 26 de setembro, cunha serie de actividades a prol da mobilidade para todas as persoas. Deste xeito, o programa inclúe unha marcha ciclista nocturna cun percorrido de 8 quilómetros que se desenvolverá o día 25 de setembro en Bertamiráns; e actividades e xogos populares en bici previstos para o sábado 26 de setembro no Milladoiro. O prazo de inscrición para participar nestas actividades xa está aberto, só é preciso enviar un correo electrónico ao enderezo mobilidade@concellodeames.gal. Na organización desta actividades colaboran a Policía Local e maila Agrupación de Protección Civil. 

A Semana Europea da Mobilidade é unha campaña dirixida a sensibilizar, tanto aos responsables políticos como á cidadanía, sobre as consecuencias negativas que ten para a saúde pública e o medio ambiente o uso excesivo do coche na cidade. Así mesmo, busca promover o uso de modos de transporte máis sostibles, en particular, o transporte público, a bicicleta e os desprazamentos a pé. Mobilidade para todas as persoas é o lema da VIII Semana Europea da Mobilidade do Concello de Ames.

Neste senso, o salón de plenos da Casa do Concello de Ames, en Bertamiráns, acolleu hoxe a presentación da programación da VIII Semana Europea da Mobilidade de Ames. Ao acto asistiron o alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez.

O alcalde de Ames, Blas García, explicou que “seguimos apostando pola mobilidade, pero non só cando celebramos a semana da mobilidade, senón que este goberno municipal leva apostando por unha mobilidade real desde comezos de mandato. Nós temos claro que as rúas teñen que ser das persoas e non dos vehículos. Hai que cambiar os hábitos  diarios para non chegar á porta da casa co coche. As actividades previstas xa están moi consolidadas entre a veciñanza amesá e dá gusto ver a familias completas participando na marcha ciclista. Animo á veciñanza a participar nestas actividades porque forman parte das políticas de mobilidade que redundan na promoción da saúde”.

A concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, destacou que “xa hai inscritas 220 persoas na marcha ciclista nocturna do venres á noite e 30 nenos/as para os xogos en bici que se van realizar o sábado no aparcadoiro de Agriños no Milladoiro. Este ano repartiremos un novo xogo coa mascota da semana da mobilidade, a Curuxa Maruxa, que se chama Bule, bule e atopa a túa parella! Desde este goberno seguimos apostando pola mobilidade, aínda que sabemos que non é doado cambiar as costumes, pero confiamos en que a xente pouco a pouco vaia cambiando os seus hábitos. Nos últimos anos estanse priorizando políticas de humanización, para darlle prioridade ás persoas nos espazos públicos”.

Marcha ciclista nocturna e xogos populares en bici
O programa dará comezo o vindeiro venres, 25 de setembro, coa xa tradicional marcha ciclista nocturna, que dará comezo a partir das 21.30 horas. Ao igual que en edicións anteriores, farase un percorrido sinxelo e ben iluminado, duns oito quilómetros, pensado para que toda a familia poida participar. Para participar é preciso levar chaleco reflector, casco e luz durante a marcha. Para esta actividade contarase coa colaboración da Policía Local e da Agrupación de Protección Civil.

As persoas que participen na marcha ciclista recibirán unha camiseta de agasallo. Os nenos e nenas participantes na marcha e xogos en bici tamén recibirán un xogo coa mascota da semana da mobilidade, a Curuxa Maruxa, que se chama Bule, bule e atopa a túa parella! 

O sábado 26, a acción centrarase en actividades e xogos populares en bici, orientados a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos. Ditas actividades desenvolveranse no aparcamento de Agriños, no Milladoiro, a partir das 17.00 horas. Cada neno ou nena participante deberá levar a súa propia bici e un casco para garantir a seguridade en todo momento. Os xogos estarán divididos segundo a idade dos rapaces e rapazas, xa que un/unha neno/a de 5 anos non ten a mesma axilidade que outro rapaz/a de 10 anos. 

Inscrición nas actividades
Para poder participar tanto na marcha ciclista nocturna como nas actividades e xogos populares en bici será necesaria unha inscrición previa. Esta deberá realizarse no enderezo de correo electrónico mobilidade@concellodeames.gal.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Ames apuesta por el transporte sostenible con el inicio de la octava edición de la Semana Europea da Mobilidade"

Ames aposta pola mobilidade para todas as persoas na VIII Semana Europea da Mobilidade

Multimedia

  • Ames aposta pola mobilidade para todas as persoas na VIII Semana Europea da Mobilidade
  • Ames aposta pola mobilidade para todas as persoas na VIII Semana Europea da Mobilidade
  • Ames aposta pola mobilidade para todas as persoas na VIII Semana Europea da Mobilidade
  • Ames aposta pola mobilidade para todas as persoas na VIII Semana Europea da Mobilidade