Pestanas principais

>Kurohana Fight Day

Domingo, 13 setembro, 2026
A partir das 9.00 horas

O pavillón municipal de Bertamiráns acollerá este domingo, 13 de setembro, o Kurohana Fight Day, unha xornada ininterrompida arredor do deporte de contacto, que abranguerá dende a formación técnica ata combates reais. O evento arrancará pola mañá cunha competición de Grappling nas modalidades Gi (con kimono) e No-Gi (sen kimono) na que participarán os mellores loitadores do panorama galego. Xa pola tarde, a acción pasará á primeira edición da Velada MMA KFD. As entradas poden adquirirse na seguinte ligazón.

Entre os nomes confirmados destacan Fabio Mattia, Adam Didam, Aitor Sánchez, Alejandro Segabe, Inram Bouckabe, Arán Dragneva, Raúl Telechea, Ángel Álvarez, Jaime Bures, Gaspar Felicio, Alex Peralta e Iago Álvarez. O nivel técnico e a espectacularidade están garantidos grazas á participación das mellores academias galegas, entre as que está a WFT de Bertamiráns. 

Paralelamente, a partir das 11.00 horas, comezarán tres seminarios de alto nivel para a formación integral dos atletas. En primeiro lugar “Seminario da Asociación de Mulleres en Loita”, un adestramento exclusivo que reafirma o imparable crecemento e a forza do deporte de contacto feminino, impartido pola entidade coruñesa de BJJ. 

Logo, dará comezo “Nutrición aplicada ao deporte masculino”. Este relatorio técnico estará impartido polo adestrador online Carlos Esteva e abordará cuestións clave sobre o rendemento no mundo do fitness, ademais de desenvolver estratexias de corte de peso. Por último, impartirase “Fisioloxía e nutrición” orientadas ao deporte feminino, onde a adestradora Alicia Morlán compartirá as claves para adaptar a nutrición aos cambios dos corpos das mulleres atletas.