Pestanas principais

O Partido Popular de Ames denuncia o "apagón informativo" e a absoluta falta de transparencia do Goberno local tras ocultar durante meses o estudo do novo parking de pago do Milladoiro

Luns, 07 de setembro de 2026

O Grupo Municipal do Partido Popular de Ames cualificou de "inadmisible e profundamente antidemocrático" o comportamento do goberno local respecto ao proxecto do primeiro parking subterráneo público de pago no Milladoiro. A formación popular denuncia que o executivo municipal ocultou de forma deliberada toda a información do proxecto á oposición, unha actitude de opacidade que tamén foi criticada publicamente por outras forzas políticas locais.

A portavoz do Partido Popular en Ames, Oliva Agra, revelou que o seu grupo se viu obrigado a presentar ata doce reiteracións por rexistro oficial para tentar conseguir unha copia do estudo de viabilidade para decatarse finalmente pola prensa de que todo estaba feito. "O Goberno adxudicou en maio de 2025 a redacción deste estudo á empresa Fisela SL cun prazo de execución de 9 meses. O contrato venceu en febreiro de 2026 e, dende entón, topámonos cun muro de silencio institucional. É unha vergonza que vulneren sistematicamente o Regulamento Orgánico Municipal, que os obriga a responder nun prazo de 5 días naturais", critica a portavoz.

O PP de Ames destaca que esta falta de transparencia non só afecta ás canles institucionais, senón que supón un desprezo directo aos veciños e comerciantes da rúa Pardiñeiros e a toda a poboación do Milladoiro. O goberno local pretende abrir de forma inminente unha infraestrutura baixo tarifas reguladas sen ter acordado a ordenanza fiscal, o regulamento de uso nin os prezos cos colectivos afectados nin co resto da corporación.

É máis, aluga un espazo privado e implanta nel un servizo público cuxa xestión posterior e explotación de tarifas se outorgará, con toda probabilidade, mediante unha concesión de servizos a unha empresa externa ou con xestión directa regulada por unha ordenanza fiscal, agachando as condicións do arrendamento a unha empresa ou particular.

"Estamos a favor de mellorar o aparcamento no noso municipio, pero non a través da política dos feitos consumados, os contratos ocultos e o escurantismo", engade Oliva Agra. Ante este escenario, o Partido Popular esixe a comparecencia inmediata do alcalde para que renda contas ante o pleno, entregue de inmediato toda la documentación retida e explique baixo que criterios e pactos se vai xestionar este novo servizo de pago que afectará directamente ao peto dos veciños.