- Tematica
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar este xoves, 3 de setembro, o expediente de licitación das obras de mellora e acondicionamento do parque de Pardiñeiros, situado na localidade do Milladoiro. O orzamento base de licitación ascende a 299.908,06 euros (IVE incluído). Este proxecto, que se sufraga con cargo ao POS+ 2026, enmárcanse dentro do plan de arranxo e mellora das infraestruturas municipais. O proxecto de actuación contempla unha intervención integral orientada ao redeseño e á mellora global deste espazo público, co obxectivo de potenciar tanto a súa funcionalidade como o seu valor estético e ofrecer á veciñanza un lugar máis atractivo, seguro e confortable para o lecer e a convivencia.
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Obras e Servizos Básicos, continúa o seu investimento nas infraestruturas municipais. Deste xeito, a Xunta de Goberno Local aprobou a licitación das obras de mellora e acondicionamento do parque de Pardiñeiros, situado na localidade do Milladoiro. O orzamento base de licitación ascende a 299.908,06 euros (IVE incluído). Esta actuación está encadrada no plan principal de obras POS+ 2026 (Achega 2025 e Achega 2026), dotado de 1.548.543,37 euros para sufragar seis proxectos e gasto corrente.
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explica que “o proxecto contempla a instalación de novos xogos infantís inclusivos, que permitan diversificar as posibilidades de lecer e ampliar o rango de idades ao que vai dirixido o parque. Entre eles incluirase un elemento de maiores dimensións pensado para nenas e nenos de máis idade, reforzando así o carácter inclusivo e familiar do parque. Este é un modelo de parque pensado para a inclusión e convivencia de rapazada dun amplo rango de idades e diferentes capacidades”.
Características do proxecto
A actuación prevé a modernización da área de xogos infantís, incluíndo a renovación do pavimento mediante a instalación de céspede artificial con parámetros de amortecemento adaptados ás distintas alturas de caída, garantindo así a seguridade das nenas e nenos que fan uso destas instalacións. Ademais, o novo pavimento incorporará elementos lúdicos e un circuíto de educación viaria integrados no propio céspede, concibidos para resultar atractivos, interactivos e didácticos para a rapazada.
Outro dos aspectos clave da actuación será a integración das dúas áreas de xogo existentes, incluída a de maior tamaño situada baixo a pérgola, coa zona contigua e co conxunto da urbanización que rodea o parque. Para iso prevese a integración dos pavimentos actuais cos da urbanización adxacente, xerando unha maior continuidade espacial e unha imaxe máis coherente e ordenada do conxunto.
Así mesmo, o proxecto inclúe a creación de novas zonas de estancia destinadas ao descanso e á convivencia veciñal, así como a renovación do mobiliario urbano mediante a instalación de novos bancos, papeleiras e mesas de xogo que mellorarán a comodidade e a estética do espazo público.
A actuación completarase coa disposición de novas zonas axardinadas, favorecendo a presenza de vexetación e a integración da natureza na contorna urbana. Con este conxunto de actuacións, o proxecto pretende transformar o parque Pardiñeiros nun espazo público máis funcional, acolledor e atractivo, pensado para o desfrute das familias e da veciñanza e adaptado ás necesidades actuais de uso e convivencia.
Un modelo de parque infantil inclusivo
Trátase de crear un parque infantil inclusivo, un espazo de xogo deseñado para que todas as nenas e nenos, independentemente das súas capacidades físicas, sensoriais ou cognitivas, poidan xogar xuntos en condicións de igualdade e sen barreiras.
A diferenza dun parque simplemente adaptado, un parque inclusivo non se limita a incorporar algúns elementos accesibles nin a separar os xogos para persoas con discapacidade do resto. Pola contra, aposta por un deseño global no que os xogos, os percorridos e os espazos de estancia están pensados desde o inicio para facilitar a participación de todas as crianzas.
Este modelo promove unha experiencia de xogo compartida, favorecendo a interacción, a convivencia e o desenvolvemento social das nenas e nenos, ao tempo que garante a accesibilidade, a seguridade e a diversidade de estímulos para diferentes capacidades e necesidades.





