- Tematica
Un ano máis, o Concello de Ames colabora co programa Vacacións en Paz, organizado pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS). A través desta iniciativa, que se vén desenvolvendo dende hai máis de vinte anos, familias galegas acollen durante os meses de xullo e agosto a nenos e nenas saharauís. Nesta edición, en Ames hai acollidas tres nenas, que están pasando o verán no municipio ata a próxima fin de semana que volverán ao Sáhara. As tres rapazas repiten experiencia, xa que estiveron en Ames na pasada edición. As familias participantes tamén repiten experiencia.
Tres nenas (Mariam, Duaa e Fadala) repetiron experiencia e participaron durante este verán no programa Vacacións en Paz 2026 con familias de acollida amesás. Mariam participou neste programa durante cinco anos; Fadala leva catro anos; e Duaa tres anos. As familias acolledoras destacaron que para elas todos os anos é unha experiencia moi enriquecedora.
A súa estancia en Ames é posible grazas ao programa Vacacións en Paz, que organiza a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS). A iniciativa consiste en que os cativos e cativas, que viven en campos de refuxiados en Tindouf (Alxeria) poidan escapar das altas temperaturas que se acadan durante o período estival no deserto saharauí, así como pasar revisións médicas, aprender galego e castelán e evadirse da súa realidade durante unhas semanas.
As crianzas visitaron este mércores, 2 de setembro, o salón de plenos da Casa do Concello, onde tivo lugar unha recepción oficial. As rapazas, xunto coas súas familias de acollida, foron benvidas polo alcalde, Blas García, a concelleira de Benestar Social, Uxía García, o técnico de integración social, Leo Pena; así como por diversos concelleiros e concelleiras do Goberno municipal e dos grupos políticos municipais do Partido Popular, BNG e Espazo Común.
O alcalde de Ames, Blas García, explicou que “con este acto que facemos hoxe no salón de pleno queremos saudar as nenas e saber como estiveron e como o pasaron durante o verán en Ames. Por iso, o primeiro, é darlle as gracias ás familias acolledoras porque sen elas este programa non pode desenvolverse. A situación que se vive no Sáhara é complicada, por iso nesta cuestión debemos estar todos e todas unidos, para cando chegan persoas de fóra, tratalos o mellor posible e integralos na nosa sociedade. Creo que Ames é un concello integrador, queda demostrado xa que no noso municipio conviven persoas de máis de 70 nacionalidades distintas”.
A concelleira de Benestar Social, Uxía García, dixo “eu como concelleira e familia acolledora teño unha dobre parte neste programa. Como concelleira teño que dicir que imos seguir coa labor xa desenvolvida por outras compañeiras e compañeiros anteriormente, e seguir apoiando a realización do programa Vacacións en Paz. Hai anos que tivemos oito nenas e nenos, este ano temos tres, depende das circunstancias persoais e laborais das familias. O importante é seguir contado coa implicación das familias, e en Ames sempre temos esa implicación”.
O técnico de integración social, Leo Pena, agradeceu “a labor das familias que son o piar fundamental desta iniciativa. O Concello de Ames, a través deste programa, achega un pouco de alegría, felicidade e diversión a estas nenas. Agora tócalles volver xunto das súas familias e gustaríanos que no seu territorio puideran ter as mesmas condicións que tiveron aquí. Todos os días deberíamos ter presente que todos somos seres humanos e que todos buscamos e desexamos o mesmo, que son unhas condicións de vida dignas e unhas posibilidades reais de desenvolvernos coma persoas, e de criar aos nosos fillos e fillas nas mellores condicións posibles”.
As nenas saharauís contaron o que fixeron durante este verán en Ames e noutros lugares de Galicia e tamén recibiron unha mochila con material escolar. Como cada ano, ademais de actuar de mediador entre as familias amesás e SOGAPS, o Concello de Ames colabora co programa Vacacións en Paz achegando o importe dos billetes de avión de ida e volta de cada neno/a.
Novas relacionadas
La Voz de Galicia: "Ames despide a las tres niñas saharauis que pasaron el verano en el municipio"










