- Tematica
A Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro, en colaboración co Concello de Ames e a Deputación da Coruña, crea unha nova campaña de dinamización comercial e empresarial denominada “Sabor e Saúde”. Dita campaña conta con dúas actuacións: un pasaporte saudable, que premia o consumo nos establecementos comerciais e de hostalaría e que estará dispoñible de balde desde o 1 de setembro en todos os locais adheridos á campaña; e un concurso en redes sociais, que premiará as mellores imaxes de comida saudable e vida activa no parque empresarial do Milladoiro. Durante dous meses, do 1 de setembro ao 31 de outubro, os establecementos do parque empresarial premian o consumo local.
A campaña “Sabor e Saúde no polígono. Come ben, móvete mellor” xira arredor de tres eixos: sabor, saúde e sostibilidade. O apartado de sabor está dirixido á hostalaría e comercio local para impulsar o consumo nos establecementos do parque empresarial; o ámbito da saúde está centrado nos hábitos saudables para o fomento do movemento e do benestar entre as persoas que traballan no parque empresarial; e a área de sostibilidade está dirixida á promoción da auga filtrada para reducir o consumo de plástico.
“Sabor e Saúde” é unha iniciativa da Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro, e que está subvencionada polo Concello de Ames e a Deputación da Coruña. A través destes tres eixos preténdese que a veciñanza de Ames sexa máis saudable.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destaca “o gran traballo que se realiza desde as distintas asociacións de empresarios e comerciantes do concello de Ames. Neste caso teño que felicitar á Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro pola creación desta iniciativa que fomenta e impulsa o consumo nos establecementos comerciais e de hostalaría do parque empresarial. Desde a Concellaría de Promoción Económica apoiamos esta iniciativa e agardamos que sexa a primeira de moitas edicións”.
As empresas que apoian esta campaña son: Alimentaria Coruñesa, Auga Plus, Carpintería Márquez y Vilela, Clínica fisioterapia Laura Míguez, Gym Unit 365, Hotel B&B, Hotel Payro, La Central, Nattex Compostela, Pan de Leis, Pinturas Illfer, Rosalfrí, Segundo Rey, Técnicas constructivas de Ocio e Universo Milongas.
Pasaporte saudable
Calquera persoa que visite o parque empresarial do Milladoiro poderá recoller a partir do 1 de setembro o pasaporte saudable. Pódese recoller de xeito gratuíto en calquera dos establecementos adheridos. O funcionamento é moi sinxelo. Cada consumición superior a 10 euros suma un selo no teu carné. Hai que completar 10 selos de polo menos tres establecementos distintos do parque empresarial. Unha vez completado o pasaporte, pódese intercambialo por unha cea en La Central ou en Universo Milongas.
Desde a Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro explican que “desde a implantación do teletraballo e das xornadas continuas nas empresas, a actividade comercial e da hostalería reduciuse de forma significativa no parque empresarial. O pasaporte busca que as persoas traballadoras descubran unha oferta comercial que, en moitos casos, teñen a poucos metros do seu posto de traballo e non coñecen”.
As bases completas poden consultarse premendo nesta ligazón e nos carteis con código QR instalados nos locais e nas empresas do parque empresarial. Os establecementos que desexen adherirse á campaña poden poñerse en contacto coa asociación a través do correo electrónico info@aenovomilladoiro.com.
Concurso en Instagram e Facebook
O concurso en redes sociais (Instagram e Facebook) premiará as mellores imaxes de comida saudable e vida activa no parque empresarial do Milladoiro. Para participar abonda con darlle un “Me gusta” á publicación do sorteo en @aepemilladoiro; mencionar a dous/dúas amigos/as nos comentarios; e compartir a publicación nas túas Stories (isto é opcional).
Entre todas as persoas participantes sortearanse os seguintes premios:
-Un bono de 200 euros en Nattex Compostela.
-Un filtro de auga KM 0.
-Clases dirixidas en Gym Unit 365 (sortearanse 5 en cada sorteo).
-Sesións de fisioterapia en Clínica Laura Míguez (sortearanse 5 en cada sorteo).
-Unha noite de hotel no Hotel Payro.
-Unha noite de hotel no Hotel B&B.
Haberá dous sorteos: o primeiro o 28 de setembro e o segundo o 19 de outubro. Haberá 14 premios e 14 persoas premiadas en cada sorteo. Ningunha persoa pode levar máis dun premio no mesmo sorteo. Os premios recóllense en persoa na oficina da asociación. Poderase participar no primeiro sorteo a partir do 1 de setembro. Para entrar no segundo sorteo haberá que participar de novo na publicación correspondente.






