Pestanas principais

O Pleno debaterá sobre a aprobación do contrato da obra pública para as instalacións do Milladoiro e A Telleira

Mércores, 29 de xullo de 2026

Este xoves, 30 de xullo, celebrarase o pleno ordinario correspondente ao mes de xullo. Na sesión plenaria, a Corporación municipal debaterá sobre a aprobación inicial de crédito extraordinario 1/2026 financiado con remanente de tesourería para gastos xerais; o cambio de destino de financiamento afectada aos proxectos “EDIL PLAN INTEGRADO AMES” e “Adquisición de Parcelas”; os festivos locais para o ano 2027; a aprobación do suplemento de crédito 01/2026 con remanente de tesourería para o financiamento da modificación do contrato de obras do Centro Multifuncional do Milladoiro e cubrición de pistas deportivas do Milladoiro cun valor de 1.320.721,97 euros; a actualización do inventario de bens; a aprobación da Ordenanza Municipal reguladora do servizo de taxi; a licitación do contrato da obra pública para as instalacións do Milladoiro e A Telleira; as liquidacións provisionais da Mancomunidade da Serra do Barbanza; e a aprobación da participación correspondente á segunda fase do POS+Adicional 2/2026 da Deputación Provincial da Coruña. Ademais trataranse dúas mocións presentadas polo grupo político municipal do Partido Popular. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Neste apartado tamén se dará conta de cinco actas de Xunta de Goberno Local correspondentes ao meses de xuño e xullo. Na parte resolutiva, o primeiro tema que se abordará será a aprobación, se procede, da acta da sesión ordinaria do mes de xuño celebrada o 25 de xuño de 2026.  

Seguidamente, debaterase sobre a aprobación inicial de crédito extraordinario 1/2026 financiado con remanente de tesourería para gastos xerais. O 22 de xullo de 2026 aprobouse a liquidación orzamentaria do exercicio 2025, resultando un superávit orzamentario positivo e Remanente de Tesourería para Gastos Xerais (RTGX) positivo. Dos datos sobrantes na contabilidade municipal do ano 2026 constátase a existencia de gastos vindicados no ano 2025 rexistrados coma operacións pendentes de aplicar ao orzamento para o cal se fai necesario dotar crédito no orzamento de 2026. O importe ao cal ascende a necesidade de financiamento cuantifícase en 319.127,82€ e correspóndese con gastos necesarios para a prestación de servizos municipais.

Cambio de destino de financiamento
A continuación, abordarase a cuestión do cambio de destino de financiamento afectada aos proxectos “EDIL PLAN INTEGRADO AMES” e “Adquisición de Parcelas”. Con motivo da liquidación do orzamento 2025, detectouse que o proxecto de construción do Centro Multidisciplinar do Milladoiro tiña unha previsión de financiamento cun préstamo contratado no ano 2025 por importe de 550.220,30€ que non se executou debido ao financiamento da obra con fondos FEDER nos proxectos EDUSI que se ingresou en decembro de 2025. 

Agora, proponse  cambiar o destino do préstamo contratado para financiar a humanización das rúas de Castelao e Camelia Milladoiro, a humanización da Praza Chavián, o corredor verde da Praza Chavián e parque Ameneiral, a renaturalización do parque Ameneiral, a mellora da eficiencia enerxética e adaptación de locais sociais, e o novo Mercado de Abastos. E tamén se propón adquirir parcelas de uso urbano en Bertamiráns. 

Festivos locais
Deseguido, o pleno debaterá a proposta dos festivos locais para o ano 2027. O pasado 3 de xullo de 2026, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, logo de remitirlle ao Concello de Ames o calendario laboral para o ano 2027 no que se determinan os festivos galegos como os estatais, solicitoulle ao Concello a comunicación dos dous días propostos como festivos locais. Deste xeito, a intención da Alcaldía na Xunta de Voceiros do 13 de xullo de 2026 é propoñer como festivos locais para o ano 2027, o xoves 6 de maio (A Ascensión) e o xoves 24 de xuño (San Xoán), festividades tradicionalmente celebradas no municipio. 

Centro Multifuncional e cubrición de pistas
Logo da fixación dos festivos, debaterase a aprobación do suplemento de crédito 01/2026 con remanente de tesourería para o financiamento da modificación do contrato de obras do Centro Multifuncional do Milladoiro e cubrición de pistas deportivas do Milladoiro. No ano 2024 o Concello acordou a resolución do contrato das obras de construción dun Centro Multifuncional de lecer, cultura e promoción económica no Milladoiro, dirixido á mocidade e a persoas en risco de exclusión social do concello de Ames. Esta actuación encádrase no marco do programa operativo Plurirexional 2014-2020 de España financiado nun 80% con fondos EDUSI e nun 20% polo propio Concello. 

Antes do 15 de febreiro de 2027, o Concello deberá ter rematadas as obras de construción do centro e este deberá estar en funcionamento, coa realización de actividades no seu interior. Todo, co obxectivo de cumprir cos requisitos do programa EDUSI e evitar a perda do 80% da subvención correspondente ao gasto certificado a 31 de decembro de 2023. Neste momento estase a tramitar a modificación do contrato de remate da obra por importe de 213.514,09 euros, o que supón un incremento do gasto sobre o inicialmente previsto que resulta necesario afrontar. 

Tendo en conta que da liquidación do orzamento de 2025 resulta un remanente de tesourería para gastos xerais positivo, proponse financiar o novo gasto derivado da modificación do contrato cun suplemento de crédito. Do mesmo xeito, vaise financiar unha actuación consistente na obra de “Cubrición das pistas deportivas de Milladoiro” por importe de 1.113.000,00 euros, sendo a anualidade correspondente ao ano 2026 de 371.000,00€. 

Tamén se propón utilizar o suplemento de crédito para amortizar o crédito contratado por valor de 550.220,30 euros. Ademais, empregarase para facer fronte aos gastos necesarios para a prestación de servizos municipais rexistrados coma operacións pendentes de aplicar ao orzamento. O importe ao cal ascende a necesidade de financiamento se cuantifica en 185.987,58 euros.

Actualización do inventario de bens e aprobación da Ordenanza Municipal reguladora do servizo de taxi
Tras isto, darase paso ao debate sobre a décima actualización puntual do inventario de bens. Entre o Concello de Ames e a Deputación da Coruña asinouse en outubro de 2024 un convenio para o cofinanciamento das obras para a creación dunha área de autocaravanas en Bertamiráns cun presuposto total de 71.229,30 euros (IVE engadido), dos cales a Deputación a achegaría un máximo do 80%.

Tamén nese convenio foi establecido que unha vez rematadas as obras deberá achegarse unha certificación do acordo de incorporación ao inventario de bens creado en Ames no 1996. Neste punto, débese realizar unha actualización puntual coa inclusión dunha parcela no lugar de Pateiras en Bertamiráns, ao carón do campo da festa, sobre o que se construíu esta área de autocaravanas. 

Logo, abordarase a aprobación definitiva da Ordenanza Municipal Reguladora do servizo de taxi do Concello de Ames. En sesión plenaria ordinaria do 30 de abril de 2026 prestouse aprobación Inicial Ordenanza Municipal Reguladora do servizo de taxi do Concello de Ames. Dito acordo de aprobación inicial someteuse a exposición pública por prazo de trinta días hábiles mediante anuncio no Boletín Oficial da Provincia, taboleiro de anuncios da sede electrónica municipal e portal de transparencia, a efectos de presentación de reclamacións polos interesados.

Nese período de exposición pública presentouse unha alegación en representación de varios taxistas do Concello de Ames. Nas súas alegacións poñen de manifesto a súa desconformidade co contido do borrador da Ordenanza que no seu artigo 34, onde establece a obriga de garantir unha prestación continuada do servizo de taxis durante as 24 horas do día. Tamén solicitan incorporar unha regulación específica relativa á actividade dos vehículos de transporte sen condutor (VTC). O informe de Secretaría de data 21.07.2026 conclúe que procede desestimar as alegacións presentadas. En base a dito informe, proponse ao pleno desestimar as alegacións presentadas e aprobar definitivamente a Ordenanza Municipal Reguladora do servizo de taxi do Concello de Ames. 

Licitación do contrato da obra pública para as instalacións do Milladoiro e A Telleira
Logo, a atención centrouse na aprobación do expediente de contratación do contrato de concesión de obra pública para a redacción do proxecto de construción da instalación deportiva municipal do Milladoiro e as obras de ampliación da instalación municipal da Telleira, cun valor estimado de 154.284.875,00 euros. Este proxecto iniciou o seu procedemento de licitación por providencia de Alcaldía de 23 de xaneiro de 2023. 

Posteriormente, procedeuse á aprobación do estudo de viabilidade da concesión de obra pública o 26 de marzo de 2025, que foi obxecto de modificación en diversas ocasións. Logo, no Pleno do 29 de decembro de 2025, procedeuse á aprobación da estrutura de custos e a fórmula de revisión de prezos do contrato de concesión para a redacción do proxecto tanto da instalación do Milladoiro como para as obras de ampliación da Telleira, coa finalidade da súa explotación conxunta. Agora, o que se propón aprobar é o expediente de contratación e os pregos, así como as Normas de uso do Centro deportivo municipal do Milladoiro e do Complexo Deportivo da Telleira. 

Liquidacións provisionais da Mancomunidade da Serra do Barbanza
De cara ao final, debaterase a aprobación das liquidacións provisionais da Mancomunidade de Concellos da Serra do Barbanza e as cotas polos servizos de marzo a xuño de 2026. Durante o ano 2026 a Mancomunidade remitiu liquidacións correspondentes aos meses de marzo a xuño co detalle seguinte:

    • Marzo - 286.529,90 euros
    • Abril - 286.529,90 euros
    • Maio - 286.529,90 euros
    • Xuño - 286.529,90 euros

Todas elas fan un total de 1.146.119,60 euros. Visto o informe desfavorable emitido pola intervención e tendo en conta que o servizo de recollida de lixo constitúe un servizo público esencial e de prestación obrigatoria para a entidade local proponse ao Pleno da Corporación solventar os reparos da Intervención municipal, continuando coa tramitación do expediente de gasto e autorizar, dispoñer e recoñecer as obrigas de pago.

O último punto a debater será a aprobación da participación correspondente á segunda fase do POS+Adicional 2/2026 da Deputación Provincial de A Coruña. A contía asignada ao Concello de Ames dentro deste plan é dun total de 1.314.490,03 euros, dos cales xa se aprobou na primeira fase do POS+Adicional 2/2026 un importe de 668.073,68 euros. Deste xeito, quedaría unha contía restante de 646.416,35 euros para participar nesta segunda fase do plan, coa que se propón realizar novos investimentos sostibles a nivel financeiro e que non figuraban no Plan Complementario ao POS+2026.

Nesta segunda fase do POS+Adicional 2/2026, o Concello de Ames optou por incluír catro novas obras. Son a pavimentación de viarios en Buceleiras, na parroquia de Bugallido, por un valor de 153.991,04 euros;  a pavimentación do viario Alcalde Lorenzo en Bertamiráns, por un valor de 114.965,54 euros; a pavimentación do viario Xoaquín Lorenzo e outros, no Milladoiro, por un valor 92.697,00 euros e a rehabilitación de edificio de vestiarios e entorno no campo de fútbol de Ortoño, por un valor de 284.762,76 euros. 

Apartado de mocións
Neste apartado vanse debater dúas mocións. A primeira, presentada polo grupo municipal do Partido Popular, aborda a instalación de paneis informativos en todos os lugares das parroquias do Concello. Na segunda moción, tamén presentada polo grupo municipal do Partido Popular, solicítase o reforzo da seguridade cidadá e a elaboración dun plan municipal de seguridade cidadá e seguridade e convivencia.  

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Ames debate la aprobación del centro deportivo de O Milladoiro y mejoras en el de Bertamiráns"

O Pleno debaterá sobre a aprobación do contrato da obra pública para as instalacións do Milladoiro e A Telleira