- Tematica
Este sábado, 18 de xullo, a partir das 21:00 horas, celebrarase unha nova edición das “Noites en Vela”, un evento que xa é toda unha tradición e que vincula anualmente aos concellos de Ames e Negreira dende o 2016, e que só puido interromper a pandemia durante as edicións do 2020 e 2021. Este ano os grupos encargados de amenizar a noite serán o cuarteto Balteira e mailo grupo de gaitas amesán da Asociación Cultural Follas Novas. Ademais, haberá un espectáculo pirotécnico que poñerá o punto final á velada. O acceso ao evento é de balde. A actuación de Balteira está subvencionada pola Xunta de Galicia dentro do programa Cultura no Camiño 2026. Hai máis de 50 persoas inscritas para acudir en autobús, que pasará polo Milladoiro, Bugallido, Agro do Muíño e Bertamiráns.
As Noites en Vela volven A Ponte Maceira, despois de que o ano pasado tiveran que facerse no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns por mor da meteoroloxía. Deste xeito, este gran monumento e paisaxe natural volverá a apagar o seu alumeado público para que centos de persoas gocen dunha velada única de música e cultura este sábado 18 de xullo.
Este programa, organizado conxuntamente entre os departamentos de Cultura de Ames e Negreira, busca poñer en valor unha paraxe paisaxística e monumental como é A Ponte Maceira, declarada ben de interese cultural (BIC) no ano 2022 e localización que forma parte da listaxe dos pobos máis bonitos de España.
Neste 2026, os grupos encargados de amenizar a noite do 18 de xullo serán Balteira e mailo grupo de gaitas amesán da Asociación Cultural Follas Novas. A actuación de Balteira está subvencionada polo programa Cultura no Camiño da Xunta de Galicia. Ademais, haberá un espectáculo pirotécnico que poñerá o punto final á velada. O acceso ao evento é de balde.
Balteira
O cuarteto Balteira nace a finais do 2025 en Betanzos da man de Cris Sánchez e Noa Migal (voces e percusións), Álex Fente (acordeón) e Pablo Pacior (ventos). A súa proposta céntrase na recuperación do repertorio oral galego, incorporando arranxos contemporáneos pero respectando a estrutura e a emoción das pezas tradicionais.
Os cantares que sempre encheron de festa os torreiros e as melodías instrumentais para o baile, son o eixo sobre o que xiran os seus concertos, mantendo o espírito da foliada desde a calidade técnica e interpretativa destes catro grandes da nosa música tradicional. Entre as gravacións xa editadas, destacan o Maneo de Anxeriz, con arranxo de Pedro Lamas, e a Muiñeira de Bardaos.
Os seus integrantes proceden de proxectos tan recoñecidos como Tiruleque, Xose Lois Romero & Aliboria, Comando Curuxás ou Habelas Hainas, e contan cunha grande bagaxe como intérpretes e docentes de música tradicional en diferentes asociacións e escolas de todo o país.
O nome da agrupación fai referencia á soldadeira medieval María Pérez “A Balteira”, figura histórica vinculada á liberdade e á transgresión social; fonte de inspiración e símbolo do carácter renovador do proxecto. Balteira é a forza da renovación na tradición galega.
Grupo de gaitas da AC Follas Novas
Por outra banda, o grupo de gaitas da Asociación Cultural Follas Novas está formado por socios/as e alumnos/as da asociación para difundir a música galega e colaborar animando as festas dos veciños en diferentes eventos (festas, actividades culturais...). Desta volta, participarán nas Noites en Vela interpretando varios temas de música tradicional galega.






