- Tematica
O CEIP Agro do Muíño desenvolveu o proxecto de mediación artística e creación mural contextual “Paredes que escoitan, paredes que falan”, impulsado polo Concello de Ames, a través da Concellería de Igualdade, e dirixido por 7H Cooperativa Cultural en colaboración coa artista urbana Nana. Esta iniciativa foise construíndo entre os meses de febreiro e xuño, coa vontade de crear referentes femininas vencelladas á historia local. A idea é realizar novos proxectos coma este noutros centros educativos do concello.
Fomentar a igualdade de xénero e promover a participación activa da comunidade educativa a través da arte urbana contextual son outros dos obxectivos prioritarios deste proxecto, que partiu coa idea matriz de que os muros poden converterse en espazos de memoria, diálogo e creación colectiva. A partir de aí, deseñouse un proceso participativo que implicou o alumnado, profesorado e familias durante varios meses.
A concelleira de Igualdade, Uxía García, mostrouse satisfeita coa realización deste proxecto e quixo “agradecer enormemente a cooperación que houbo durante estes meses entre centro educativo, alumnado e familias”. Unha unión imprescindible para poder levar a cabo a iniciativa.
Logo dunha primeira fase de coordinación co equipo docente, definiuse unha liña de traballo centrada na memoria de Ames e os traballos feminizados asociados á parroquia de Ortoño, onde se sitúa o centro educativo. Co gallo de facilitar esta aproximación elaborouse un dossier histórico e contextual en clave de xénero que serviu de base para o traballo nas aulas.
Proceso creativo
Unha vez realizada a planificación, desenvolveuse un proceso creativo, que comezou por adaptar as dinámicas de traballo ás diferentes idades do alumnado participante. Deste xeito, as crianzas de educación infantil e dos primeiros cursos de primaria reflexionaron sobre os oficios feminizados e os obxectos que as mulleres transportaban tradicionalmente nas súas cestas, mentres que o alumnado dos cursos superiores desenvolveu unha investigación oral e documental coas súas familias e contorna próxima.
A través destas conversas puidéronse recuperar lembranzas, fotografías, experiencias e reflexións sobre o papel das mulleres na vida cotiá de Ames e sobre as cargas, materiais e simbólicas, que asumiron ao longo do tempo. Unha recollida de información moi valiosa non só para o proxecto, senón para o desenvolvemento do alumnado implicado.
Ao longo de catro sesións presenciais no centro, nas que participou a totalidade do alumnado (máis de 500 nenas e nenos), recompiláronse debuxos, textos, colaxes, fotografías, relatos familiares e propostas creativas que serviron como materia prima para a intervención artística. O proceso contou tamén coa participación directa de familias que contribuíron coa súa memoria e coñecemento do territorio.
Creación de “As cestas do tempo”
Neste punto interviu a artista Nana, que con todo este material recompilado traballou man a man co alumnado para crear a obra mural “As cestas do tempo”, un díptico que desde este mes de xuño ocupa unha boa parte das paredes do pavillón do centro educativo.
O mural induce a unha reflexión sobre as infancias: evócase ao pasado e ao presenta no mundo rural a través da figura dunha nena cunha cesta como símbolo de memoria, dignidade e transformación social. A cesta convértese así nun elemento que conecta xeracións: un recipiente que no pasado cargaba co peso do traballo e que hoxe se enche de xogos, aprendizaxes, creatividade e dereitos.
A obra incorpora, ademais, múltiples referencias e achegas realizadas pola comunidade educativa, incluíndo debuxos creados polo propio alumnado, convertendo o mural nun espello colectivo da memoria, a imaxinación e os desexos das crianzas de Agro do Muíño.
A intervención mural executouse en cinco xornadas, durante as que se realizaron visitas comentadas a pé de muro que permitiron ao alumnado coñecer de primeira man as distintas fases da creación artística e recoñecer as súas propias contribucións no resultado final.
Un proxecto participativo no que o proceso creativo adquiriu tanta relevancia como a obra final. A través da investigación, da mediación cultural e da creación colectiva, a proposta contribuíu a recuperar a memoria das mulleres do concello, fortalecer os vínculos entre escola e comunidade e transformar un espazo educativo nun lugar de encontro, reflexión e expresión compartida.







