Pestanas principais

Ángel Carracedo é nomeado novo académico de número de Medicina Legal da Real Academia Nacional de Medicina

Xoves, 04 de xuño de 2026

A Real Academia Nacional de Medicina elixiu como novo académico de número de Medicina Legal a Ángel Carracedo, de xeito que ocupará a cadeira número 19 para participar na elaboración e revisión de estudos, investigacións e publicacións relacionadas coa medicina e a saúde, contribuirá á promoción do coñecemento médico asesorando en temas científicos e participará en labores  relacionados con museos e nas sesións de debate semanais que se organizan na Academia. Ángel Carracedo foi o primeiro veciño de Ames en ser distinguido coa medalla do Concello de Ames.

O profesor Ángel Carracedo foi nomeado novo académico de número de Medicina Legal da Real Academia Nacional de Medicina de España (RANME). A votación, levada a cabo por todos os académicos de número actuais, tivo lugar durante a última reunión da xunta de goberno e a súa toma de posesión celebrarase nos próximos meses.

Ocupará a cadeira número 19 e terá un papel crave na elaboración e revisión de estudos, investigacións e publicacións relacionadas coa medicina e a saúde, contribuirá á promoción do coñecemento médico asesorando en temas científicos e participará en labores relacionadas con museos e nas sesións de debate semanais que se organizan na Academia. Tamén colaborará na Revista Anales (www.analesranm.es) e na actualización do Dicionario panhispánico de termos médicos (www.dptm.es), entre outras actividades.

Carracedo é veciño de Ames, da parroquia de Bugallido. No ano 2018, foi o primeiro veciño de Ames en ser distinguido coa medalla do Concello de Ames durante os actos de celebración do Día de Galicia. Ademais dos seus méritos profesionais, Carracedo é coñecido polo seu compromiso coa lingua galega, que emprega na medicina, nos seus grupos de investigación e durante os seus actos divulgativos. 

Sobre o profesor Ángel Carracedo
Na actualidade, Ángel Carracedo é catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela (USC) desde 1990. É director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica (SERGAS-Xunta de Galicia) desde 1998. É director do Grupo de Xenómica do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC, da área de Xenética e Bioloxía de Sistemas do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e do Grupo de Xenómica Traslacional do Centro de Investigación Biomédica en Rede de Enfermidades Raras (CIBERER).

É tamén director do Centro Nacional de Genotipado (CEGEN) e do programa IMPaCT Xenómica do Instituto de Saúde Carlos III. É presidente e co-director científico da infraestrutura Innopharma e a Fundación Kaertor, e é tamén presidente da Fundación INGADA (sobre atención e estudo do TDAH e trastornos asociados). Licenciouse en medicina na USC no ano 1978, con premio extraordinario, e doutorouse na mesma universidade en 1982 tamén con premio extraordinario.

Ademais, o profesor Carracedo protagonizou moitos dos avances máis importantes no campo da xenética forense e contribuído á estandarización e implantación da proba de ADN forense a nivel mundial, axudando á xustiza en casos relevantes en moitos países do mundo e contribuíndo a desenvolver a medicina legal humanitaria para axudar en casos de identificación en desastres, guerras e crimes humanitarios. No seu grupo formáronse científicos forenses de moitos países do mundo.

Novas relacionadas

amsGO!: "Nomean ao amesán Ángel Carracedo novo académico de número de Medicina Legal da Real Academia Nacional de Medicina"

Xornal de Compostela: "Ángel Carracedo ingresará como académico de número na Real Academia Nacional de Medicina"

Bisbarra: "Ángel Carracedo é nomeado novo académico de número de Medicina Legal da Real Academia Nacional de Medicina"

Ángel Carracedo é nomeado novo académico de número de Medicina Legal da Real Academia Nacional de Medicina