- Tematica
O Goberno municipal vén de presentar as actuacións que se van a incluír na proposta do POS Adicional 2026, que está dotado de sete obras por valor de 1.314.490 euros. Unha destas actuacións é a dotación dun novo local social para a veciñanza de Ortoño, que conta cun importe base de licitación de 284.762,76 euros. A través de dita actuación está previsto recuperar as instalacións do campo de fútbol de Ortoño, que na actualidade están nun avanzado estado de deterioro, para darlle un uso deportivo, social e cultural. A actuación de rehabilitación principal vaise executar nos vestiarios e acondicionar a súa contorna máis próxima, habilitando un novo acceso, e eliminando a cantina, que está en desuso, para crear un espazo cuberto máis amplo.
Esta actuación enmarcase dentro do plan de recuperación do campo de fútbol de Ortoño. O arranxo do complexo deportivo do campo de fútbol de Ortoño xa se inicio no ano 2023 coa construción dunha pista de patinaxe e unha explanada pensada para a realización de diversos tipos de eventos e feiras, así como por se é necesaria para facer algún tipo de curso de seguridade viaria. Para realizar dita actuación destináronse 268.155,30 euros (IVE incluído) procedentes do POS+2022.
Agora, no marco de dito plan de recuperación dos campos de fútbol, vaise a rehabilitar as instalacións de dito complexo deportivo que conta cunha superficie de 7.201 metros cadrados. Para iso vaise actuar nas instalacións dos servizos e vestiarios, algo básico para dispor dun espazo adaptado para realizar calquera tipo de actividade deportiva, social ou cultural. Ademais, vaise habilitar un segundo acceso que mellore a accesibilidade e acondicionarase a contorna dos vestiarios, eliminando a cantina que está en desuso, para xerar un espazo cuberto máis amplo. Tamén se pretende eliminar as escaleiras existentes que comunican coa explanada, eliminando a barreira arquitectónica principal. Ditas actuación realizaranse nunha superficie construída de 147,7 metros cadrados, dos cales 106,52 metros cadrados son útiles.
Segundo explicou o alcalde, Blas García, “dende o Goberno levamos xa tempo executando un plan de recuperación dos campos de fútbol abandonados do concello. No campo de fútbol de Ortoño xa se realizou unha actuación para recuperar este espazo para a práctica da patinaxe e outras actividades deportivas e a realización de eventos. Queda por recuperar os antigos vestiarios e maila zona de grada, que se van a acondicionar en varias fases, para destinalos para a construción dun novo local social para a veciñanza de Ortoño”.
O rexedor municipal engadiu “trátase dunha débeda histórica do Concello de Ames cos veciños e veciñas de Ortoño, que durante este mandato será solucionada con esta actuación que imos executar”.
Rehabilitación integral dos vestiarios
A actuación de rehabilitación principal vaise executar nos vestiarios. Deste xeito, vaise a realizar unha renovación completa do seu interior, modificando o acceso a súa fachada sur, para dar acceso cara o espazo cuberto que se vai ampliar. Este espazo cuberto estará pensado para dar cabida aos espectadores e para realizar determinadas actividades ao aire libre pero protexidas da choiva.
No interior vaise a realizar unha ordenación en dous vestiarios e unha zona de circulación, concentrando os servizos de hixiene en dúas caixas centrais, para un maior aproveitamento do espazo e unha maior flexibilidade no seu uso. Haberá dous aseos para uso xeral próximos ao acceso, un deles accesible, e permitindo que os vestiarios funcionen de xeito independente e con comunicación interior se fose necesario.
Por último, vaise rehabilitar o local destinado a almacén, dotándoo dunha nova cuberta e dunha división interior, que separe a zona de instalacións do resto de almacén e renovando os acabados e carpinterías de entrada.
Usos previstos
O obxectivo é darlle varios usos a ditas instalación. Prevese a recuperación da explanada para outras actividades, na actualidade soamente utilizada como pista de patinaxe, xa que as súas dimensións permiten dotala de pistas adicionais como pistas de tenis, pádel e/ou outras pistas de fútbol sala e baloncesto. Ademais, está previsto que os espazos cubertos poidan ser utilizados para reunións ou actividades promovidas polas asociacións veciñais, de carácter social e cultural.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Los 1,3 millones de euros del POS Adicional 2026 incluye en Ames la reconversión de vestuarios en nuevo local social para Ortoño"





