- Tematica
Este xoves, 28 de maio, celebrarase o pleno ordinario correspondente ao mes de maio. Na sesión plenaria, a Corporación municipal debaterá sobre a concesión da medalla do Concello de Ames de 2026 ao grupo musical Maianas; a desafectación do camiño Igrexa-Covas; a adhesión á rede española de capitais da cultura; a aprobación inicial da modificación da ordenanza xeral municipal sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade viaria; a aprobación inicial da modificación da ordenanza municipal reguladora das tarxetas de estacionamento e accesibilidade; e sobre o convenio de colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e o Concello de Ames para a implantación dun servizo de interese municipal (SIMU). O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.
O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Neste apartado tamén se dará conta de catro actas de Xunta de Goberno Local correspondentes ao meses de abril e maio. Na parte resolutiva, o primeiro tema que se abordará será a aprobación, se procede, da acta da sesión ordinaria do mes de abril celebrada o 30 de abril de 2026.
A continuación, debaterase sobre a concesión da medalla do Concello de Ames de 2026. Haberá que tratar a proposta de conceder este ano dita distinción ao grupo musical Maianas. Esta proposta xa foi abordada previamente na Xunta de Voceiros e a través de decreto de Alcaldía iniciouse o procedemento de acordo co previsto no Regulamento de Títulos, Honras e Distincións do Concello de Ames.
A continuación, tratarase a desafectación do camiño Igrexa-Covas. Deste xeito, aprobarase, se procede, recibir formalmente, previa a oportuna desafectación aprobada definitivamente, e incorporar ao inventario municipal de bens do Concello de Ames, co carácter de ben patrimonial, un anaco final de 92 metros cadrados do camiño de concentración parcelaria, que no lugar de A Igrexa – Covas discorre en dirección este – oeste.
Ademais, vaise tratar a adhesión de Ames á Rede Española de Capitais da Cultura, que agrupa aos Gobernos Locais que desexan impulsar un modelo estratéxico de desenvolvemento cultural, reforzar a cooperación territorial e dar visibilidade ao compromiso municipal coa cultura como motor de desenvolvemento urbano, cohesión social e innovación. En dito convenio tamén se recolle o impulso, desde a Entidade Local, de actuacións que contribúan ao fortalecemento do ecosistema cultural local, de acordo cos obxectivos da Rede, incluíndo a promoción cultural, a participación cidadá, a innovación cultural, a cooperación institucional e a proxección nacional e internacional do municipio.
Ordenanza sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade viaria
Por outra banda, vaise abordar a aprobación inicial da modificación da ordenanza xeral municipal sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade viaria. Dita ordenanza, actualmente en vigor, non contempla un réxime específico de estacionamento para vehículos vinculados á prestación de servizos públicos de atención domiciliaria, como o SAF ou os servizos sanitarios de atención no fogar. Esta ausencia normativa impide dar resposta ás necesidades específicas destes servizos esenciais, ao non prever mecanismos que permitan compatibilizar o uso ordenado do espazo público coa prioridade que require a atención a persoas en situación de especial vulnerabilidade.
Debido a iso proponse aprobar inicialmente a modificación de dita ordenanza engadindo unha nova sección, denominada “Do estacionamento para persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), e de persoal dos centros de saúde e de Hospitalización a Domicilio (HADO) do Servizo Galego de Saúde”, dentro do capítulo terceiro “A parada e o estacionamento” do título primeiro “A circulación urbana”. O obxectivo é dotar de tarxetas de estacionamento ao persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), e de persoal dos centros de saúde e de Hospitalización a Domicilio (HADO) do Servizo Galego de Saúde.
Esta sección ten por obxecto regular o estacionamento de vehículos utilizados polo persoal do SAF, e de persoal dos centros de saúde e de HADO do Servizo Galego de Saúde, co fin de facilitar a prestación de servizos esenciais de atención persoal a domicilio.
Ordenanza municipal reguladora das tarxetas de estacionamento e accesibilidade
De seguido, vaise a debater a aprobación inicial da modificación parcial da ordenanza municipal reguladora das tarxetas de estacionamento e accesibilidade. O obxectivo é que o Concello poida establecer unha autorización municipal provisional de estacionamento. Esta autorización terá carácter estritamente asistencial, temporal e extraordinario, configurándose como unha medida de ámbito local dirixida a dar resposta a situacións de urxencia social ou funcional derivadas de limitacións graves de mobilidade.
Esta ordenanza ten por obxecto dar resposta a situacións de necesidade social derivadas da existencia de limitacións graves de mobilidade en persoas que, tendo solicitado o recoñecemento oficial da situación de discapacidade e mobilidade reducida ante os órganos competentes da Xunta de Galicia, atópanse á espera de resolución administrativa, establecéndose como unha medida de carácter excepcional, provisional e asistencial, que non supón en ningún caso o recoñecemento oficial da situación de discapacidade, nin substitúe a tarxeta regulada pola normativa estatal, nin pola normativa autonómica de aplicación.
Servizo de interese municipal (SIMU)
Por último, abordarase a aprobación, se procede, do novo convenio de colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, o Concello de Ames, e a UTE “XG-807”, para a implantación do servizo de interese municipal (SIMU).
Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia e mailo Concello de Ames asinaron o 23 de xuño de 2022 un convenio para poñer en marcha un novo servizo de autobús entre as parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído con Santiago de Compostela. Dito servizo facilita a mobilidade dos veciños e veciñas destas parroquias a través do reforzo do transporte interurbano da Xunta e dun servizo de interese municipal, que discorre entre a rúa Alcalde Lorenzo e a estación intermodal de Santiago.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Ames debatirá la continuidad del servicio de bus entre Ortoño, Bugallido y Biduído y Santiago"
La Voz de Galicia: "La línea municipal de autobús de Ames con Santiago tendrá una parada en el Campus Vida"





