Pestanas principais

O programa Trouleando volve no mes de xuño cunha visita ao Aquapark de Cerceda

Luns, 25 de maio de 2026

O Concello de Ames, a través da Concellería de Mocidade de Ames, organiza unha nova actividade do programa Trouleando cunha excursión ao Aquapark de Cerceda, o próximo domingo 14 de xuño. O prazo de inscrición estará aberto dende o 27 de maio e o 2 de xuño. As persoas interesadas deben inscribirse enviando a ficha de inscrición debidamente cumprimentada ao enderezo electrónico xuventude@concellodeames.gal. Hai 95 prazas dispoñibles que se asignarán por orde de chegada. Pódese descargar a ficha de inscrición nesta ligazón. Para participar, é imprescindible saber nadar.

O programa Trouleando retoma a súa actividade destinada á mocidade amesá neste mes de xuño cunha apaixonante visita ao Aquapark de Cerceda, un parque acuático cunha ampla e variada gama de atraccións. Deste xeito, as persoas participantes poderán gozar de aquatubos, piscina de ondas, roaller coaster, tobogán de donuts, kamikaze...

A actividade terá lugar o vindeiro domingo 14 de xuño. Sairase en bus dende o Pazo da Peregrina ás 11.00 horas e da Casa da Cultura do Milladoiro ás 11.15 horas, acompañados de monitorado. O regreso aproximado está previsto para as 20.15 horas no Milladoiro e 20.30 horas en Bertamiráns. Os participantes menores deben ser recollidos na parada polos pais, nais, titores ou representantes legais. 

Poderán participar nesta xornada os mozos e mozas empadroados no Concello de Ames e nados entre o ano 2013 e o 1996. Para anotarse, é preciso enviar cuberta a ficha de inscrición a xuventude@concellodeames.gal entre o 27 de maio e o 2 de xuño. O número de prazas está limitado en 95 e será necesario cubrir un mínimo de 40 para poder levar a cabo a actividade.

É obrigatorio levar unha mochila con toalla, roupa de baño, chancletas, gorra, crema solar 50 e unha muda. Tamén se deberá levar a comida e a merenda da casa, ou ben adquirila nos establecementos de hostalaría do propio parque. Saber nadar será un requisito indispensable para poder participar na excursión.

O programa Trouleando volve no mes de xuño cunha visita ao Aquapark de Cerceda

Multimedia

  • O programa Trouleando volve no mes de xuño cunha visita ao Aquapark de Cerceda