Pestanas principais

Os Concellos de Ames e Brión impulsan o novo obradoiro dual de emprego “Renova Verde” con 20 prazas dispoñibles

Venres, 24 de abril de 2026

Os Concellos de Ames e Brión van a poñer en marcha a oitava edición do obradoiro dual de emprego Renova Verde, no que participarán 20 alumnos/as traballadores/as (15 de Ames e 5 de Brión). Nesta edición impartiranse 9 meses de formación. 10 alumnos/as obterán o certificado de profesionalidade oficial de montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas; e outros 10 disporán do certificado de profesionalidade de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes. Ademais, impartirase formación complementaria e de carácter transversal. Esta previsto que dito obradoiro de emprego se imparta desde o 1 de xuño de 2026 ata o 28 de febreiro de 2027.

Os obradoiros duais de emprego son programas públicos de formación e emprego nos que as persoas traballadoras desempregadas participantes reciben cualificación profesional ao mesmo tempo que desenvolven un traballo produtivo en actividades de utilidade pública ou interese social. 

Este obradoiro está financiado a través dunha subvención de 454.552,00 euros, concedida aos Concellos de Ames e Brión por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, para o financiamento dos custos de formación profesional para o emprego. O obradoiro dual emprego Renova Verde terá unha duración de 9 meses e formará a 20 alumnos/as traballadores/as (15 do concello de Ames e 5 do concello de Brión). Ademais, concedéronse 36.000 euros para 8 incentivos á contratación laboral.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destaca que “este ano optouse por ampliar a formación a dous certificados profesionais. Deste xeito diversificamos a formación en instalacións solares fotovoltaicas e en xardíns e zonas verdes. Animo a todas as persoas que cumpran os requisitos a que se inscriban para poder ter opción a participar neste obradoiro de emprego, xa que é unha oportunidade para formarse en sectores que teñen unha alta demanda de man de obra”.

Especialidades formativas:
A formación que recibirán o alumnado traballador nesta edición incluirá os seguintes certificados de profesionalidade:
-ENAE0108: Montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas – 10 prazas.
-AGAO0208: Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes – 10 prazas.

Así mesmo, impartirase a formación complementaria e de carácter transversal seguinte: formación homologada de Prevención de Riscos Laborais, Sensibilización ambiental e eficiencia enerxética, Sensibilización na igualdade de xénero, Alfabetización informática: informática e internet, Inserción laboral e técnicas de busca de emprego e formación empresarial.

As datas previstas de desenvolvemento deste obradoiro de emprego son do 1 de xuño de 2026 ata o 28 de febreiro de 2027.

Novas instalacións de paneis solares fotovoltaicos e actuacións en zonas verdes
Ademais da formación teórico práctica, o alumnado realizará traballos de interese municipal. Neste caso vanse realizar novas instalacións de fotovoltaicas na Casa da Cultura de Bertamiráns e no Centro de Formación e Emprego do Concello de Ames en Aldea Nova.

Por outra banda, faranse traballos de mantemento nas instalacións fotovoltaicas do campo de fútbol e pavillón polideportivo de Bertamiráns, campo de fútbol do Milladoiro, Casa da Cultura e instalacións deportivas do Milladoiro, escola infantil de Brión, pavillón polideportivo de Brión, espazo colaborativo de Brión, depuradora da Ameixenda do concello de Ames, depuradora do Milladoiro, centro polivalente de Brión, ETAP de Lens dos concellos de Ames-Brión, pérgola fotovoltaica da biblioteca de Brión, EDAR de Sisalde, piscinas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro, Escolas infantís A Madalena do Milladoiro e O Bosque de Bertamiráns e na Escola de Música de Brión.

Do mesmo xeito, no ámbito da xardinería e zonas verdes, levaranse a cabo as seguintes actuacións: recuperación ambiental do bosque en galería e obras de xardinería no parque do Ameneiral en Bertamiráns; instalación de xardín climático na rúa da Madalena no Milladoiro; mantemento dos xardíns da rúa Anxeriz no Milladoiro e instalación e mellora das zonas verdes e rotondas do Concello de Brión.

Proceso selectivo do alumnado-traballador e o persoal directivo, docente e de apoio
As bases reguladoras do proceso de selección serán publicadas nos vindeiros días. Ao longo do mes de maio levarase a cabo o proceso selectivo do alumnado-traballador, así como do persoal directivo, docente e de apoio. 

Para participar como alumnado-traballador, as persoas interesadas deben cumprir os seguintes requisitos:
-Ter domicilio no Concello de Ames ou no de Brión
-Ter 18 anos ou máis.
-Ser persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia e que estean inscritas en algún dos seguintes servizos: 320, 330, 340 ou 370.
-Cumprir cos requisitos do contrato de formación en alternancia no momento da selección e da contratación.
-Cumprir cos requisitos de acceso aos certificados de profesionalidade de nivel de cualificación 2 que se van a impartir (nivel mínimo formación: ESO ou equivalente).

Non poderán participar as persoas que xa tiveran cursado calquera dos certificados de profesionalidade que se van a impartir, con independencia de que o resultado fora de superado ou non superado. 

Para dispor de máis información pódese chamar ao números de teléfono 663 711 876 ou 608 459 678, de luns a venres, en horario de 8.00 a 15.00 horas.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Ames y Brión refuerzan la formación del taller dual Renova verde"

Os Concellos de Ames e Brión impulsan o novo obradoiro dual de emprego “Renova Verde” con 20 prazas dispoñibles

Multimedia

  • Os Concellos de Ames e Brión impulsan o novo obradoiro dual de emprego “Renova Verde” con 20 prazas dispoñibles
  • Os Concellos de Ames e Brión impulsan o novo obradoiro dual de emprego “Renova Verde” con 20 prazas dispoñibles