- Tematica
A Xunta de Goberno Local do Concello de Ames aprobou o pasado 5 de marzo a convocatoria de subvencións para as axudas en especies para asociacións e comisións de festas no exercicio 2026. Para solicitar estas axudas, que suman unha contías de 24.000 euros, haberá dous prazos en función da data na que se celebren as festas para as que se soliciten. Premendo nesta ligazón pódese obter máis información sobre a convocatoria.
Desde o pasado 12 de marzo, as asociacións culturais e veciñais e as comisións de festas de Ames poden solicitar axudas en especie, cuxa contía suma neste 2026 uns 24.000 euros. Disporán de 30 días naturais a contar dende o día seguinte da publicación das convocatorias no Boletín Oficial da Provincia (BOP). O obxectivo principal desta subvención é conceder axudas consistentes en actuacións das agrupacións de música tradicional ou corais de Ames durante o 2026 que estean inscritas no programa de agrupacións de música tradicional ou corais do Concello de Ames.
Outros dos obxectivos destas axudas son garantir a existencia dunha programación festiva estable no ámbito territorial de Ames, a participación activa da veciñanza nas festas como medio de convivencia, a preservación das tradicións existentes nas distintas parroquias o Concello ou tecer redes entre as entidades organizadoras das festas e as agrupacións de música tradicional e coral de Ames.
Co fin de optimizar os recursos e para garantir a estabilidade dos orzamentos, márcanse asignacións económicas por parroquias. Deste xeito, as parroquias de menos de 500 habitantes terán un máximo de dúas actuacións, cun límite de 1.000€; as que teñen entre 500 e 3.000 habitantes terán un máximo de 5 actuacións, cun límite de 3.000€; as de máis de 3.000 habitantes terán un máximo de 8 actuacións, cun límite de 4.000€; e as entidades organizadoras de eventos de interese sociocultural á marxe dos festexos populares terán un máximo de 1 actuación e un límite de 500€.
Prazo de presentación
Aos efectos de coordinación na tramitación das concesións e ordenación das distintas solicitudes, establécense dous prazos para solicitar ditas actuacións. Un primeiro período ata o 15 de maio, para as festas e eventos que se celebren entre os meses de xaneiro ata agosto. O segundo prazo, dirixido ás festas que se celebren nos meses de setembro a decembro, remata o 31 de xullo. Para as solicitudes presentadas fora destes prazos tramitarase a concesión da axuda sempre e cando exista dispoñibilidade orzamentaria.





