Pestanas principais

Chega o “Club tixolas” ao mercado de horta e artesanía de Ames, unha iniciativa que se realizará o último sábado de cada mes

Mércores, 24 de setembro de 2025

A pasada fin de semana púxose en marcha o mercado de produtos da horta e artesanía de Ames, que se vai a celebrar tódolos sábados na praza da Maía, en Bertamiráns, en horario de 10.00 a 13.30 horas. Ademais dos postos de venda, cada semana haberá diferentes obradoiros de artesanía e cociña, degustacións e catas e sorteos de produtos. Este vindeiro sábado, 27 de setembro, será a quenda da estrea do “Club tixolas”, un club de cociña para nenos e nenas de 6 a 12 anos que pretende achegar aos máis pequenos ao mundo culinario e a realizar receitas con produtos frescos de proximidade. Terá lugar desde as 11.30 ata as 13.00 horas. A inscrición é de balde e estará aberta ata este venres ás 14.00 horas. Para inscribirse, hai que enviar un correo ao enderezo promocioneconomica@concellodeames.gal co nome, apelidos e idade do menor xunto cun teléfono de contacto. Hai 30 prazas dispoñibles. 

Este sábado, 27 de setembro, o mercado de horta e artesanía estreará unha nova actividade dentro da súa ampla serie de propostas de obradoiros, degustacións e sorteos. Nesta ocasión, terá lugar o “Club tixolas”, un club de cociña orientado para nenos de 6 a 12 anos que se desenvolverá o derradeiro sábado de cada mes. Con esta iniciativa, búscase que os máis pequenos teñan un primeiro contacto co mundo culinario e que aprendan a realizar receitas con produtos frescos de proximidade e de temporada. 

A actividade é de balde e realizarase de 11.30 a 13.00 horas no mercado de horta e artesanía, localizado na Praza da Maía, en Bertamiráns. Para participar, hai que enviar un correo ao enderezo promocioneconomica@concellodeames.gal indicando nome, apelidos e idade do menor xunto cun teléfono de contacto. Hai 30 prazas dispoñibles que se cubrirán por orde de inscrición. O prazo para inscribirse estará aberto ata este venres, día 26, ás 14.00 horas, ou ata que se cubran todas as prazas dispoñibles. 

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explica que “a través do Club tixolas vanse a facer distintas actividades ao longo do ano, que estarán dirixidas a nenos e nenas de Ames e da contorna. Trátase de crear un espazo lúdico para que os rapaces e rapazas poidan aprender e divertirse en torno á cociña e con outras actividades”. 

Demostración de cociña do chef José Manuel Mallón 
Ademais, este sábado 27 de setembro, en horario de 11.00 a 13.00 horas, o GDR Terras de Compostela, en colaboración co Concello de Ames, vai a realizar unha actividade de promoción gastronómica no mercado de produtos da horta e artesanía, co obxectivo de impulsar os mercados locais.

Nesta ocasión, o cociñeiro José Manuel Mallón ofrecerá unha degustación, na cal todos os visitantes ao mercado, poderán desfrutar duns petiscos elaborados con produtos de tempada, de proximidade e cultivados polos produtores que realizan a venda dos seus produtos no citado mercado. Esta acción está enmarcada dentro do programa Xeodestino Terras de Santiago: Máis alá de Compostela.

Gran acollida do novo mercado de Ames
O pasado sábado, 20 de setembro, comezou a funcionar o mercado de produtos da horta e artesanía, que vai a celebrarse todos os sábados na praza da Maía, en Bertamiráns, en horario de 10.00 a 13.30 horas. Na súa primeira xornada, o mercado estivo composto por 11 postos de produtos frescos e artesanía, e 1 posto onde a veciñanza puido degustar, de forma gratuíta, froita de tempada de produtores/as da contorna. Está previsto que durante as vindeiras semanas se sumen novos postos ao mercado.

A iniciativa, que gozou dunha boa acollida entre a veciñanza amesá e da contorna, está enmarcada dentro do Plan de Acción da Axenda Urbana de Ames, pretende fomentar o consumo de produtos de proximidade, dinamizando a economía e a produción local.

Solicitude de participación
O prazo para poder montar un posto no novo mercado estará aberto ao longo de todo o ano. A solicitude pode facerse enviando cuberto o impreso de solicitude, que se pode descargar na seguinte ligazón, a través da Sede electrónica do Concello de Ames, de forma presencial nas oficinais municipais de Bertamiráns e do Milladoiro ou a través de calquera outro dos medios ao que se refira o artigo 16 da Lei 39/2015 do 1 de outubro de Procedemento Administrativo Común das AAPP.

Novas relacionadas: 

El Correo Gallego: "O mercado de Ames lanza o "Club Tixolas" para achegar aos nenos á cociña"

Chega o “Club tixolas” ao mercado de horta e artesanía de Ames, unha iniciativa que se realizará o último sábado de cada mes

Multimedia

  • Chega o “Club tixolas” ao mercado de horta e artesanía de Ames, unha iniciativa que se realizará o último sábado de cada mes
  • Chega o “Club tixolas” ao mercado de horta e artesanía de Ames, unha iniciativa que se realizará o último sábado de cada mes