Pestanas principais

O BNG de Ames honra a memoria dos “Homiños de Boimorto”

Xoves, 28 de agosto de 2025

Alejandra Tojo, bisneta do represaliado José Tojo, e a voceira do BNG de Ames, Escarlata Pampín foron as encargadas de darlle voz aos once “Homiños de  Boimorto” asasinados o 20 de agosto de 1936 polas forzas fascistas.

Alejandra Tojo lembraba ao seu avó Abelardo “pasaba dos 90, mais o seu ollar ficou parado no tempo, pasaba dos 90 mais sempre foi aquel neno de 10 que agardaba ansioso a volta de seu pai. Incluso, cando a súa pel estaba cheíña de sucos froito dos anos e do traballo, el agardaba. Agardou ata o último intre. Porque deixádeme confesar algo, cando deixou de coñecer a nena á que lle facía as trenzas, cando deixaron os seus beizos de chamar polo seu amor, Flora, incluso aí, ansiaba a chegada de seu pai”.

Aquel agosto do ano 36, unha citación no Concello fixo que José vestise a roupa dos domingos, ao saír da casa mirou ao seu fillo Abelardo e díxolle : “neno, coida das vacas, eu logo volvo”.  Pero nunca lle permitiron volver, nin a el nin aos outros dez detidos, a algúns deles tiráronos nunha cuneta a outros soterráronos nunha fosa común.

“Desde o BNG nin queremos nin debemos esquecer, nin a eles nin a moitas outras persoas que sufriron ó longo da nosa historia o terror fascista que terminou coas liberdades democráticas, dereitos sociais e civís acadados coa República. A imposición violenta da ideoloxía, da moral, da educación e dos valores franquistas afectou a toda a sociedade e os seus efectos prolongáronse no tempo máis alá de1975.Trátase polo tanto da nosa historia recente” salientou Escarlata Pampín. E engadiu “temos que ser capaces de promover a comprensión colectiva da historia de xeito que se fortaleza a identidade cultural e a cohesión social. Só coñecendo as etapas democráticas (ou máis ben antidemocráticas) da nosa historia comprenderemos os riscos das ideoloxías totalitarias e opresivas que defende a dereita máis reaccionaria”. 

Homenaxe aos Homiños de Boimorto

Multimedia

  • Alejandra Tojo e Escarlata Pampín na cerimonia