Pestanas principais

O Milladoiro prepárase para acoller este venres a XIV edición do Millarock máis inclusivo

Mércores, 30 de xullo de 2025

Este venres, 1 de agosto, a localidade do Milladoiro acollerá un ano máis o festival Millarock, unha das citas máis esperadas na localidade amesá e que este ano chega á súa décimo cuarta edición. O evento, organizado polo departamento de Cultura do Concello de Ames en colaboración coa da Rede Cultural da Deputación da Coruña, ten como obxectivo promover o rock galego e impulsar a grupos emerxentes da contorna de Ames. Nesta cita musical actuarán os grupos Ruxe Ruxe, Battosai e Ulex. Ademais, por segundo ano consecutivo, o persoal da escola de rock “A Casa do Rock” encargarase dos concertos didácticos e de impartir obradoiros musicais coa proposta “Merenda Rock”. Como novidade, nesta edición búscase achegar o rock a todos os públicos e ofreceranse servizos para que as persoas con discapacidade tamén poidan gozar do festival. 

Xa está todo preparado no Milladoiro para acoller a décimo cuarta edición do Millarock, unha das citas musicais máis esperadas na localidade amesá e que serve como punto de encontro ano tras ano para os amantes da música. O evento, de entrada libre e gratuíta, celebrarase este venres, 1 de agosto, na Travesía do Porto, no Milladoiro. 

Ademais, o Millarock dará o comezo, un ano máis ao “Ames en Festas”, un cartel que, por cuarto ano consecutivo, encadeará 10 días consecutivos de troula e música nos dous principais núcleos poboacionais do concello, O Milladoiro e Bertamiráns.

O Millarock máis inclusivo
Nesta décimo cuarta edición do Millarock, contarase con mochilas vibratorias para as persoas con discapacidade auditiva. Deste xeito, dáse continuidade a unha iniciativa que se puxo en marcha no concello por primeira vez nas Prebadaladas 2024. Por outra banda, tamén se contará cunha plataforma elevada con rampla para as persoas con mobilidade reducida, creando así un espazo adaptado para garantir que estas persoas poidan gozar do evento en condicións de igualdade.  

Ademais, este ano contarase con horarios de atraccións sen ruído durante todos os días do “Ames en Festas 2025”, para que as persoas con sensibilidade auditiva poidan gozar das atraccións durante as xornadas festivas. O horario das atraccións sen ruído será tódolos días de 19.00 a 21.00 horas, tanto nas festas da Madalena do Milladoiro como nas da Peregrina de Bertamiráns. 

Con estas propostas, apóstase por organizar unhas festas máis inclusivas ofrecendo opcións nas que toda a veciñanza poida gozar dos festexos do mellor xeito posible e facilitando así a asistencia das persoas que, habitualmente, non poden asistir e desfrutar das atraccións de feira, unha das alternativas de ocio máis habituais durante as festas.

Programación do Millarock 2025
O Milladoiro volverá acoller unha xornada musical que reunirá a bandas consolidadas e emerxentes do panorama musical galego. Desta volta, o festival contará coa presenza de Ruxe Ruxe, Battosai e Ulex. 

Ademais dos espectáculos musicais, o persoal da escola de rock “A Casa do Rock” estará de novo, a partir das 19.00 horas no Anfiteatro, impartindo diferentes obradoiros dirixidos aos máis pequenos da casa. Contarase con varios sets de teclados, percusións ou guitarras para que a rapazada, xunto coas familias, poidan achegarse ao mundo do rock. 

A música dará comezo a partir das 22.00 horas na Travesía do Porto coa proposta de Battosai é unha banda de rock alternativo formada en Compostela no 2018 por Héctor (voz, guitarra), Roque (baixo) e Nolo (batería), mais moi vinculados a Ames. Inspirados no rock dos 90 e 2000, así como no punk ou o gringe, veñen de publicar no pasado 2024 o seu segundo traballo, ‘Lágrimas y Milagros'. 

A partir das 23.15 horas será a quenda de Ulex, unha banda de mozos formada en Compostela no 2022 integrada por Xian Castro (voz principal e guitarra rítmica), Mónica Fuentes (baixo), Tomás Sánchez (guitarra solista e coros) e Martinho Quintela (batería e voz principal). A agrupación está a presentar o seu primeiro disco “Lonxe de ti”. 

Ruxe Ruxe serán os encargados de pechar a XIV edición do Millarock, a partir das 00.30 horas. Son unha das bandas referentes do ‘rock do país’, con case tres décadas sobre os escenarios. A pesar da súa longa traxectoria, o grupo está a vivir un momento moi doce, cunha evolución significativa no seu son e abríndose a novas influencias e estéticas. A comezos deste 2025 presentaron o seu novo disco, Xabral, producido de novo por Kaki Arkarazo nos estudios Gárate (Gipuzkoa), un traballo conceptual que están a presentar coa xira Pub Rock. 

Novas relacionadas: 

La Voz de Galicia: "El Millarock abre esta noche diez días de fiesta sin tregua en Ames"

O Milladoiro prepárase para acoller este venres a XIV edición do Millarock máis inclusivo

Multimedia

  • O Milladoiro prepárase para acoller este venres a XIV edición do Millarock máis inclusivo
  • O Milladoiro prepárase para acoller este venres a XIV edición do Millarock máis inclusivo