- Tematica
As inmediacións da igrexa parroquial de Biduído acolleu esta mañá a presentación da cuarta edición do programa municipal de “Música nas parroquias”, que desenvolve o departamento de Cultura ao longo de todo o exercicio 2025. Dende xaneiro ata outubro o Concello sufraga máis de 40 actuacións solicitadas por asociacións e comisións de festas de Ames. En total invístense 63.289,05 euros, dos cales 2.876 euros proceden dunha subvención do programa Cultura no Camiño e 11.412,40 euros achégaos a Rede Cultural da Deputación da Coruña. Trátase dunha iniciativa para fomentar a celebración das festas e colaborar na súa organización, facendo mais doada o labor que está a desenvolver o tecido asociativo e as comisións de festas do concello no eido da dinamización sociocultural.
A programación de “Música nas parroquias 2025” recolle as actuacións que achega o Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, nas diversas festas locais que organizan as asociacións municipais e comisións de festas ao longo do ano. Trátase dunha iniciativa para fomentar a celebración das festas e colaborar na súa organización, facendo mais doada o labor que está a desenvolver o tecido asociativo e as comisións de festas do concello no eido da dinamización sociocultural.
Deste xeito, dende o 25 de xaneiro ata o 12 de outubro o Concello sufraga máis de 40 actuacións solicitadas por asociacións e comisións de festas de Ames. Un total de 30 actuacións son de grupos locais e Ames, nas que se invisten 12.735 euros. En total invístense 63.289,05 euros, dos cales 2.876 euros proceden dunha subvención do programa Cultura no Camiño e 11.412,40 euros achégaos a Rede Cultural da Deputación da Coruña.
Este investimento súmase ás liñas de axudas municipais para a promoción de festas populares e actividades culturais ás cales se destinan dúas partidas de 25.000 e 30.000 euros respectivamente, que sumados aos 63.000 euros do programa de Música nas parroquias suma preto de 120.000 euros.
Actuacións de Música nas parroquias
No importe total están incluídas as actuacións das festas patronais e outras actuacións como as de Marcos Valcarcel no Día de Galicia, as actuacións de As Maianas e de Caamaño & Ameixeiras nas Noites en vela, a actuación musical Lembra Xabarín dos Seráns de Ames, a actuación de Mondra nas festas da Peregrina, e as actuacións de A Casa do Rock, Battosai, Ulex e Ruxe-Ruxe, no Millarock.
O alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, explica que “o que buscamos é axudar e impulsar ás comisións de festas e asociacións de veciños que organizan as festas populares a través de diferentes vías. En total, estamos facendo un investimento que supera os 100.000 euros, unha cantidade moi importante e que entra dentro da nosa aposta pola dinamización no rural, coa celebración de festas, actividades e promoción da cultura local garantindo unha serie de actuacións durante todo o ano para as agrupacións locais”.
A técnica do departamento de Cultura, María Vázquez, destacou que “este programa nace para dinamizar as asociacións e crear sinerxias entre o Concello, as asociacións e os grupos de música tradicional”. Así mesmo, explicou que deste xeito “búscase apoiar o traballo que están facendo desde as asociacións, por unha parte con subvencións de festas como xa se viña facendo habitualmente, pero tamén coa liña de subvencións en especie, na que por unha parte se benefician os grupos que van a realizar as actuacións e por outra as propias entidades, que así poden contar cun apoio económico”.
Por parte das asociacións e comisións de festa participaron na presentación Anxo Doval, representante das asociacións de Bugallido (Asociación de Veciños San Pedro de Bugallido, Centro Cultural Mahía e Sociedade Agraria de Bugallido, Ortoño e Biduído); Lino Berdullas, representante da Asociación Recreativa e Cultural Lojo Batalla de Tapia; Esther González, representante da Asociación de Alfombristas de Ames; Xosé Barreiro e Javier Arufe, representantes da Asociación Enmaroñados e da agrupación Airiños do Paseo de Colón; Ramón Fouces, en representación da Asociación Gastronómica Recreativa e Cultural do Chourizo ao Viño e a Asociación de Veciños de Ortoño; e Eva Rozas e Abel Mansilla, representantes da Comisión de Festas da Ameixenda.
Os representantes das asociacións e comisións de festas presentes hoxe amosaron o seu agradecemento por estas axudas que facilitan a celebración das festas parroquiais, contribuíndo a que non se perdan estas tradicións, sobre todo nos núcleos rurais de Ames.
Actuacións de xullo a outubro
As actuacións programadas para os meses de verán e outono comezan o domingo, 13 de xullo, coa actuación de A Banda da Loba e dos Castros na XIX Festa do chourizo ao viño, en Ortoño. Ademais, o grupo Airiños do Paseo de Colón actuará ese mesmo día, 13 de xullo, nas festas de San Cristobo en Tapia. O domingo, 20 de xullo, actuarán na festa do Carmen, en Bugallido, a Coral polifónica de Bugallido e mailos Retranqueiros. Ademais, o martes, 22 de xullo, Os Retranqueiros estarán nas festas da Madalena, no Milladoiro.
No mes de agosto, o sábado 2, Os Retranqueiros volverán actuar nas festas da Madalena, no Milladoiro. O domingo 3 tamén estarán nas festas da Madalena, no Milladoiro, a banda de música de Padrón e mailos Castros; mentres que a Requinta da Amaía actuará nas festas do Sacramento de Tapia. O luns 4 o grupo Airiños do Paseo de Colón actuará nas festa da Madalena no Milladoiro.
Nas festas da Peregrina, en Bertamiráns, estarán o sábado 9 de agosto a Requinta da Amaía e a coral Lojo Batalla, mentres que o domingo 10 actuarán a banda de música de Calo e mailo grupo Airiños do Paseo de Colón. Ese mesmo día, 10 de agosto, os Castros e a coral Lojo Batalla estarán nas festas patronais de Agrón.
Por outra banda, o venres 15 de agosto, a Requinta da Amaía estará nas festas patronais de Biduído, e a coral Lojo Batalla nas festas patronais de Trasmonte. O sábado 30 de agosto a Requinta da Amaía actuará nas festas patronais da Ameixenda. Para pechar o mes de agosto, o domingo 31 o grupo Alana e Os Retranqueiros estarán nas festas patronais da Ameixenda; mentres que a coral polifónica de Bugallido e a Requinta da Amaía actuarán nas festas da Virxe de Lourdes de Pousada.
Ademais, o 20 de setembro o grupo Airiños do Paseo de Colón actuará na festa da Merced en Lapido; e o domingo 12 de outubro a banda de música de Brión estará nas festas da Virxe do Rosario de Agrón.
Actuación do primeiro semestre do ano
De xaneiro a xuño xa se realizaron 9 actuacións. O grupo Airiños do Paseo de Colón estivo nas festas de San Sebastián, en Lens, o pasado 25 de xaneiro; e nas festas de San Xosé, no Milladoiro, o mércores 19 de marzo. Os Retranqueiros actuaron o 26 de abril nas festas da Virxe do Corpiño, en Oca; e o grupo Lamatumbá actuou o pasado 18 de maio nas festas de San Isidro de Bugallido.
No mes de xuño houbo 6 actuacións dentro do programa de Música nas parroquias. O domingo 1 de xuño a Requinta da Amaía estivo na festa do Maio en Biduído, mentres que o sábado 21 de xuño estiveron Os Retranqueiros na III concentración de vehículos históricos en Sisalde, e o martes 24 de xuño actuaron nas festas de San Xoán de Ortoño a coral Lojo Batalla e o grupo Airiños do Paseo de Colón. Por último, o domingo 29 de xuño estiveron nas festa de San Pedro de Bugallido a coral polifónica de Bugallido e a banda e música de Calo.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Ames apoia con 63.000 € máis de 40 actuacións musicais"
La Voz de Galicia: "Música nas parroquias terá actividade intensa no verán"
Diario de Santiago: "O programa “Música nas parroquias” dedica 63.000 euros a máis de 40 actuacións nas festas locais de Ames"








