- Tematica
O Concello de Ames vai a recoñecer a traxectoria de Antonio López Díaz, catedrático de dereito financeiro e tributario pola Universidade de Santiago de Compostela, así como reitor desa mesma institución dende o 5 de xuño de 2018. Antonio López é veciño de Ames dende o ano 1991 ata actualidade, residindo no Milladoiro ata o ano 2002 e, dende ese ano, en Bertamiráns. Entregaráselle a medalla do Concello de Ames no acto do Día de Galicia 2025. Así foi acordado por unanimidade na Xunta de voceiros. Este pasado venres, 23 de maio, abordouse o tema nas comisións informativas previas ao pleno ordinario de maio, que se vai a celebrar o vindeiro mércores 28 de maio.
O acto institucional do Día de Galicia do Concello de Ames homenaxeará este ano a Antonio López Díaz, pola súa traxectoria académica e profesional, destacando o desempeño do cargo de reitor da Universidade de Santiago de Compostela, que aínda ocupa, e a súa promoción do Concello de Ames. Antonio López é veciño de Ames dende o ano 1991 ata actualidade, residindo no Milladoiro ata o ano 2002 e, dende ese ano, en Bertamiráns.
A persoa proposta ten unha recoñecida carreira académica e profesional, destacando feitos como o doutorado en dereito acadado no no 1991 pola Universidade de Santiago de Compostela. Previamente acadou o premio extraordinario da licenciatura en Dereito. Posteriormente foi tamén distinguido coa insignia de ouro da Universidade de Santiago de Compostela.
Como reitor exerce a dirección, o goberno e a xestión da Universidade, desenvolve as liñas de actuación aprobadas polos órganos colexiados (Consello Social, Consello de Goberno, Claustro Universitario) e executa os seus acordos. Para o desenvolvemento destas funcións é asistido polo Consello de Dirección, onde están presentes os vicerreitores e vicerreitoras, a secretaria xeral e o xerente.
Deste xeito, Antonio López unirase a outros/as relevantes veciños/as e entidades de Ames que recibiron anteriormente a medalla do Concello de Ames como Borja Golán, a Coral polifónica de Bugallido, María Victoria Otero Espinar, Ramón Lorenzo, Ángel Carracedo, Filomena Fraga e Maximino Viaño.
Traxectoria de Antonio López
Previamente ao seu nomeamento como reitor da Universidade de Santiago de Compostela desempeñou cargos como Vicerreitor de Coordinación do Campus de Compostela e Vicerreitor de Xestión de Infraestruturas da Universidade de Santiago (1998-2002), Decano da Facultade de Dereito de Santiago (2005-2007), Director do Departamento de Dereito de Dereito Público Especial da Universidade de Santiago (1993-1998) ou Secretario da Comisión de Doutorado da Universidade de Santiago.
Profesionalmente tamén desempeñou cargos relevantes a marxe da carreira académica. En 2007 foi elixido conselleiro de Contas polo Parlamento de Galicia e pasou a presidir a institución como conselleiro maior ata 2010.
Tamén foi autor de numerosas publicacións relacionadas coa súa área de coñecemento, tanto monografías como artigos en revistas especializadas. Son de destacar os seus estudos sobre cuestións procedementos tributarios, especialmente a recadación, así como os seus estudos en materias de financiamento autonómico e local, así como de gasto público e o seu control. A súa formación completouse con estancias en universidades europeas (Bolonia) e americanas (Sao Paulo e Montevideo).
Proxectos de investigación
No ámbito da investigación participou en numerosos proxectos de investigación como investigador principal de diversos proxectos, convenios e contratos con empresas e institucións.
É membro de asociacións científicas relacionadas coa súa especialidade: Asociación Española de Profesores de Dereito Financeiro, Asociación Española de Asesores Fiscais, Asociación Española de Dereito Financeiro ou a Asociación Europea de Profesores de Dereito Tributario.