Pestanas principais

A asociación “CE Ames Solar” celebrará a súa Asamblea Constituínte o próximo martes 27 de maio

Luns, 19 de maio de 2025

Ames continúa o proceso de transformación enerxética coa celebración da Asamblea Constituínte da asociación “CE Ames”. Tras meses de traballo colaborativo entre a Oficina de Transformación Comunitaria e o Concello de Ames, o municipio celebrará un fito clave coa creación oficial de "CE Ames Solar", unha ferramenta xurídica sin ánimo de lucro que regulará as comunidades enerxéticas de Ames. Premendo nesta ligazón poder coñecer os proxectos da Comunidade Enerxética “CE Ames Solar”.

A Asemblea Constituínte terá lugar o martes, 27 de maio, no emblemático Pazo da Peregrina, coa primeira convocatoria ás 19:00 horas e a segunda ás 19:30 horas. Ames únese así á crecente rede de concellos galegos que apostan por este modelo enerxético participativo, tras experiencias exitosas como as de Xermade, Ponte Caldelas ou a Illa de Arousa, onde as comunidades enerxéticas xa están a xerar importantes beneficios económicos e ambientais para os seus participantes.

Antecedentes do proxecto
Este proxecto naceu no ano 2022, tras unha xuntanza en Bruxelas do alcalde, Blas García, co eurodeputado Nicolás González Casares, membro da comisión de enerxía, que trasladou ao Concello de Ames as claves a nivel local para abordar os retos enerxéticos en termos de eficiencia e aforro.

A iniciativa encádrase no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado por fondos Next Xeración EU, a Deputación da Coruña e o Concello de Ames, que fixeron posible a creación da Oficina de Transformación Comunitaria de Ames en 2024. Desde entón, o equipo técnico realizou unha avaliación enerxética intensiva do municipio, identificando un potencial significativo para o desenvolvemento de enerxías renovables na zona.

Durante os últimos oito meses, realizáronse varias sesións informativas e obradoiros participativos en zonas urbanas e en diversas parroquias do municipio, así como noutros concellos, onde os veciños expresaron o seu interese en participar nesta iniciativa. Ademais, un estudo técnico preliminar identificou varias cubertas municipais que resultan óptimas para a instalación de paneis fotovoltaicos que poderían abastecer a un número significativo de vivendas da zona.

¿Que é unha Comunidade Enerxética?
As Comunidades Enerxéticas representan un novo modelo enerxético baseado na participación cidadá, onde os residentes poden producir, consumir, almacenar e compartir colectivamente enerxía renovable, democratizando o acceso á enerxía limpa e reducindo a dependencia das grandes compañías eléctricas.

As comunidades enerxéticas son un modo de aforrar na túa factura da luz ao mesmo tempo que se limita a pegada de carbono no concello, se impulsa a economía local mediante a creación de emprego verde e se gaña autonomía enerxética para o territorio e se avanza na participación cidadá directa na transición enerxética.

¿Como participar?
Todos residentes, organizacións e empresas interesadas en participar no proxecto  están convidados a asistir á Asemblea Constituínte. Durante a reunión, presentaranse os estatutos, o plan de acción e as modalidades para a participación na Comunidade Enerxética.

“CE Ames Solar” é un proxecto aberto, participativo e sostible que contribuirá a mellorar a calidade de vida no concello e á loita contra o cambio climático desde unha perspectiva local.

A asociación “CE Ames Solar” celebrará a súa Asamblea Constituínte o próximo martes 27 de maio

Multimedia

  • A asociación “CE Ames Solar” celebrará a súa Asamblea Constituínte o próximo martes 27 de maio
  • A asociación “CE Ames Solar” celebrará a súa Asamblea Constituínte o próximo martes 27 de maio