Pestanas principais

Bugallido acolle esta fin de semana semana a II Carballeira das Letras e as súas festas do San Isidro

Mércores, 14 de maio de 2025

A Asociación Veciñal de Bugallido, en colaboración co Centro Cultural Mahía e a Sociedade Agraria de Bugallido, Ortoño e Biduído, organiza esta fin de semana a segunda edición da Carballeira das Letras, unha iniciativa motivada polo Día das Letras Galegas, que este ano homenaxea ás cantareiras e a recollida popular. Deste xeito, os días 16 e 17, Bugallido acollerá diversas actividades relacionadas con esta conmemoración, coma faladoiros, obradoiros e concertos. Ademais, a parroquia amesá celebrará este domingo as súa tradicional romaría de San Isidro, unha xornada para gozar de música e boa gastronomía.

Esta fin de semana, Bugallido acollerá a segunda edición da Carballeira das Letras, unha iniciativa organizada pola Asociación Veciñal de Bugallido, en colaboración co Centro Cultural Mahía e a Sociedade Agraria de Bugallido, Ortoño e Biduído, con motivo do Día das Letras Galegas. Ademais deste evento, o domingo, día 18, a parroquia amesá acollerá a romaría de San Isidro, unha xornada chea de actividades, música e gastronomía.

II Carballeira das Letras
A segunda edición da Carballeira das Letras dará comezo o venres, día 16, cun acto inaugural no que intervirán o secretario xeral da Lingua, Valentín García, o alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística de Ames, Blas García, a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, e o académico Antón Santamarina, en representación da Real Academia Galega. A continuación, ofrecerase un faladoiro sobre a poesía popular e as cantareiras, no que participarán os músicos/as Xabier Díaz e Ana Rodríguez (Leilía) e o académico Antón Santamarina, moderados por Carlos Xosé Vidal, mestre de baile e canto. O acto realizarase no salón de conferencias do Centro Cultural Mahía e a asistencia é de balde ata completar a cabida.

Xa no propio Día das Letras Galegas, o sábado día 17, todas as actividades terán lugar na Carballeira de Bugallido. A xornada comezará a partir das 11.30 horas co obradoiro “Bailando coa lingua”, a cargo de As Armadanzas, no que os participantes poderán gozar de baile teatralizado, baseado nas cantigas, bailes e xogos recollidos polas persoas maiores das aldeas galegas.

Ás 13.00 horas, terá lugar o concerto do grupo de pandereteiras Malvela e, de seguido, será o xantar campestre na propia Carballeira, onde haberá diferentes postos de comida artesá. Tras o xantar, a partir das 16.30h, será a quenda dos espectáculos dos grupos de adultos e nenos/as das Escolas de Pandeireta de Bugallido e do Grupo de Pandeiretas Amessán-Bugallido.

Continuando coa música, ás 18.00 horas, levarase a cabo un obradoiro e exhibición de rap improvisado e regueifa, organizado polo proxecto CeibaRimas, e que contará coa participación de Big Meu, Arrieiro, Xairo d’Herbón e Vila-C. Pechando a xornada, ás 20.00 horas, terá lugar o concerto do grupo Ailá & Cantigas e Agarimos.

Festas de San Isidro
A romaría de San Isidro de Bugallido, unha das celebracións mais arraigadas e queridas da parroquia, dará comezo ás 12.00 horas coa tradicional misa na honra do patrón e que, ademais, contará coa música a cargo da Coral Polifónica de Bugallido.

Xa cara o mediodía, ás 13.30 horas, será a quenda da troula co inicio da sesión vermú, na que actuarán os grupos das Escolas de Música e Baile Tradicional de Bugallido e a charanga “Os Atrevidos”. Xunto coa boa música, realizarase un xantar popular e unha degustación de callos e empanada.

Para rematar a festa, haberá un concerto do grupo Lamatumbá, un espectáculo sufragado polo Concello de Ames a través da Rede cultural da Deputación da Coruña. Ademais destas actividades, a veciñanza poderá gozar ao longo de toda a xornada de diferentes postos de comida artesá, polbeira, actividades para público infantil e xuvenil e dunha feira de labranza e artesanía.

Novas relacionadas:

AMSGO!: "Bugallido acolle esta fin de semana semana a II Carballeira das Letras e as súas festas do San Isidro"

Bugallido acolle esta fin de semana semana a II Carballeira das Letras e as súas festas do San Isidro

Multimedia

  • Bugallido acolle esta fin de semana semana a II Carballeira das Letras e as súas festas do San Isidro
  • Bugallido acolle esta fin de semana semana a II Carballeira das Letras e as súas festas do San Isidro