Pestanas principais

Esgotadas as prazas para a Foliada con Apego deste venres

Luns, 12 maio, 2025
Dende o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames informan de que xa están esgotadas as prazas para participar na Foliada con Apego de Pablo Díaz e Olga Kirk, que se vai celebrar este venres, 16 de maio, ás 18.00 horas, no Pazo da Peregrina en Bertamiráns. Será un encontro cheo de música para compartir, cantar, bailar, aprender cancións e, sobre todo, pasalo ben. Quen teña instrumentos tradicionais pode traelos para axudar a facer a festa.

O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto de dinamización lingüística dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, achegando recursos e unha ampla proposta de actividades lúdicas e educativas.

As persoas interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.

Multimedia