Pestanas principais

O Pleno aproba por unanimidade a elección de xuíza de paz e maila taxa pola ocupación de terreos de uso público cos postos, barracas e casetas de venda

Venres, 01 de marzo de 2024

A Corporación municipal aprobou por unanimidade todos os puntos tratados na sesión ordinaria de febreiro. Aprobouse a corrección do acordo plenario de participación no plan POS +Adicional 1/2024 para gastos sociais extraordinarios do exercicio 2024; a aprobación inicial da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola ocupación de terreos de uso publico con postos, barracas, casetas de venda, espectáculos, atraccións ou recreo así como industrias na rúa e ambulantes e rodaxe cinematográfica; e maila elección de xuíza de paz titular do Concello de Ames. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.

O pleno ordinario de xaneiro comezou co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende o último pleno ordinario aprobáronse 178 decretos, do 455 ao 632. De seguido, a concelleira de Servizos Económicos deu conta da información periódica a render ao pleno correspondente ao cuarto trimestre do exercicio 2023. Durante este período destacou que o período medio de pago a provedores foi de 19,29 días.

No apartado de dación de conta tamén se deu conta das queixas, suxestións e reclamacións presentadas no ano 2023. A concelleira de Atención e Participación Veciñal, Ana Belén Paz,  informou que durante o ano 2023 o Concello recibiu un total de 182 que foron todas contestadas. Estas 182 queixas, suxestións e reclamacións divídense do seguinte xeito: 75 de obras e servizos básicos, 9 de cultura, 21 de urbanismo, 1 de transparencia, 3 de padrón municipal, 2 de tesourería, 5 da EDUSI, 8 de mobilidade, 12 de medio ambiente, 1 de intervención, 9 de seguridade cidadá, 2 de secretaría, 3 do ciclo integral da auga, 4 de educación, 5 de atención cidadá, 1 da sede electrónica, 2 de persoal, 8 de deportes, 3 de alcaldía, 3 de benestar social, 3 de bibliotecas e 2 de arquivo municipal.

A continuación aprobáronse as actas anteriores correspondentes á sesión ordinaria do mes de xaneiro e ás sesións extraordinarias do 7 e 22 de febreiro de 2024.

Na parte resolutiva, aprobouse por unanimidade a corrección do acordo plenario de participación no plan POS +Adicional 1/2024 para gastos sociais extraordinarios do exercicio 2024.

Cómpre lembrar que no POS+ Adicional 1/2024 contémplanse 157.620,75 euros para gastos sociais extraordinarios. Do total de dita contía, destinaríanse 68.384,34 euros para a contratación de tres traballadores/as sociais durante un período de seis meses. Ademais, dedicaranse 79.236,41 euros á ampliación e dotación das partidas municipais destinadas a axudas de emerxencia ás unidades de convivencia en risco de exclusión social. O importe restante, que ascende a 10.000 euros, dedicarase á ampliación do servizo de axuda no fogar, que se adicará a ofrecer o servizo de xantar na casa ás 12 persoas que están en lista de agarda e aquelas que poidan precisar de dito servizo.

A modificación atinxe a que na certificación do acordo plenario hai que engadir un segundo punto relativo a que o Concello de Ames comprometerse a facer constar a colaboración da Deputación da Coruña en toda a información (impresa, informática ou audiovisual) que fagan das actividades ou investimentos subvencionados, asi como, no seu caso, na súa páxina web e/ou redes sociais.

Aprobación de ordenanza municipal
Outro dos temas que se aprobaron por unanimidade no pleno ordinario de febreiro foi a aprobación inicial da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola ocupación de terreos de uso publico con postos, barracas, casetas de venda, espectáculos, atraccións ou recreo así como industrias na rúa e ambulantes e rodaxe cinematográfica.

No pleno do 29 de outubro de 2020 adoptouse o acordo de derrogar a ordenanza fiscal 3.B.2 reguladora da taxa por instalacións de postos, barracas, casetas de venda, espectáculos, atraccións ou recreo situados en terreos de uso publico municipal así como industrias na rúa e ambulantes e rodaxe cinematográfica do Concello de Ames. Tras a oportuna tramitación administrativa a derrogación aprobouse definitivamente sendo publicada no BOP 225, do 31 de decembro de 2020. A finalidade desta derrogación era facilitar a actividade do comercio de venda ambulante ante a situación xerada pola Covid-19 que supuxo importantes limitacións ao sector.

Na actualidade, dende o goberno municipal consideran necesario aprobar unha nova ordenanza fiscal para recuperar dita taxa. Para elaborar dita ordenanza tívose en conta un estudo técnico elaborado polo servizo de Urbanismo, no que tras tomar en consideración o valor que tería no mercado a utilidade obtida realiza unha proposta de tarifas. Deste xeito, establécese unha cota de 1,5 euros ao día de taxa.

Ademais, establécese unha nova regulación no artigo 3 da ordenanza na que se exclúe no pagamento de dita taxa a asociacións ou entidades sen ánimo de lucro. Tamén se establece unha nova regulación no artigo 5, no que a maiores da base impoñible sobre a que se determina a cota tributaria, que configurará os metros cadrados autorizados de ocupación sobre a superficie de uso público, engádese o tempo de duración e mailos días de ocupación autorizados.

Elección de xuíza de paz
Por último, aprobouse por unanimidade a elección de xuíza de paz titular do Concello de Ames. Na sesión plenaria do 28 de decembro de 2023 aprobouse o inicio de expediente para a elección de xuíz/a de paz titular do Concello de Ames e apróbanse as bases para a súa elección. Durante o prazo de presentación de instancias presentáronse seis solicitudes cumprindo todas elas cos requisitos esixidos. Atendendo ao criterio habitual de valorar especialmente o Grao en Dereito e a experiencia como xuíz/a de paz, aprobouse a elección de Xiomara Erlinda Lazo Fuentes como xuíza de paz titular do Concello de Ames.

Rogos e preguntas
Por último, no apartado de rogos e preguntas, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, respondeu a varias preguntas formuladas por escrito por parte do grupo municipal popular sobre o futuro centro deportivo do Milladoiro. Ademais, a concelleira de Promoción Económica e Emprego, respondeu a outra pregunta formulada por escrito, neste caso por pare do grupo municipal do BNG, sobre o número de negocios que cesaron a súa actividade durante o ano 2023 no concello de Ames e que se ten pensado facer para reverter a situación  exposta.

O Pleno aproba por unanimidade a elección de xuíza de paz e maila taxa pola ocupación de terreos de uso público cos postos, barracas e casetas de venda

Multimedia

  • O Pleno aproba por unanimidade a elección de xuíza de paz e maila taxa pola ocupación de terreos de uso público cos postos, barracas e casetas de venda
  • O Pleno aproba por unanimidade a elección de xuíza de paz e maila taxa pola ocupación de terreos de uso público cos postos, barracas e casetas de venda
  • O Pleno aproba por unanimidade a elección de xuíza de paz e maila taxa pola ocupación de terreos de uso público cos postos, barracas e casetas de venda
  • O Pleno aproba por unanimidade a elección de xuíza de paz e maila taxa pola ocupación de terreos de uso público cos postos, barracas e casetas de venda
  • Embedded thumbnail for