Pestanas principais

O Concello de Ames homenaxea a Rosalía de Castro cunha gala poético-musical este venres, 23 de febreiro, na Casa da Cultura de Bertamiráns

Xoves, 22 de febreiro de 2024

Este venres, 23 de febreiro, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá, a partir das 19:00 horas, a Gala homenaxe a Rosalía de Castro. Trátase do acto central da programación rosaliana que organiza o Concello de Ames para conmemorar o aniversario da escritora que se celebra o 23 de febreiro, ao tempo que se pon en valor o seu vínculo co concello e se revitaliza o seu pensamento e a súa obra. Para a súa organización cóntase coa colaboración dos equipos de dinamización e normalización lingüística dos centros de ensino de Ames. A entrada será libre e gratuíta ata completar o aforo.

O evento, conducido pola comunicadora e actriz Cristina Collazo, estará cheo de música e poesía. Na parte musical cóntase coa colaboración da cantautora e dj High Paw, que realizará unha actuación moderna e rompedora. Nel tamén participarán arredor de cincuenta persoas en representación dos centros educativos de Ames e doutros ámbitos culturais e deportivos. Así, subirá ao escenario alumnado dos centros educativos de infantil, primaria e secundaria do concello para recitar, cantar e teatralizar textos de Rosalía.

Así, poderemos ver unha montaxe teatral da man do CEIP Barouta e unha montaxe audiovisual creada pola EEI do Milladoiro. Ademais, o alumado do IES de Bertamiráns permitiranos escoitar os versos de Rosalía en dezaseis linguas diferentes, e os rapaces e rapazas do IES do Milladoiro emitirán un programa de radio en directo durante a gala.

Poñeranlle voz a Rosalía persoas destacadas como o rapeiro amesán Big Meu; a futbolista e canteira do Deportivo, Antía Veiga; o patinador do Club de patinaxe Sarela e bronce na última Copa de Europa de patinaxe, Jorge Sanmartín; a mestra deseñadora de encaixe, Ana Rosa Lista; e a educadora musical e compositora, Leticia Falcón.

O alcalde de Ames e responsable do departamento de Normalización Lingüística, Blas García, agradeceu “a implicación dos equipos de dinamización e normalización lingüística dos centros educativos de Ames con esta iniciativa ano atrás ano” e resaltou a importancia de “preservar e pór en valor todo aquelo polo que Rosalía, vinculada ademais ó noso concello, loitou a través da súa obra. Rosalía sempre está de actualidade”.

O Concello de Ames homenaxea a Rosalía de Castro cunha gala poético-musical este venres, 23 de febreiro, na Casa da Cultura de Bertamiráns