Pestanas principais

20 alumnos/as traballadores/as están formándose na montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas no obradoiro dual de emprego Renova VI

Martes, 30 de xaneiro de 2024

Os Concellos de Ames e Brión están a desenvolver a sexta edición do obradoiro dual de emprego Renova, no que participan 20 alumnos/as traballadores/as. Nesta edición impártense 12 meses de formación sobre o certificado de profesionalidade oficial de montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas. Ademais, impártense as especialidades do catálogo SEPE: SSCI002 Operacións auxiliares de mantemento en piscinas de uso colectivo e fontes ornamentais e SSCI016PO Mantemento e conservación de piscinas. Dita formación complementouse co curso de prevención de riscos laborais en alturas e mailo curso de plataformas elevadoras móbiles para persoas (PEMP).

Esta mañá, o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; o concelleiro de Persoal, Víctor Fernández; e o alcalde de Brión, Pablo Lago, achegáronse ata o Centro de formación de Aldea Nova para facer entrega dos diplomas que acreditan o correcto aproveitamento do curso de prevención de riscos laborais en alturas e do curso de plataformas elevadoras móbiles para persoas (PEMP). Ditos cursos complementan a formación que se está impartindo no obradoiro dual de emprego Renova no que participan 20 alumnos/as traballadores/as.

O alcalde de Ames, Blas García, explicou que “dende os Concellos de Ames e Brión seguimos apostando un ano máis por esta formación en enerxías renovables, porque é un sector que cada vez demanda máis profesionais cualificados. Os contidos impartidos neste obradoiro son fundamentais; moitas empresas do sector buscan contratar aos alumnos antes incluso de que rematen a formación".

O alcalde de Brión, Pablo Lago, destacou a boa colaboración entre administracións na posta en marcha destes obradoiros e instou aos presentes “a aproveitar ao máximo esta oportunidade pois son sectores en constante expansión, sobre todo o fotovoltaico onde cuestións como as Comunidades Enerxéticas comezan a ser unha realidade”.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, dixo que “o traballo realizado neste obradoiro tamén terá grandes beneficios para os nosos concellos, pois permitirá dispor de novas instalacións fotovoltaicas e levaranse a cabo traballos de mantemento nas instalacións actuais”.

Plan de formación
Dentro do plan de formación aprobado para este proxecto, a totalidade do alumnado recibe formación teórico-práctica do certificado de profesionalidade ENAE0108 Montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas, e as especialidades do catálogo SEPE: SSCI002 Operacións auxiliares de mantemento en piscinas de uso colectivo e fontes ornamentais e SSCI016 Mantemento e conservación de piscinas.

Por outra banda, complementouse o plan formativo aprobado cun curso de prevención de riscos laborais en alturas e con outro curso de plataformas elevadoras móbiles para persoas (PEMP). Ditas accións formativas teñen o obxecto de inculcar prácticas seguras de cara ao inicio dos traballos nas actuacións aprobadas (cultura preventiva) e mellorar a cualificación e empregabilidade do alumnado.

Obradoiro dual de emprego
Os obradoiros duais de emprego son programas públicos de formación e emprego en que os traballadores/as desempregados/as participantes reciben cualificación profesional ao mesmo tempo que desenvolven un traballo produtivo en actividades de utilidade pública ou interese social. Este obradoiro está sufragado a través dunha subvención de 531.046,20 euros, concedida aos Concellos de Ames e Brión por parte da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, para o financiamento dos custos de formación profesional para o emprego. Ademais, concedéronse 19.500 euros para 13 incentivos á contratación laboral.

No Renova VI fórmase durante 12 meses a 20 alumnos/as, quince alumnos do concello de Ames e cinco alumnos do concello de Brión. Durante un ano, os participantes reciben formación na especialidade montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas.

Formación
O alumnado traballador recibirá formación teórico-práctica do certificado de profesionalidade ENAE0108 Montaxe e Mantemento de Instalacións Solares Fotovoltaicas, e das especialidades do catálogo SEPE: SSCI002 Operacións auxiliares de mantemento en piscinas de uso colectivo e fontes ornamentais, e SSCI016PO Mantemento e conservación de piscinas.

Ata o momento, o alumnado xa recibiu a formación homologada de Prevención de Riscos Laborais, manexo de carretillas elevadoras e operador/a de plataformas elevadoras móbiles de persoal, como complemento á formación no certificado de profesionalidade.

Novas instalacións fotovoltaicas
Ademais da formación teórico práctica, o alumnado realizará traballos de interese municipal. Neste caso, van realizar novas instalacións de fotovoltaicas na estación depuradora de Sisalde, que presta servizo aos concellos de Ames e Brión. Tamén se executarán as instalacións fotovoltaicas e sistema de bombeo nas piscinas municipais de Bertamiráns e Milladoiro, así como a instalación dun sistema de bombeo na piscina municipal de Bastavales en Brión.

Así mesmo, realizaranse traballos de mantemento nas instalacións fotovoltaicas do centro de formación e emprego do concello de Ames, no campo de fútbol e no pavillón polideportivo de Bertamiráns, no campo de fútbol do Milladoiro, na Casa da Cultura e nas instalacións deportivas do Milladoiro, na escola infantil municipal de Brión,  no pavillón polideportivo de Brión, no espazo colaborativo Transformando de Brión, na planta EDAR da Ameixenda, na planta EDAR do Milladoiro, no centro polivalente de Brión, na estación depuradora de Lens (que presta servizo aos concellos de Ames e Brión), e na pérgola fotovoltaica da biblioteca de Brión.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames e Brión forman traballadores no sector das enerxías renovables"

Imaxe da visita ao obradoiro de emprego dual Renova VI

Multimedia

  • Imaxe da visita ao obradoiro de emprego dual Renova VI
  • Imaxe da visita ao obradoiro de emprego dual Renova VI
  • Imaxe da visita ao obradoiro de emprego dual Renova VI
  • Imaxe da visita ao obradoiro de emprego dual Renova VI