Pestanas principais

Comeza a VII edición do certame Enreguéifate baixo o lema “Temos madeira regueifeira!”

Sábado, 13 de xaneiro de 2024

Onte, 12 de xaneiro, presentouse en Santiago de Compostela a sétima edición do certame Enreguéifate, un proxecto conxunto impulsado polos Concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo, que busca difundir a improvisación oral en verso e contribuír á promoción do uso da lingua galega. A participación é aberta e de balde, e concrétase co envío dun vídeo no que, cando menos, dúas persoas aparezan regueifando en lingua galega. Establécense dúas categorías: xeral e escolar. Tamén se impartirán obradoiros de formación para o alumnado e o profesorado, e haberá un certame regueifeiro e un encontro de regueifa. O prazo de presentación esténdese dende o 12 de xaneiro ata o 1 de marzo. As bases do certame están dispoñibles nesta ligazón.

No acto de presentación, celebrado onte no Pazo de Raxoi en Santiago de Compostela, participaron a alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín; o concelleiro de Contratación, Mocidade, Feiras e Mercados do Concello de Carballo, Ramón Varela Rodríguez; o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Demetrio Gómez; a concelleira de Lingua do Concello de Teo, María Vázquez Rey; e Lupe Blanco, regueifeira e formadora do Enreguéifate. O alcalde de Ames e responsable da área de normalización, Blas García, non puido asistir por incompatibilidades de axenda. Porén, declarou que o Concello de Ames sempre vai apoiar aquelas propostas que promovan a dinamización e o uso da lingua galega.

Segundo explicou a rexedora compostelá, este certame é “unha aporta firme pola colaboración entre administracións municipais co obxectivo conxunto de defender e promover a improvisación oral de xéneros galegos como a regueifa, para contribuír así á promoción e dinamización do uso da lingua galega”. 

O lema elixido para esta sétima edición é “Temos madeira regueifeira!”. Con esa idea, o Enreguéifate buscará sacar á luz o talento para a improvisación oral espallado por toda Galicia. En palabras da organización do certame: “Temos madeira regueifeira porque a regueifa circula desde as nosas raíces até o século XXI. A regueifa é de natureza patrimonial, o noso bosque autóctono da improvisación oral en verso”.

Prazo de presentación de vídeos e categorías do certame
O prazo para participar no certame está aberto desde o 12 de xaneiro e ata o vindeiro 1 de marzo. A inscrición pode realizarse dende a páxina web do certame, onde tamén están dispoñibles as bases. As persoas interesadas en participar deberán enviar un vídeo dun máximo de 3 minutos no que aparezan, como mínimo, dúas persoas regueifando en galego.

Segundo explicou o concelleiro de Carballo, Ramón Varela Rodríguez, "repítense as categorías de anos anteriores": unha xeral, para calquera persoa; e outra escolar, para alumnado dos centros educativos galegos non universitarios. Así mesmo, como xa acontecera en edicións previas, haberá seis premios en cada unha das categorías: regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada e mellor falada. A gala de entrega dos galardóns celebrarase na mañá do mércores 3 de abril de 2024, no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Obradoiros escolares e para profesorado
O proxecto Enreguéifate non se limita ao certame de regueifas en vídeo, senón que tamén desenvolve accións formativas para estudantes e profesorado. Así, segundo detallou Demetrio Gómez, concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, desde o pasado mes de outubro e ata febreiro, están a levarse a cabo máis de 80 obradoiros de improvisación oral destinados ao alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria e da ESO dunha trintena de centros educativos dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo “cunha grande acollida tanto entre o alumnado como entre o profesorado”.

Lupe Blanco, Josinho da Teixeira e Nuria das Cruces son este ano as persoas encargadas de impartir as accións formativas para escolares. A regueifeira de Coristanco, Lupe Blanco, bisneta do considerado padriño da regueifa de Bergantiños na década dos 80, foi precisamente quen abriu, regueifando, o acto de presentación este mediodía.

Ademais, por segundo ano consecutivo, o proxecto veu acompañado dun obradoiro para profesorado da man de Manolo Maseda (mestre, músico e regueifeiro) e Séchu Sende (mestre, escritor e regueifeiro), ademais de Lupe Blanco e Josinho da Teixeira (formadores do Enreguéifate). No obradoiro, impartido o pasado 6 de outubro no Espazo Apego do Concello de Santiago, participaron uns corenta docentes de toda Galicia, que puideron achegarse ou dar un paso máis no mundo o profesorado multiplique a madeira regueifeira entre o seu alumnado, para estimulalos tamén a participar no certame Enreguéifate.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Talento para improvisar con Enreguéifate"

Comeza a VII edición do certame Enreguéifate baixo o lema “Temos madeira regueifeira!”

Multimedia

  • Cartaz do Enreguéifate 2024
  • Comeza a VII edición do certame Enreguéifate baixo o lema “Temos madeira regueifeira!”
  • Comeza a VII edición do certame Enreguéifate baixo o lema “Temos madeira regueifeira!”
  • Comeza a VII edición do certame Enreguéifate baixo o lema “Temos madeira regueifeira!”