Pestanas principais

O Nadal ábrese paso en Ames con música, contacontos e a visita de Papá Noel

Martes, 19 de decembro de 2023

As actividades da programación de Nadal, organizadas conxuntamente por diversos departamentos municipais, continúan esta semana coa chegada de Papá Noel ao Milladoiro e Bertamiráns os días 22 e 23 de decembro. Ademais, haberá sesións de contacontos  e actividades musicais para todas as idades. Ademais, o venres 22 haberá unha nova sesión do AmesOn infantil a cargo de "Pitusa Semifusa" e o sábado 23 represéntase "Mary Poppins, el musical".

A programación do Nadal do Concello de Ames, que comezou o 9 de decembro co acendido do alumeado municipal, continúa esta semana con numerosas actividades para todas as idades.

Música, deporte e contacontos
Vai ser unha semana chea de música que comezou hoxe, 19 de decembro, coa visita do Coro e do grupo de pandeiretas de maiores aos máis pequenos na escola infantil municipal O Bosque, en Bertamiráns, ás 11:00 horas. Tamén se vai celebrar o AmesON de Nadal coa actividade “Pitusa Semifusa”, dirixida ás crianzas, o 22 de decembro ás 19:30 horas na Casa dos Maiores de Bertamiráns.

Ademais, o sábado 23 de decembro, ás 20:00 horas, a academia de danza Balancé interpretará “Mary Poppins, el musical” no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. As entradas poden mercarse no local da academia ou a través do teléfono 616 83 59 38.  Os cartos das entradas destinaranse integramente á fundación Aladina, adicada a axudar a nenos e adolescentes con cancro e ás súas familias, e á fundación UCIM, unha fundación turca que recada fondos para axudar ás nenas que sofren abuso en Turquía.

Por outra banda, a Biblioteca de Bertamiráns organiza tres sesións de contacontos para nenos con contos de Nadal. Estas sesións serán os días 19, 20 e 21 de decembro ás 17:30 horas.

Tamén vai haber espazo para o deporte: o venres 22 de decembro; ás 16:30 horas, o club de patinaxe artística Sarela celebra a súa gala de Nadal no pavillón de Bertamiráns.

Visitas de Papá Noel
Papá Noel visitará un ano máis o concello de Ames. O día 22 de decembro achegarase ao Centro Social do Milladoiro (no local do antigo centro de saúde), mentres que o sábado 23 estará na Casa dos Maiores de Bertamiráns. En ambos casos as visitas serán en horario de 11:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 19:00 horas.

Todos aqueles rapaces e rapazas que acudan a saudar a Papá Noel levarán un detalle como agasallo, e poderán facerse unha foto con el xa que haberá un photomaton.

Cartaz da visita de Papá Noel

Multimedia

  • Cartaz da visita de Papá Noel
  • Cartaz coa programación de Nadal
  • Cartaz Nadal en Ames