Pestanas principais

A Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía organiza un foro no que se vai presentar a obra "Ata o Mar, A prolongación do Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía"

Luns, 27 de novembro de 2023

O alcalde de Ames e responsable da área de Turismo, Blas García, asistiu hoxe pola mañá ao acto de sinatura dun convenio entre a Universidade da Coruña e maila Asociación de concellos do Camiño Fisterra-Muxía, da que forma parte o noso Concello. O acordo contempla o traballo conxunto para a realización de actividades de carácter científico e de promoción cultural e difusión, en forma de publicacións, presentacións, xornadas, congresos ou exposicións, relacionadas co Camiño de Fisterra - Muxía. Dentro de dito convenio inclúese a elaboración do libro "Ata o Mar, A prolongación do Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía", que será presentado o próximo sábado, 2 de decembro, dentro do Foro de Internalización que está organizando dita asociación.

A Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía, da que forma parte o Concello de Ames, organiza un foro sobre esta ruta xacobea os días 2 e 3 de decembro na Casa da Cultura de Cee. O obxectivo é analizar e establecer as claves para a expansión e internacionalización deste Camiño. As inscrición no foro poden tramitarse a través deste enlace.

En dito foro será presentado o libro "Ata o Mar, A prolongación do Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía". É o segundo libro que se edita dentro da Colección "Camiños do Mar". O primeiro foi o adicado ao Camiño Inglés. A presentación será o sábado 2 de decembro, ás 12.30 horas, por tres das persoas coautoras, todas profesores/as na Universidade da Coruña: Carlos J. Rodríguez Carro, Mavi Lezcano e Patricia Fraa.
 
Trátase dunha obra colectiva elaborado por sete autores/as, na que se realiza unha descrición precisa deste Camiño de Santiago, acompañada de explicacións ligadas aos sentidos, ás lembranzas dos viaxeiros/as que axudan a construír esta ruta, e abórdase tamén a non sempre fácil relación entre o turismo e maila cultura.

Foro de Internacionalización: primeira xornada
O foro comezará o 2 de decembro, na Casa da Cultura de Cee, a partir das 9:00 horas, coa recollida de acreditacións. A continuación farase a inauguración institucional das xornadas coa participación da presidenta da Asociación de Camiños Fisterra-Muxía e alcaldesa de Fisterra, Áurea Domínguez, o Deputado Delegado do Camiño na Deputación de A Coruña, Antonio Leira Piñeiro, o director da Axencia de Turismo da Xunta de Galicia, José Manuel Merelles, que estarán acompañados doas representantes dos outros Concellos que forman parte da asociación, ente os que se atopa Ames.

Posteriormente, ás 10:30 horas, abrirase a primeira mesa redonda, titulada “O Camiño Fisterra Muxía na Historia – Pasado, presente e futuro”. Nela participarán Antón Pombo  (divulgador e autor de guías do Camiño), Rosa Sánchez (vogal da Asociación de Profesionais de Turismo da Costa da Morte) e Caetana Varela (representante da asociación SOLPOR e xerente do Bed &Breakfast SanAndo).

Ás 12:30 horas terá lugar a presentación do libro "Ata o Mar, A prolongación do Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía". Dita obra será presentada por tres dos sete autores: Mavi Lezcano (profesora de turismo da UDC); Patricia Fraa (profesora de Filoloxía da USC); e Carlos J. Rodríguez Carro (profesor de Turismo na UDC).

Pola tarde retomaranse as actividades cunha segunda mesa redonda, que comezará ás 16:00 horas, co nome “Os Camiños Atlánticos”. Os participantes serán o Director da Oficina Española de Turismo en Dublín, Rubén Sánchez Pulido, o representante da Camino Society de Irlanda, Noirin Uí Mhaolaoi, e o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás.

A primeira xornada rematará ás 18:00 horas, coa presentación do proxecto “Xapón e a Costa da Morte: dous extremos unidos polo sol. Un potencial por descubrir” do divulgador científico da Universidade de Santiago de Compostela, o profesor Jorge Mira.

Segunda xornada do foro
A segunda xornada comezará ás 9:30 horas do día 3 de decembro coa apertura da terceira mesa redonda, titulada “Innovación, dixitalización e comunicación como base para a internacionalización do Camiño”. Os participantes deste terceiro coloquio serán Eduardo Sánchez Salas (consultor DTI e asesor do Clúster de Empresas Innovadoras para o Turismo da Comunitat Valenciana, ADESTIC), Sara González (responsable de comunicación e marketing en Xoia Software), Pedro Tasende (CEO de Aporta Comunicación) e Marta Giráldez (presidenta da Mancomunidade do Salnés). Ás 11:30 horas presentarase o libro “A viaxe á fin do mundo”, de Manuel F. Rodríguez, quen participará no acto.

A última xornada do foro comezará ás 12:30 horas co panel de experiencias “Aproveitamento turístico do patrimonio material e inmaterial local. Do local ao global”. Nel  van intervir a secretaria técnica da CMAT, Marta Rodríguez Casas; a técnica de turismo do Concello de Dumbría, Ada González; a técnica de turismo de Cee, Iria Abelleira; a técnica de turismo de Fisterra, Begoña Valdomar; e persoal de Incolsa-Turismo de Santiago, Aurora Lestón.

Estas xornadas poderán seguirse a través das redes socias de Facebook e Instagram da asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Colaboración entre la Universidade da Coruña y el foro de concellos de la prolongación jacobea"

Acto de sinatura do convenio entre a Universidade da Coruña e a Asociación de concellos do Camiño Fisterra-Muxía

Multimedia

  • A Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía organiza un foro no que se vai presentar a obra "Ata o Mar, A prolongación do Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía
  • Acto de sinatura do convenio entre a Universidade da Coruña e a Asociación de concellos do Camiño Fisterra-Muxía
  • Acto de sinatura do convenio entre a Universidade da Coruña e a Asociación de concellos do Camiño Fisterra-Muxía
  • A Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía organiza un foro no que se vai presentar a obra "Ata o Mar, A prolongación do Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía"
  • A Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía organiza un foro no que se vai presentar a obra "Ata o Mar, A prolongación do Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía"
  • A Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía organiza un foro no que se vai presentar a obra "Ata o Mar, A prolongación do Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía"