Pestanas principais

Apróbase a licitación das obras de mellora do acceso a Trasmonte por 157.000 euros

Xoves, 18 de agosto de 2022

A Xunta de Goberno Local aprobou a comezos de agosto o expediente de licitación das obras de mellora do acceso ao núcleo de Trasmonte, na súa parroquia homónima. As obras, que contan cun orzamento base de 156.527 euros, están incluídas no POS+ 2021 da Deputación da Coruña. O proxecto inclúe a mellora da capa de rodaxe a e a construción dunha gabia de formigón.

O núcleo de Trasmonte, situado na parroquia do mesmo nome, gozará nos vindeiros meses dunha importante mellora no seu viario, continuando así o investimento do Concello de Ames nas súas infraestruturas e no rural. Nesta ocasión, a Xunta de Goberno Local do pasado 4 de agosto aprobou unhas obras que servirán para mellorar a capa de rodaxe dun treito de 825 metros de lonxitude e a construción dunha cuneta transitable de formigón. As obras contan cun orzamento inicial de 156.527,97 euros e están incluídas no POS+ 2021 da Deputación da Coruña.

Características técnicas das obras

Nunha lonxitude de 825 metros e cun ancho medio de 5 metros preténdese a mellora da capa de rodaxe, con 5 cm de aglomerado en quente, previa reparación de fochancas, e perfilado de mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo.

Ademais, en 660 metros do mesmo trazado contémplase a continuación da gabia transitable de formigón, cun ancho medio de 1,5 metros baixo a que se canalizará a recollida de pluviais e o alumeado público, cos seus correspondentes sumidoiros e arquetas.

Completarase a actuación coa limpeza previa de gabias e salvagabias para a correcta drenaxe lonxitudinal e transversal, e co pintado das marcas viarias.

A actuación está incluída no POS + 2021 da Deputación da Coruña, que abrangue outras melloras nas infraestruturas do rural amesán, como as obras de pavimentación de interiores e accesos do núcleo de Ventín, na parroquia de Biduído, ou o recentemente aprobado proxecto de mellora da estrada que une Vilar e Quintáns, na parroquia da Ameixenda.

O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, quixo poñer en valor a aposta do Goberno municipal polo rural amesán. “Estamos traballando e mellorando moitos núcleos, ademais de realizar outros investimentos importantes como o alumeado led ou a mellora dos servizos no rural". O alcalde engadiu que “apoiamos o rural pese á situación actual, onde realizar obras é moi complicado. Con todo, seguimos traballando e facémolo a bo ritmo".

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames licita por 157.000 euros mejoras viarias en Trasmonte"

El Correo Gallego: "Mejoran calzada y cunetas en la vía que arropa la iglesia de Trasmonte"

Apróbase a licitación das obras de mellora de acceso a Trasmonte por 157.000 euros

Multimedia

  • Apróbase a licitación das obras de mellora de acceso a Trasmonte por 157.000 euros
  • Apróbase a licitación das obras de mellora de acceso a Trasmonte por 157.000 euros
  • Apróbase a licitación das obras de mellora de acceso a Trasmonte por 157.000 euros
  • Apróbase a licitación das obras de mellora de acceso a Trasmonte por 157.000 euros
  • Apróbase a licitación das obras de mellora de acceso a Trasmonte por 157.000 euros