Pestanas principais

O Concello de Ames pon en valor os servizos complementarios de educación e conciliación no IV Seminario Internacional Tempos Educativos e Sociais

Luns, 11 de xullo de 2022

O concelleiro de Educación e Axenda Urbana, David Santomil, participou a semana pasada no IV Seminario Internacional Tempos Educativos e Sociais, organizado polo grupo de investigación SEOA-Interea, coa colaboración da Sociedad Iberoamericana de Pedagogía Social (SIPS) e maila Red de Investigación en ocio OcioGune. David Santomil participou na mesa “A conciliación: unha visión dende o asociacionismo, a empresa e a Administración local”.

O pasado xoves 7 e venres 8 de xullo de 2022 celebrouse na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela (Campus Vida) o IV Seminario Internacional Tempos Educativos e Sociais. Un encontro que tivo como finalidade reflexionar sobre as conexións entre a conciliación dos tempos, a equidade e as súas repercusións na vida da infancia, destacando o papel da educación na construción de sociedades máis xustas e inclusivas.

O Concello de Ames participou en dito seminario para dar a coñecer os servizos complementarios de educación e conciliación. O concelleiro de Educación e Axenda Urbana, David Santomil, participou na mesa “A conciliación: unha visión dende o asociacionismo, a empresa e a Administración local”. Santomil destacou a importancia destas xornadas “pola transcendencia que teñen a nivel internacional”. Ademais engadiu que “dende o Concello de Ames puxemos en valor os servizos complementarios de educación e conciliación que ofrecemos dende xa hai moitos anos e que son referencia dentro do territorio galego e en boa parte do Estado”.

O concelleiro de Educación participou neste faladoiro xunto con Berta Caro Mirás, directora de Asuntos Corporativos da empresa amesá Tecalis; e Maite Egoscozábal, da asociación Yo No Renuncio, que pertence ao Club de Malas Madres. A mesa estivo moderada por Rita Gradaílle Pernas.
 
Neste senso Santomil explicou que “o Concello de Ames participou nestas xornadas xunto a empresa amesá Tecalis, que é unha compañía punteira do sector tecnolóxico. Ambos puxemos en valor e como exemplo os servizos complementarios do Concello de Ames, nós dende o punto de vista da política municipal e Tecalis dende o punto de vista da empresa”.

Cómpre lembrar que os servizos complementarios de educación e conciliación do Concello de Ames engloban á Rede de Comedores Escolares e mailos programas Bos Días Cole e Tardes Divertidas, que están dirixidos ao alumnado de educación infantil e primaria. Nestes programas participan todos os cursos arredor de 2.000 alumnos e alumnas.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames pon en valor os servizos de conciliación da vila nun seminario"

David Santomil participou na mesa “A conciliación: unha visión dende o asociacionismo, a empresa e a Administración local”