Pestanas principais

Recomendacións para axudar á poboación ucraína de forma eficaz

Xoves, 10 de marzo de 2022

O Concello de Ames informa sobre un comunicado conxunto da Xunta de Galicia; FEGAMP; Coordinadora Galega de ONGD; Farmacéuticos Mundi; Médicos del Mundo; UNICEF; Cruz Vermella; EDUCO; Entreculturas; ACNUR; Axuda en Acción; Movimiento por la Paz, el Desarme y la Libertad; e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, coas recomendacións para axudar á poboación ucraína de forma eficaz.

-A solidariedade é, sen dúbida, unha das características máis relevantes da cidadanía galega.

-Na actual crise provocada polo conflito bélico en Ucraína, unha vez máis, as mostras de solidariedade son constantes. Nestes días estamos a recibir numerosos ofrecementos de axuda, gran parte deles consistentes en doazóns en especie de materiais.

-En situacións como a actual faise máis necesario, se cabe, que a axuda humanitaria chegue ás persoas que o necesiten sen prexudicar os mercados e canles locais, sen poñer en perigo nin aos actores humanitarios nin á poboación beneficiaria e tratando de minimizar o impacto medioambiental.

-As organizacións humanitarias especializadas en terreo son as encargadas da avaliación das necesidades, que varían en cada momento, para adecuar os seus chamamentos de axuda. Neste senso, os bens materiais doados en Galicia poden resultar non adecuados ás necesidades da poboación e da situación humanitaria e loxística en terreo.

-Os bens doados de xeito particular están a supoñer custos administrativos e dificultades loxísticas engadidas (transporte, recepción, almacenamento, distribución, etc.) para as institucións que as xestionan.

-Ademais, a doazón internacional dalgúns produtos, como os medicamentos, está sometida a uns estritos protocolos que restrinxen as doazóns por parte de particulares.

-Actualmente é difícil a garantía de corredores humanitarios estables que permitan a distribución e acceso seguros, pese aos esforzos de negociación das organizacións de carácter humanitario coas partes en conflito.

-Os problemas desta crise humanitaria manteranse ao longo do tempo e as axudas serán necesarias non só neste momento do conflito, senón ao longo da súa duración, asi como na etapa de reconstrución.

-Agradecendo estes ofrecementos brindados á poboación afectada por esta crise humanitaria, en consonancia coa Oficina de Acción Humanitaria (OAH) da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), recomendamos que a nosa solidariedade sexa canalizada a través de axudas económicas dirixidas ás ONGD internacionais humanitarias presentes na zona mostrando a nosa confianza na sua xestión.

Polo tanto:
1.- Recomendamos canalizar a axuda da cidadanía a través de doazóns económicas mediante as diferentes Organizacións Non Gobernamentais (ONGD) Humanitarias que traballan na zona, así como a través de organismos humanitarios especializados.

As seguintes organizacións/organismos que traballan no terreo fixeron chamamentos para realizar doazóns:

Organizacións en Galicia con presencia no terreo:
-Médicos del Mundo.
-Entreculturas.
-Educo.
-Farmacéuticos Mundi.
-Ayuda en Acción.

Para máis información pódese consultar a páxina web de Galicia solidaria.

-Cruz Vermella: Chamamento da Federación Internacional da Cruz Vermella e a Media Lúa Vermella e do Comité Internacional da Cruz Vermella, canalizado a través da Cruz Vermella Española.
-UNICEF: Chamamento do Fondo das Nacións Unidas para a Infancia.
-ACNUR (Agencia de Nacións Unidas para os Refuxiados).

Para dispor de máis información sobre chamamentos doutros organismos internacionais preme aquí.

2.- Desaconsellamos as doazóns en especie, ao resultar menos eficiente este tipo de axuda e constituír unha mala práctica no ámbito da axuda humanitaria.

Protección temporal a persoas afectadas polo conflito en Ucraína
Tamén se informa de que hoxe no BOE publicouse a orde que desenvolve o procedemento para o recoñecemento da protección temporal a persoas afectadas polo conflito en Ucraína.

Existe máis información na seguinte ligazón do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

Recomendacións para axudar á poboación ucraína de forma eficaz