Pestanas principais

Dous atletas do MillaRaio no galego absoluto de pista cuberta e sete medallas no sub18 e no sub20

Luns, 21 de febreiro de 2022

Este sábado 19, oito atletas do MillaRaio participaron no campionato de Galicia sub18 de pista cuberta, obtendo seis medallas, coas actuacións destacadas de Álvaro Francos, ouro en salto con pértega, e de Daniel Cariñena, ouro en salto de lonxitude e bronce nos 200m. O domingo 20, foi a quenda da competición sub20, na que Diego Liñares foi bronce nos 60m valos e quinto nos 60m lisos. Ademais, os sub18 Daniel Cariñena e Roi Rial participaron o pasado sábado 12 no campionato galego absoluto de pista cuberta, rematando quintos en salto de lonxitude e triplo salto, respectivamente.

Fin de semana de competición para os deportistas do club MillaRaio, que conseguiron resultados de mérito a nivel galego. Nos campionatos de Galicia sub18 e sub 20 de pista cuberta, celebrados en Ourense esta fin de semana, o MillaRaio conseguiu subirse ao podio ata en sete ocasións.

O sábado 19, oito atletas participaron no campionato sub18, obtendo seis medallas. Destacaron as actuacións de Álvaro Francos, ouro en salto con pértega e sexto nos 60m valos, e de Daniel Cariñena, que conseguiu dous metais ao rematar terceiro a proba dos 200m e ao gañar a de salto de lonxitude, cunha marca de 6,75m que lle permitirá estar no campionato de España de pista cuberta.

En triplo salto, Roi Rial e David García foron prata e bronce, mentres que en salto de altura, Noel Ferraces, e de novo David García e Roi Rial foron terceiro, quinto e sétimo, respectivamente. Ademais, Alejandro Jiménez rematou sexto nos 200m e oitavo en salto de lonxitude; Matías Barca quedou duodécimo nos 60m, e Irene Rodiles foi cuarta na súa semifinal de 60m.

Pola súa banda, onte domingo 20 tiveron lugar os campionatos sub20, nos que o único representante do MillaRaio, Diego Liñares, realizou un gran papel, levando a medalla de bronce nos 60m valos e rematando quinto nos 60m lisos.

Dous representantes do MillaRaio no absoluto galego de pista cuberta

Unha semana antes, no campionato de Galicia absoluto de pista cuberta, celebrado en Ourense o pasado día 12, dous atletas sub18 do MillaRaio realizaran boas actuacións nunha categoría superior á súa. Daniel Cariñena foi quinto no salto de lonxitude, cun salto de 6,43 metros no que mellorou a súa mellor marca en 40 centímetros. Roi Rial tamén foi quinto, desta vez no triplo salto, cunha marca de 12,69 metros.

Bo papel nos campionatos provinciais e galegos de campo a través

Tamén o sábado 12, 33 atletas participaron no campionato provincial Xogade de campo a través, no que destacou a actuación do equipo sub16 masculino, que rematou segundo a súa proba. Tamén se subiu ao podio o sub14 Mateo Dagnac, que foi terceiro na súa categoría. Cos seus resultados, tanto o equipo sub16 como Dagnac clasificáronse para o campionato galego, xunto co sub12 Samrawit Aller e a sub14 Ariadna Gómez.

Finalmente, este domingo 20 celebrouse o campionato galego Xogade de campo a través en Lourenzá, no que o equipo sub16 masculino, composto por Lucas Pena, Adrián Sesar, Nadir Moreira, Hugo Santos e Bran Liste acadou a sexta posición. Participou na modalidade individual a sub14 Ariadna Gómez.

Novas relacionadas

AMSGO!: "Sete medallas para o Millaraio nos campionatos de Galicia sub18 e sub20"

Daniel Cariñena, ouro en salto de lonxitude no campionato sub18

Multimedia

  • Daniel Cariñena, bronce nos 200m no campionato sub18
  • Diego Liñares, bronce nos 60m valos no campionato sub20
  • Noel Ferraces, bronce no salto de altura no campionato sub18
  • Roi Rial e David García, prata e bronce no triplo salto no campionato sub18
  • Equipo sub16 masculino de campo a través
  • Álvaro Francos, ouro en salto con pértega no campionato sub18