Pestanas principais

Unha exposición e unha charla coloquio dan a coñecer en Ames á Fundación Terra de Homes

Martes, 21 de decembro de 2021

Da man da Fundación Terra de Homes, chega á Casa de Cultura de Bertamiráns a exposición “Viaxe cara a vida” que recolle información sobre un proxecto a través do que nenos e nenas de diferentes países que sofren patoloxías graves veñen a España para curarse. A exposición estará aberta até o 5 se xaneiro do ano que vén. Ademais, o mércores, 22 de decembro, tamén na Casa de Cultura de Bertamiráns, ás 20:30 horas, terá lugar unha charla coloquio para dar a coñecer as actividades desta fundación solidaria. Nesta charla participarán familias de Ames que pertencen á devandita organización. Na charla aplicaranse todas as medidas de seguridade que esixe a loita contra a pandemia.

A concellaría deBenestar e Voluntariado quere dar a coñecer a actividade altruísta que realiza a Fundación Terra de Homes. “Queremos dar a coñecer a súa labor, especialmente este programa que persoalmente me parece un proxecto de voluntariado marabilloso no que se lle da a un neno ou nena cunha patoloxía grave, sin cura no seu país de orixe, a posibilidade de operarse e ter unha expectativa de vida que doutro xeito non sería posible”, manifesta a concelleira de Benestar e Voluntariado, Luísa Feijóo, quen engade a importancia que ten “unha rede que se xera dentro da nosa comunidade unha Fundación con identidade propia e sen ánimo de lucro”

A Fundación Terra de Homes foi creada por Edmond Kaiser. Nado en París En 1914,  o farmacéutico dedicou a súa vida á defensa dos débiles, os oprimidos e os máis desamparados, dirixindo moitas das súas accións solidarias ás mulleres e a infancia. En 1941 instálase en Lausanne e nacionalízase suízo mantendo a súa nacionalidade francesa. Apaixoado e comprometido contra todo tipo de inxustizas, funda en 1960 “Terre deas hommes”. A Fundación chega a España no ano 1994 a través de Julia Cárdenas.

“Terra de Homes” ten como obxecto mellorar as condicións de vida da infancia máis vulnerable de forma duradeira e a través da acción directa cos menores, as súas familias e comunidades. Asemade, entre os seus fins están a defensa dos dereitos da infancia, con accións de sensibilización e educación para o desenvolvemento. Entre os seus proxectos destaca  a cooperación internacional para o desenvolvemento enfocada en grande medida á saúde materno infantil e á protección da infancia.

Viaxe cara a vida
No ano 1995 nace en España o programa Viaxe cara á Vida- VhV, co obxectivo de curar no noso país a nenos e nenas afectados por patologías graves: cardiopatías, problemas maxilofaciais, traumatoloxía, uroloxía, colorectal e queimados. Todo isto é posible grazas á colaboración entre Terra de homes e Hospitais da Sanidade Pública e Privada de España, que poñen ao servizo dos pequenos/as beneficarios/as as súas instalacións, os seus equipos médicos e o persoal sanitario necesario para levar a cabo estas intervencións.

Desde os seus inicios, e grazas a esta cadea solidaria apoiada por institucións, entidades, empresas e doazóns de particulares, máis de 700 nenos e nenas foron intervidos nas delegacións de Terra de homes- España en Madrid, Andalucia, Galicia e Euskadi, e hoxe levan unha vida normal nos seus países de orixe e xunto ás súas familias biolóxicas. Os/as menores tratados teñen patoloxías médicas graves pero curables e requiren unha atención médica especializada. Proceden de familias que carecen dos recursos suficientes para afrontar o problema polos seus propios medios.

Desde a súa chegada ao noso país, os/as menores están acompañados/as en todo momento polo voluntariado e familias de acollida da Fundación. “Estas familias constitúen un piar fundamental para o desenvolvemento do programa pois é con elas con que os nenos e nenas pasan o período de recuperación despois das operacións e antes de regresar aos seus fogares”, lembra a concelleira Luisa Feijóo ao tempo que convida ás familias de Ames a coñecer e colaborar coas accións solidarias desta fundación.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Terra de Homes, a ilusión dos nenos de países desfavorecidos para se curar"

cartaz

Multimedia

  • cartaz