Pestanas principais

Ames inaugura o espazo colaborativo “A Proa”

Martes, 09 de novembro de 2021

O alcalde de Ames, Blas García, presenta o espazo de traballo colaborativo este mércores 10 de novembro, ás 11:00 horas. Situada á entrada do parque empresarial Novo Milladoiro, “A Proa” recibiu un forte investimento do Concello de Ames. Asistirán á inauguración Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña; Ana Belén Paz, concelleira de Promoción Económica, e José Miñones, ex-alcalde de Ames.

“A Proa” é un espazo de traballo colaborativo que ten como finalidade ampliar os servizos de apoio a iniciativas emprendedoras, proxectos empresariais ou iniciativas de autoemprego. En instalacións coma esta, persoas autónomas e emprendedoras comparten espazos,  fomentando así as sinerxías, a economía social e colaborativa e o espírito de comunidade. “A Proa” localízase na entrada do parque empresarial Novo Milladoiro. O local, de 400 metros cadrados, conta con 36 postos de traballo, tres salas de xuntas, aulas de formación e eventos, unha zona de recepción, outra de reprografía, de descanso, aseos e un vestíbulo.

Forte investimento
A compra do ben inmoble supuxo un investimento de 475.206 euros. A adquisición do local realizouse con fondos propios do Concello e co financiamento da Deputación da Coruña, que achegou uns 200.000 euros a través dun convenio asinado co Concello de Ames. O resto das actuacións necesarias para poñer en marcha este espazo  colaborativo tales como unha APP de xestión do espazo, a asistencia técnica para a posta en marcha do inicio do espazo, un sistema de conexión de datos WIFI, o mobiliario e unha pantalla interactiva foron financiados con fondos propios  e coa EDUSI Impulsa Ames, cofinanciada con fondos FEDER.

Aposta polo emprendemento audiovisual e tecnolóxico
As instalacións “A Proa” están especialmente pensadas e orientadas cara ás novas apostas de emprendemento nos sectores do audiovisual e da tecnoloxía, reservando os seus postos a dous tipos de proxectos. Por unha banda, as usuarias e usuarios en fase de preincubación, é dicir, con iniciativas empresariais previas á posta en funcionamento, e por outra, as empresas en fase de incubación, con menos de dous anos de antigüidade.

O prazo máximo de uso dos espazos para os proxectos en preincubación será de 12 meses, mentres que para os que estean en fase de incubación será de 18 meses, cun máximo de tres postos de traballo por proxecto. De así desexalo, establecerase unha prórroga de seis meses, previa solicitude xustificada. No caso dos usuarios e usuarias puntuais, poderán solicitar a aula de formación e eventos, co fin de realizar accións vinculadas á súa actividade empresarial ou ao emprendemento.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Apoyo al emprendimiento con el coworking A Proa"

AMSGO!: "‘A Proa’, o espazo de traballo colaborativo do Novo Milladoiro, inaugúrase mañá"

 

 

Ames inaugura o espazo colaborativo “A Proa”

Multimedia

  • Ames inaugura o espazo colaborativo “A Proa”
  • Ames inaugura o espazo colaborativo “A Proa”
  • Ames inaugura o espazo colaborativo “A Proa”