Xa está aberta a inscrición nas clases de ioga terapéutico que organiza a Concellería de Benestar Social e o departamento de Promoción da Saúde. Poderaste anotar, ata o 20 de setembro ás 14.00 horas, enviando un email a promociondasaude@concellodeames.gal
A partir do 4 de outubro, os veciños e veciñas de Ames poderán acudir, en grupos reducidos, ás sesións de ioga terapéutico que impulsa a Escola Municipal de Saúde. As clases impartiranse no pavillón do Milladoiro, os luns e os mércores ás 10.00 horas, e no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, os luns e os mércores ás 17.00 horas e os martes e xoves, ás 10.00 horas.
Esta actividade está enfocada ao benestar traballando tanto a parte física como emocional. Son uns obradoiros motivadores e participativos e con un gran compoñente de grupo.
O obxectivo é concienciar os/as participantes en que son axentes activos á hora de tomar decisións sobre a súa saúde. Ademais, a intención da "Escola de Saúde" é concienciar sobre a importancia que ten cada un para xerar saúde, centrándose no desenvolvemento e adquisición de habilidades en grupo.
O prazo de inscrición está aberto ata o 20 de setembro ás 14:00h horas e terán prioridade ás persoas empadroadas en Ames. En caso de haber mais solicitudes que prazas procederase a un sorteo público o día 22 de setembro.
Escola Municipal de Saúde
A Escola Municipal de Saúde naceu coa intención de establecer e impulsar estratexias dirixidas a fomentar o desenvolvemento de ferramentas e habilidades encamiñadas a coidar de xeito efectivo a saúde, entendida dende un punto de vista holístico. Tamén ten o obxectivo de promover a adopción de hábitos e estilos de vida saudables e fomentar a corresponsabilidade das persoas no coidado da súa saúde, acadando unha maior calidade de vida.
A través das actividades da Escola Municipal de Saúde as persoas participantes compartiran un espazo de encontro onde se abordará e se traballará, guiadas sempre por expertos/as, diferentes temas relacionados co autocoidados, a prevención, o benestar emocional, a parentalidade positiva e seguir afondando na promoción de hábitos de vida saudables: como son a actividade física, a alimentación saudable e a prevención de condutas aditivas… como aspectos claves do benestar, resolvendo dúbidas, compartindo diálogo, etc.






