Pestanas principais

O alcalde de Ames mantén unha xuntanza coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade para falar da depuradora de Sisalde e da posible cesión da avenida da Peregrina

Xoves, 06 de maio de 2021

O alcalde de Ames, Blas García, e maila conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantiveron onte unha xuntanza na que trataron diversos temas de importancia para a veciñanza amesá. Tratouse dunha reunión de traballo cordial na que se mostrou boa disposición por ambas partes para avanzar en asuntos relacionados co Ciclo integral da auga (depuradora de Sisalde, saneamento para as parroquias amesás de Piñeiro e Tapia e ampliación do servizo da ETAP de Lens ao Milladoiro). Tamén se trataron temas relacionados co eido da mobilidade como a posible cesión da avenida da Peregrina, as queixas da veciñanza sobre o funcionamento do transporte metropolitano e a reposición do servizo de transporte metropolitano de Ortoño, Bugallido e Biduído.

O alcalde de Ames, Blas García, mantivo este mércores, 5 de maio, unha xuntanza coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez. En dita xuntanza tamén participaron o delegado provincial da Xunta de Galicia, Gonzalo Trenor, e mailo director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro. Tratouse dunha xuntanza cordial na que a conselleira mostrou ter coñecemento das necesidades do Concello de Ames.

Un dos temas máis importantes que o alcalde lle trasladou á conselleira foi a necesidade de ampliar a depuradora de Sisalde, que presta servizo aos concellos de Ames e Brión. Sobre este asunto, Ethel Vázquez trasladoulle ao rexedor municipal que, para axudar ao Concello nas súas competencias municipais, se está elaborando un estudio de vertidos de pluviais á rede de saneamento. Dito estudio está previsto que estea finalizado nos próximos meses. Unha vez finalizado acordaron analizar os resultados de forma conxunta para tratar de solucionar as deficiencias que presenta dita depuradora.

Outro asunto tratado relacionado co Ciclo integral da auga foi a posible execución do proxecto conxunto de saneamento para as parroquias amesás de Piñeiro e Tapia, así como para a parroquia de Troitosende do concello de A Baña. Solicitóuselle á conselleira colaboración para o financiamento deste proxecto, que dotaría de saneamento á veciñanza das parroquias da parte norte do concello.

Relacionado tamén co Ciclo integral da auga falouse da posibilidade de ampliar a tubaxes para poder levar a auga a Milladoiro. Neste senso, o obxectivo é que dita potabilizadora poida dar servizo á veciñanza do Milladoiro e das parroquias de Biduído e Bugallido.

Cesión da avenida da Peregrina
Por outra banda, tratouse a posible cesión da avenida da Peregrina, para que ao igual que se fixo coa avenida da Maía, pase a ser de titularidade municipal. O alcalde de Ames presentoulle á conselleira un orzamento para a mellora do pavimento e beirarrúas que habería que executar antes de transferir dita vía ao Concello de Ames. A conselleira mostrouse disposta a estudar dito orzamento. Dita transferencia, de ser o caso, faríase a través da sinatura dun convenio entre a Xunta de Galicia e mailo Concello de Ames.

Dende o Concello de Ames tamén se abordou coa Consellería o funcionamento do transporte metropolitano. Sobre este asunto acordouse que o Concello vaille dar traslado á Consellería das incidencias detectadas para que poidan ser analizadas por parte da Dirección Xeral de Mobilidade.

Reposición do servizo de transporte metropolitano de Ortoño, Bugallido e Biduído
No eido da mobilidade tamén se falou sobre a reposición do servizo de transporte metropolitano para a veciñanza das parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído. Neste senso a Dirección Xeral de Mobilidade está avaliando a posible modificación da ruta correspondente á liña XG80722 de Extramundi a Santiago, que daría servizo aos veciños destas tres parroquias.

Ao mesmo tempo estase avanzando na elaboración do convenio que terían que asinar a Xunta de Galicia e os Concellos de Ames e Santiago para volver a prestar a liña P2 de Santiago, antigo bus de Ortoño, de xeito temporal, mentres non se remate coa modificación da liña XG80722 de Extramundi a Santiago.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames negocia con la Xunta ampliar la EDAR de Sisalde y asumir la avenida da Peregrina"

El Correo Gallego: "A vaquiña polo que vale: a Xunta axudará, pero a xestión da auga é local"

Lindeiros: "Ames busca a cesión da avenida da Peregrina"

Avnda da Peregrina