Pestanas principais

Comezan as actividades da nova edición do programa integrado de emprego dos Concellos de Ames e Brión 2020-2021

Martes, 12 de xaneiro de 2021

Tras os resultados acadados na edición actual do programa integrado de emprego de Ames e Brión (2019-2020) cunha porcentaxe de inserción laboral superior ao 50% das persoas participantes, os dous Concellos inician neste mes de xaneiro as actividades do novo programa e que rematará en novembro de 2021.

O novo programa integrado de emprego dos Concellos de Ames e Brión 2021, financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade con 213.599,74 euros e cofinanciado polos Concellos de Ames e Brión, está dirixido a 100 mulleres desempregadas, dos concellos de Ames e Brión. Ao longo destes últimos dous meses levouse a cabo por parte do persoal do programa a selección das participantes, rematando este proceso o pasado 8 de xaneiro.

Inicio das actividades do programa

Unha vez seleccionadas as 100 mulleres participantes, nas vindeiras semanas comezarán as actividades do programa, cunha primeira sesión individual de asesoramento na que, entre outras cuestións, se establecerá o itinerario personalizado de inserción, cos obradoiros, cursos, prácticas e demais actividades, de cada participante de acordo co seu titor ou titora.

A actividade que cada participante realice vai encamiñada a acadar o obxectivo da inserción laboral ou a mellora da súa empregabilidade, máis necesario aínda na situación actual de especial dificultade e que afecta en maior medida a colectivos vulnerables, integrados fundamentalmente por mulleres.

As participantes recibirán formación especializada con prácticas en empresas, elixindo a que máis se adapte aos seus intereses de entre diferentes itinerarios formativos propostos, deseñados de acordo coas oportunidades laborais da nosa comarca: atención sociosanitaria; comercio e atención ao público; ocio e tempo libre; turismo; limpeza; hostalería, etc.

Impartirase, como formación homologada, o certificado de profesionalidade de “Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais” (SSCS0208).

As participantes, ademais, recibirán formación transversal en novas tecnoloxías e idiomas, técnicas de busca de emprego, marca persoal, comunicación, habilidades sociais e intelixencia emocional, emprendemento… e contarán co apoio de titorías persoais para o acompañamento na busca de emprego.

Ao longo do programa as participantes tamén disporán dunha plataforma de teleformación cun amplo catálogo de cursos clasificados por familias profesionais e dos que poderán facer totalmente online e coa flexibilidade que implica estamodalidade.                                                                                                                                                                                                                       

Balance do programa integrado de emprego 2019-2020

A edición 2019-2020 do programa integrado de emprego de Ames e Brión, que deu comezo en outubro de 2019 e que estaba dirixido a 100 persoas desempregadas, das que 85 son menores de 30 anos e 15 maiores de 45 anos, está rematando as súas actividades ao longo deste mes, pola ampliación do seu período de execución derivado da Covid-19 ata o 31 de xaneiro de 2021.

Neste último período, nos meses de decembro e xaneiro, estanse realizando prácticas non laborais en empresas, correspondentes ao itinerario de Ocio e tempo libre, así como ao certificado de profesionalidade de “Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais” (SSCS0208).

Tamén se está a impartir o último dos cursos presenciais: “Inglés intermedio: atención ao público” e remataranse as titorías individuais coa última sesión con cada un/unha dos/das participantes.

Ata a data actual, 54 persoas tiveron, polo menos, un contrato laboral, o que supera amplamente o obxectivo de inserción inicialmente fixado.

Ao finalizar o programa terase realizado un total de 23 accións formativas presenciais e terán realizado prácticas non laborais 55 persoas participantes, asinando os correspondentes convenios de colaboración con empresas da comarca dos diferentes sectores relacionados coa formación impartida.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames y Brión inician el primer plan de empleo para mujeres, con cien plazas de formación"

El Correo Gallego: "Cien desempleadas de A Maía reciben formación personalizada y práctica"

Programa integrado de emprego